acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Mulher de Porto Pim
Busto de Antero de Quental en Ponta Delgada. Album de Marta DacostaHai un par de semanas que rematei de ler a Mulher de Porto Pim de Tabucchi. Volvín co libro dos Açores, como lembranza da viaxe á illa de San Miguel. Desde entón tentei iniciar a súa lectura unha e outra vez, até o extremo de facelo atravesar o Atlántico de novo, mais non foi até marzo (ou abril?) que puiden introducilo na miña lista aleatoria de lecturas, esa que non consegue rebaixar a altura das torres que agardan nos andeis.

Gocei infinitamente da súa lectura. Foi como volver ao centro do Atlántico. Gustei particularmente do relato “Antero de Quental. Uma vida” e andei de novo as rúas de Ponta Delgada acompañando a anguria do escritor, vin de novo o lugar en que o seu corpo caeu ao chan definitivamente, maxistralmente relatado polo italiano.

Os relatos son diversos, cada un ten o seu sabor especial, mesmo o que dá nome ao libro, esa crónica da violencia contra unha muller, sabor agre que ao final deixa a arcada na boca do estómago.

O libro fala das illas e dos seus habitantes, sobre todo dos habitantes do mar, como esa “baleia que vê os homens”, o enorme cetáceo que desde o seu pequeno ollo observa os seres humanos, especialmente os homes, os seus cazadores, e di:

“Também eles andam em bandos mas não levam fêmeas e adivinha-se que elas estão algures, mas são sempre invisíveis.”

O libro foi publicado por primeira vez en 1983. Se por ventura viaxades aos Açores, facede a primeira parada nunha librería e deixádevos acompañar das palabras de Tabucchi durante o voso percurso. Para min queda a encomenda de repetir a viaxe, agora co libro na man.
Comentarios (3) - Categoría: libros - Publicado o 04-05-2008 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
Cousas que non necesito
San Miguel. Foto Marta Dacosta“Cantas cousas hai aquí que eu non necesito”. Din que esta frase foi pronunciada por Sócrates nunha feira ateniense. Recóllea o historiador Xosé Lois García na súa edición do Tao Te King, cando sinala que Lao Tse despoxárase de todo exceso e luxo buscando o camiño da naturalidade, abandonando “as máscaras onde o ser humano tenta refuxiarse de si mesmo”.

Mais hoxe esta frase de Sócrates e esta renuncia ás máscaras de Lao Tse pode ter para nós un novo significado. Porque si, hai algo aquí, neste Anteproxecto de Decreto de Bacharelato que presentou a Consellaría de Educación, que non necesitamos. Sobran horas de relixión.

Tal vez Marx volvese enterrar a cabeza na súa tumba se, espertando no mundo de hoxe, vise como a integración da relixión católica no horario do alumnado do Bacharelato vaino privar de, por exemplo, unha hora de filosofía, desa filosofía que recolle a súa posición sobre a relixión: “A superación da relixión como felicidade ilusoria do pobo, é a reivindicación da súa felicidade real”.

O artigo segue aquí.
Comentarios (4) - Categoría: artigos - Publicado o 01-05-2008 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal
Acuática