acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

No IES Valle Inclán
O pasado 19 de abril, dentro do Festival PontePoética, participei nun encontro co alumnado do IES Valle Inclán de Pontevedra.

Primeiro falei co alumnado de varios cursos e logo, despois de que tocara o timbre, quedei cun grupo, as e o que se encargan da revista. Alí estivemos falando doutros tempos, dándolles ideas, animándoos a que se coman o mundo, poeticamente falando.

Da páxina do IES Valle Inclán:
"O venres 19 de abril, nunha celebración anticipada do Día do Libro, o alumnado de 1º de Bacharelato A e E asistiu na biblioteca do centro a unha charla-recital da poeta Marta Dacosta, na que foi alternando anécdotas da súa vida co recitado dos seus poemas e contestanto a algunhas preguntas que lle ían plantexando os asistentes. A última hora uniuse tamén o alumnado de 4º E e mais outros alumnos de 4º que están preparando a revista do centro. A actividade foi moi interesante e todos estiveron moi atentos, como ben pode verse nas fotos que acompañan. (Máis fotos)"
Comentarios (0) - Categoría: PontePoética 2013 - Publicado o 30-04-2013 08:17
# Ligazón permanente a este artigo
Fartas de que decidan por nós
Cando leo ou escoito sobre os costumes dos pobos en que o islam é o credo maioritario, non podo deixar de considerar que somos profundamente hipócritas. Corrixo, son profundamente hipócritas.

Estou lendo a Kaminski. Leo o relato protagonizado pola señora Zaui. Sinto que me falan da veciña do lado. Esa vella enloitada de pano na cabeza que se aferra ás súas crenzas. A mesma que nos impacta coas máis controvertidas propostas. Como a garrafiña co sangue menstrual que a señora Zaui usa para salvar un neno prematuro.

Kaminski retrata a muller desde o punto de vista dun narrador occidental que non entende por que, malia vivir xa nun tempo novo en que as mulleres comezaban liberarse, seguía levando veo. Fala doutra época. Tamén fala doutro país. E as lectoras e os lectores occidentais len a Kaminski e como moito pensan en que nos países islámicos todo segue sendo así. Lonxe de nós.

Inxenuos. Como pouco son inxenuos. Ven o mundo cos ollos que lles poñen os medios de comunicación sistémicos que nos informan da barbarie en Boston mentres nos ocultan outras realidades cuantitativamente máis bárbaras.

O caso é que non tan lonxe, neste mesmo Estado, neste mesmo país, tamén temos os nosos propios veos. Os mesmos que colgan das peinetas das beatas que asisten ás procesións das dolorosas e dos santos cristos. Beatas de misa diaria, ou case, que van pola vida dicindo que está ben e que está mal.

Algunhas chegan ter responsabilidades políticas e non dubidan en deixar clara a súa posición ideolóxica desde o primeiro día, inaugurando mandato de mantilla e peineta na procesión do Corpus, toda unha declaración de intencións.

Beatas e beatos, que eles tamén o son, que teñen o seu camiño perfectamente deseñado. De feito a prensa que lles é afín ideoloxicamente sinala con descaro que baten records de aprobación de leis. Realmente modificacións lexislativas que procuran cambiar a sociedade para deixala á súa imaxe e semellanza, como faría Deus.

E aí temos o borrador mediante o que pretenden modificar a lei de Educación, contra o que combatemos, e agora a pretensión de modificar a lei do aborto, retallando o limitado dereito a decidir que as mulleres tiñan, e retrocedendo máis de vinte anos en materia lexislativa, mesmo poñendo en risco a vida das propias mulleres.

Son obedientes ás mensaxes da Conferencia episcopal e aos discursos de Rouco Varela, quen hai só uns días, na inauguración da súa CI asemblea falaba de falta de protección á natalidade como un problema social urxente, equiparábel nas súas palabras á crise económica, (tamén a calidade do ensino, por certo, que segundo o cardeal “deixa moito que desexar, sendo así que dela depende en tan grande medida o futuro da sociedade”). Palabras para pedirlle explicacións ao goberno por non contar xa “cun anteproxecto de Lei que permita unha protección eficaz do dereito á vida” e engade: “É urxente a reforma en profundidade da lexislación vixente”.

Pois a iso están. Obedientes servos de Cristo. Emprendendo a modificación da lei do aborto.
As mulleres estamos fartas de que os homes de negro decidan por nós e queiran mandar no noso corpo. Si, homes de negro, todos eles son homes de negro, desde os que levan sotana até os que non a levan e se adornan con garabatas de cor rosa. Non teñen dereito a gobernar os nosos corpos e mesmo a colocarnos en situacións de perigo para as nosas vidas, recortando unha lexislación que en moitos casos foi papel mollado porque nin a propia Consellaría de Sanidade no noso país garantía ás mulleres esta prestación nos hospitais públicos.

Estamos fartas!. Moi fartas!
Se nós parimos, nós decidimos!

Artigo publicado en Terra e tempo
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 27-04-2013 14:33
# Ligazón permanente a este artigo
Ponte Poética 2013
Velaquí a miña particular crónica da Ponte Poética de 2013.

O sábado 20 cheguei plena de poesía. Entrei pola porta da casa recitando o poema de Pozzani, lembrando esa voz profunda: “Oooombra, ooooombra e un batito di cilia ancora, Oooombra, ooooombra”. Algo que non se pode describir, que cómpre ver, escoitar, sentir.

Traía no meu fardel feito de dous días intensos a invocación: “A loita continúa” a través de de Claudio Rodríguez Fer, o poema á mestra Beatriz, morta á idade de 24 anos, namorada de Dante, no poema de Raquel Lanseros, a ironía lacónica de Roger Wolfe, no seu recitar distante e roto, a poderosa presenza de Biel Mesquida transportándonos á súa particular narración da Loita de clases.

Non esquecerei o poema Opera Prima de Rosa Alice Vieira, esa descrición da caricia, cálida e lenta. María do Cebreiro contra o veleno de Corcoesto, Lino Braxe co seu poema visual feito de azuis e negros, lembrando os días horribiles. Kirmen Uribe emocionándonos co nacemento do seu fillo, aos trece anos, mentres comían pizza.

Eu procurei dar todo o que agachara entre os versos.

E volvo agradecida, ao Concello de Pontevedra por sustentar este Festival ao que lle desexo moi, moi longa vida, e á xente do Ateneo que se preocupa do funcionamento da engrenaxe e a Yolanda Castaño por imaxinar e vivir a poesía, agarimándonos coas súas palabras que nos fan sorrir, porque son únicas.

Mágoa que a quen lle corresponde amplificar estas ocasións únicas, estea máis atento ao derramamento de sangue. Houben comezar a miña parte do recital dicindo: que máis alá da Academia, hai literatura, mais... importará? Se hai polémica, van como os abutres á prea e entón as vísceras saltan ás páxinas dos xornais e das televisións. Xa sei que é noticia o futuro da Academia e o que nela pase, mais tamén a beleza, a calidade, a emoción, a poesía... a poesía que fala de nós, o pobo, de todo o que sufrimos. A poesía tamén debería ser noticia, e máis cando desde unha institución como o Concello de Pontevedra se segue acollendo estas iniciativas culturais, agora que a cultura está no punto de mira dos austeros.

Pontevedra reuniu diferentes voces e iluminou esta primavera miúda co seu crisol de versos. A poesía mostrouse tal cal é: directa, ferinte, fermosa, diversa e total.

Longa vida á poesía!
Comentarios (0) - Categoría: PontePoética 2013 - Publicado o 23-04-2013 08:02
# Ligazón permanente a este artigo
Pontepoética

Onte iniciouse o festival PontePoética, dous recitais no Teatro Principal, outro á noite.

No Teatro Pricipal recitamos: Claudio Rodríguez Fer, Roger Wolfe e eu mesma na primeira quenda, e Raquel Laseros, Lino Braxe e Rosa Alice Vieira na segunda.

No pub Pequeño Karma escoitamos a poesía sonora de Claudio Pozzani.

Hoxe continúa de novo, co recital final, ás 20 horas en que estaremos todas as autoras e autores convidados.

Dous días de poesía, intensos.
Comentarios (0) - Categoría: PontePoética 2013 - Publicado o 20-04-2013 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
caos (variacións)
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 17-04-2013 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
caos (variacións)

Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 13-04-2013 13:10
# Ligazón permanente a este artigo
caos (variacións)

Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 13-04-2013 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
caos (variacións)


Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 12-04-2013 08:37
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática