acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Ordenando palabras
«Adhémar de Monteil à Antioche» de Desconocido - British Library Manuscript in the Yates Thompson CoEscribir é …

Comezar a semana o martes tentando capturar unha idea, para comprobar ao día seguinte que xustamente iso non foi recollido pola gravadora para casos urxentes. E entón facer memoria, halar desde o seu pozo opaco as imaxes creadas explosivamente, case recuperalas e deitalas sobre o soporte branco que sempre nos enfronta. Que pase outro día e outra imaxe acuda como un volcán, botar man outra vez da gravadora agardando que agora si garde o que debe ser gardado, e chegar ao sábado para incorporar a imaxe no poema. Colocar e recolocar imaxes coma quen ordena armarios, coa ansia de que a través da oculta persuasión prevaleza a sinceridade e a mensaxe se descolgue polo fío invisíbel da lectura.

Pasar o sábado construíndo o edificio do poema, reler as pegadas que nos levan a el, encaixar o que debe ser dito, velar polas medidas. E todo isto mentres a realidade agarda a cota de atención que nunca chega: a louza por fregar, a aspiradora, a roupa tendida e a que debe ser lavada, a listaxe non feita do que hai que comprar para o xantar de hoxe, e todos os etcs que a isto corresponden.

E eu aquí sentada ordenando palabras.

25 de abril de 2015

Comentarios (0) - Categoría: Escribir é - Publicado o 25-04-2015 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
Recensión de Dun lago escuro no Diario de Pontevedra e en El Progreso
Ramón Rozas publica no Diario de Pontevedra e en El Progreso unha recensión de Dun lago escuro:

"Marta Dacosta propón nesta travesía polo seu derradeiro poemario, «Dun lago escuro», percorrer ese itinerario carontino para situarnos ante nós mesmos á procura dunha resposta fronte á podremia que, esta sociedade na que nos tocou vivir, nos asulaga ata a asfixia... É a travesía a nado dun lago como metáfora da viaxe da vida na que adoitamos mirar cara o ceo mentres baixo nós amontóanse os cadáveres. Cómo nos gusta meter baixo a alfombra todo o que é suxo? Aquilo que nos fai darnos conta do que en realidade somos."

"Alucinacións, efectos surreais, xeroglíficos… estrañas percepcións para rachar o equilibrio, converténdose ao fin na incómoda peaxe da nosa travesía."

"... un poemario imprescindible hoxe para entender moito do que nos mergulla na desesperación. Palabras para rastrexar a incerteza. Palabras para respirar."

A recensión completa está en:
- Xerais
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 17-04-2015 09:05
# Ligazón permanente a este artigo
Encontro coa poesía de Thamizhachi Thangapandian
(foto feita por María Reimóndez e publicada por Apiario)

O pasado 11 de abril, Apiario e Implicadas organizaron un obradoiro coa poeta támil Thamizhachi Thangapandian, a súa proposta era: "unha xornada de traballo e intercambio arredor da palabra e a imaxe como fíos conductores entre linguas e culturas."

Foi unha xornada moi produtiva, especialmente pola oportunidade de coñecer a poeta támil e escoitar e ler algúns dos seus poemas.

Foron varios os retos que nos propuxeron. O primeiro foi presentarnos. Thamizhachi leu un poema seu como presentación, un poema que recollía imaxes esenciais que nos remitían ao contexto cultural támil.

Na casa da familia política

Os soños de
cociñar
no lume do gas
van e veñen
cada
día de verán
amasando
bosta.

(tradución de María Reimóndez)

Entón tocounos a nós. Eu pensei que palabra podía definirme e situarme no meu país e na miña cultura, dando conta de que é o que me inflúe. Esa palabra foi "marusía", na única acepción que ten para min: "cheiro do mar e do argazo" e construín este poema:

FORMIGÓN e ladrillo
a cuarta parede
contra a marusía

todo o demais
aparencia de memoria

e xogar ás agachadas
coas palabras
que resistiron


Na páxina de Implicadas pode lerse algún outro poema de Thamizhachi, como este titulado "Lenda de muller" en tradución de Mugaiyur Asadha e María Reimóndez.

Ramón Nicolás publica no seu Caderno da Crítica unha entrevista que nos permite achegarnos ao pensamento de Thamizhachi Thangapandian.

Moitas grazas a Apiario e Implicadas por este encontro.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-04-2015 08:29
# Ligazón permanente a este artigo
Agradecida


Sorprendida e agradecida.
Finalistas dos premios AELG 2015.

Parabéns a todas e todos. E sorte!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-04-2015 13:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática