acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

En galego, pásao!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-04-2009 17:14
# Ligazón permanente a este artigo
Poesía, poesía
Estes días só leo poesía. Gozo da poesía. En calquera lugar vai comigo un libro, e certamente lin e estou a ler dous libros fermosos.

Remataba o outro día Látego de algas, de Antón Reixa

"Escribo en voz alta coa boca chea para dinamitar o ruído do silencio e o zoar dos frigoríficos nas casas baleiras"

"...
Botarte de menos en décimas de segundo
Escribir unha longametraxe de cada sorriso teu
Construír un calendario de luces silenciosas
Para ti, para min
Días de sombras sonoras"

Di Yolanda Castaño ao inicio do prólogo "Nin pose nin performance: poemas de amor baseados en feitos reais." E si, poemas de amor contra o tempo en cada páxina.

Despois abrín Do ventre da cóbrega, de Xavier Seoane, e aí estou. Gozando con cada poema:

"O Profeta

Aprendín o nome das cousas,
asomeime ao baleiro e mergulleime no todo
mais o sol do deserto me cegou
e o vento do soño borroume.

Só pido
que me esquezades.

Que sexades piadosos."

Ademais no Ventre da cóbrega léome (como diría Xabier P. Docampo), léome cando di:

"Botamos terra na boca dos xustos
e vertemos retóricas abstractas
en orellas de homes que se volven asnos.

Deixamos que os satisfeitos loasen a discordia,
que os excluídos mastigasen terra
e os insaciables cuspisen na ágora."

Xa sabedes: poesía e poesía. Poesía.
Comentarios (2) - Categoría: libros - Publicado o 26-04-2009 11:29
# Ligazón permanente a este artigo
a túa vontade
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-04-2009 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
Selo violeta
Milprimaveras agasállame co Selo de Cor Violeta. Eu recibo o agasallo agradecida e acepto a proposta, despois de ver como este selo, dunha das cores máis fermosas do mundo, vai levando a súa maxia a través desa liña difusa da rede, ocupando un espazo cada vez maior.

Que significa este agasallo?: “O Selo Violeta representa as sensações que a cor violeta traz para a nossa mente. Este prêmio é dado aos blogs que têm algumas das sensações da cor violeta. São algumas delas: magia, encantamento, graciosidade, magnetismo... e tudo aquilo que parece mágico".

Como temos que cumprir os requisitos para estar envoltos nesta mensaxe de maxia, aquí deixamos as regras para aceptar o Selo Violeta:

- Exhibir o Selo Violeta no blog xunto coas regras.
- Indicar cantos blogs consideras que merecen este selo.
- Avisárllelo aos indicados, non hai que esquecerse diso!
- Escribir dous poderes máxicos que imaxinaches ter.

Así que declaro que para min son Blogues Violeta, entre outros:

A canción do Náufrago
Estás a falarme a min?
Nasas
Papiros de Hermaco

Canto aos poderes máxicos que imaxinei ter, declaro:
1) Que até días pasados tiven o máxico poder dun dente de leite, un dente que viviu 41 anos na miña boca, a través do cal mantiven unha certa inocencia que me permite comezar de cero en calquera momento, ofrecer sempre o beneficio da dúbida. Creo, que por mor da longa vida do meu dente de leite, hei conservar esa “inocencia”, porque xa estou tan afeita...
2) Polo mesmo motivo até agora tiven 33 dentes, o que me deu o poder da forza, a persistencia, a vontade necesaria para continuar sempre, como agora mesmo que me decidín a exhibir o meu dente oculto tantos anos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-04-2009 15:03
# Ligazón permanente a este artigo
Dálle á lingua
Adhesivo deseñado por TokioEste é o artigo que se publica na Nosa Terra desta semana, a miña forma de darlles os parabéns ás rapazas e aos rapaces dos Comités e animalos a seguir adiante. Sei que o farán. E é que nos fai moita falta.

DÁLLE Á LINGUA

Así se nomeaban as xeiras sobre a lingua galega que organizaron as rapazas e os rapaces dos Comités na Universidade de Vigo desde o 15 ao 17 de abril. Correspondeume falar de lingua e literatura o día 16 e foi un acto tan axeitado, tan necesario que quero felicitalos desde aquí e pedirlles que sigan por este camiño de futuro.
Cando comecei a miña intervención rescatei da memoria as vivencias de 25 anos atrás, cando a UVI non era universidade e unha cuadrilla de toliños demos en pór en marcha os Comités Abertos de Estudantes (CAE). Antes do 84 xa estaba a cousa algo revolta, peches en Filoloxía Xermánica por mor das inxustizas pedagóxicas, asembleas e mobilizacións para acelerar a democratización do Colexio Universitario, ou sexa, da Universidade de Santiago daquela. E cando eu cheguei a cousa seguía, e fixemos actos en prol da lingua, aínda conservo unha pegata do ano 87, “Pola normalización lingüística. Non teñas medo, fala galego”.
Xa lles dixen que nós eramos español falantes, mozas e mozos eivados pola ditadura de herdar a nosa lingua, mais algo bulía en nós, nacía a conciencia e nos actos públicos expresabámonos en galego, malia non ser aínda a nosa lingua habitual. Despois a maioría pasamos a ser monolingues en galego. Foi a miña maneira de dicirlle a unha sala chea de mozos e mozas que hai futuro, porque xa o houbo. De unirme ás palabras de Xabier Docampo que puxo o acento na súa responsabilidade: “agora tócavos a vós manter vivo o idioma”. E así é, eles e elas tamén o sabían, por iso foi un encontro feliz.
É a súa responsabilidade e o noso compromiso, contan con nós. Parabéns rapazas, rapaces.
Comentarios (3) - Categoría: artigos - Publicado o 23-04-2009 14:27
# Ligazón permanente a este artigo
Cinza no Festival Poïética

Onte, 18 de abril, participei no Festival Poïética, en Poio. Alí tiven a oportunidade de reencontrarme con poetas cos que había anos que non coincidía, Sechu Sende ou Igor Lugrís, tamén con Luz Fandiño, e coñecer persoalmente a Xiana Arias ou Andrea Núñez.

Por suposto felicitei á concelleira de Cultura pola iniciativa, pois cómpre realizarmos actos coma estes, pola poesía e pola lingua... por nós.

Foi un pracer para min participar no acto onde recitei algúns poemas de Cinza, entre eles este en que Rosa Castro Sanromán, a miña tataravoa, posa para o fotógrafo da rúa do Príncipe (Vigo), alá pola década dos 60, tal vez cando eu xa nacera, pois ela coñeceume. Esta muller, nacida nunha familia adiñeirada (a de Asefal), foi desherdada polos seus pais por namorar e casar cun mariñeiro. Mais ela foi feliz, abrindo a súa casa a todos os que o precisaron e facendo comida para todos os que pasaban pola súa porta. Era unha muller de carácter e que sabía o que quería. Así somos na nosa familia.
Comentarios (2) - Categoría: Cinsa - Publicado o 19-04-2009 11:49
# Ligazón permanente a este artigo
Cinza: memoria do que non queda
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 18-04-2009 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
Semana católica
foto Marta DacostaA víspera do xoves santo, sentada no Largo do Toural, en Guimarães, xustamente nese banco da foto, escribín o artigo que foi publicado en www.gznacion.com:

Guimarães, Largo da Oliveira, 6 da tarde. A un lado a igreja de Santa Maria de Oliveira, ao outro un local estraño do que sae a música a todo volume: "... primeiro de maio... unidade, unidade... unidade do povo contra o capital...". É un local pequeno cheo de faixas reivindicativas: "... menos cruces...", "Viva a revolução do 25 de avril". É un local estreito, cunha vella porta aberta para que o son se faga dono da praza de enorme beleza, a un lado a igreja e o Padrão do Salado, ao outro os antigos Paços do Concelho, e tamén unha oliveira nova que quere lembrar á vella oliveira que verdeceu no mesmo momento en que se rematou o pórtico da igreja, no ano 1342. Ao oeste da vila medieval un reloxo canta as horas e remata os seus sinais cantando á virxe María. Até alí non chegan as cancións dos operarios, a iniciativa dun tolo que quere combater con música o omnipresente poder dos sinos e os rezos católicos...

Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 14-04-2009 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
Amor vermello
foto de wikipediaNas horas nocturnas destes días rematei de ler Amor vermello, a novela de Alexandra Kollontai. Gustoume moito. É unha novela da súa época, unha novela que relata a relación amorosa entre Vasilisa e Vladimir, dous bolcheviques inmersos na construción do novo estado, loitando cada un no campo en que lle toca, traballando arreo nas comunas... Así nos anos seguintes a 1918 transcorre o seu amor, estando a maior parte do tempo separados.
A novela pertence aos primeiros anos do XX, sitúase no nacemento do Estado soviético, enmárcase na transformación política posterior á revolución de outubro do 17 e nela quedan reflectidas as diferencias entre bolcheviques e mencheviques, as críticas á burocratización ... Mais o conflito é universal, a relación entre unha muller e un home, a mentira, o engano, a xustificación das necesidades sexuais do home que mantén a relación con Vasilisa por interese...

“El nunca lle reprochara que non fora virxe. Despois de todo, os homes son así. ¿Que podía facer se todas aquelas mulleres se botaban ao pescozo del? ¿Actuar como un monxe?”

“¿que esperabas, que ía ir xunto a ti como un pecador arrepentido? ¿Ou cres que che ía pedir permiso para visitar a súa amiga? Eras ti a que te tiñas que ter decatado da situación. Se non o fixeches, es parva e só te podes culpar a ti mesma.”

Todo iso supera a época concreta, e está relatado con detalle, analizando as reacción da protagonista, Vasilisa, unha muller moderna entregada á política e que quere analizar, que consegue asumir, o seu engano amoroso desde unha nova perspectiva, a perspectiva da unión libre entre un home e unha muller e cal é a traizón real a esa relación.
A través da literatura, Kollontai exemplifica como é a nova muller, unha muller sexualmente emancipada.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 13-04-2009 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
Que de min queda
Comentarios (2) - Categoría: Cinsa - Publicado o 06-04-2009 09:23
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Acuática