acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Cultura?
Festa dos Milagres. Foto Marta DacostaEstes días quixen falar de cultura, porque me levou o demo cando lin a noticia de que persoas do Val Miñor estaban a promover a recollida de sinaturas para recuperar os bingos "sociais" que se viñan celebrando nas parroquias co obxecto de recadar diñeiro para as festas patronais. Os que promoven esta iniciativa din que defenden eses bingos porque defenden os "dereitos da nosa cultura"... Ler para crer. Son as mesmas persoas que propmoveron ou recibiron con entusiasmo a celebración da Feira de Abril en Gondomar, mentres os grupos tradicionais esmorecían por falta de apoio. A mesma Feira que celebraron estes días en Baiona.

Non podo aturar que tenten manipular a miña opinión, nin que non se apoie a nosa cultura propia.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2008 08:53
# Ligazón permanente a este artigo
25 de abril
de wikipedia.pt Monumento á Revolução en GrándolaCreo que non existe un día máis poético có 25 de abril. Un día que nin nós, nin as xeneracións futuras debemos esquecer.

E mentres pensaba nesta data quixo o caprichoso azar que dera com meu vello libro de Cavafis, 90 e mais quatro poemas, unha edición de Jorge de Sena, que extraviei na miña desorde doméstica, mais que hoxe apareceu (mentres procuraba outro libro que non atopo... sempre igual), lembrándome que o atopei por vez primeira un 2 de agosto de 1991 en Lisboa. Non importa, esta pequena desorientación serviu para que volvese ler o Itaca e o resto dos poemas do autor.

Comeza así esta fin de semana literaria. Polo sur teatro, no Baixo Miño, nesa mostra que se vai consolidando grazas ao traballo de persoas incansábeis, como as profes do IES da Sangriña.

Polo norte, mañá, a Cea das Letras, actividade organizada pola AELG e ocasión para premiar aos nosos escritores e escritoras (hai unha longa lista de finalistas) e tamén a Nancy Morejón, a actual presidenta da Asociación de Escritores e Escritoras cubanos, como escritora galega universal.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-04-2008 14:38
# Ligazón permanente a este artigo
1987, Na cidade espida
Arquivo Marta DacostaFalaba o outro día de que me puxera algo nostálxica a propósito do título dunha mesa redonda en que participei (Malos tempos para a lírica). Tanto que andei a remexer por aí até que dei con esta foto e o programa de man daquel acto.

É un recital que organizou o programa “A paixón galega” de Radio Ecca, onde colaboraba Jorge (na foto con corbata), quen tamén nos fixera unha entrevista. Pasaron máis de 20 anos, porque o mencionado recital foi o 23 de abril de 1987, hai agora vinte e un anos. Os que estamos na foto somos, da vosa esquerda á vosa dereita, Tokio, que se encargou da proxección de diapositivas e do cartel e o programa, Fran Alonso, Sergio G. Nogueira, eu mesma, Jorge Rodrigues Gomes e/ou Pereira da Silva, pois non sei se este pseudónimo lle corresponde a el, ou á persoa de bermello que nos acompaña e da que descoñezo o nome e mesmo se recitou naquel acto.

Como digo o recital levou por nome “Na cidade espida” e como dicía na contraportada do tríptico:

Hoxe as augas do mar de Vigo xa non son motivo de esperanza para ningunha namorada.
A meirande parte dos seus habitantes viven frotando (sobre as augas que hai tanto se lle roubaron ao mar).
Unha cidade labirinto en que perderse e asfixiarse, tal vez, onde soñar.
O erotismo é a máis sublime forma de comunicación.


En fin, velaquí a que entón foi a nosa declaración de principios, e esta parte da miña autopoética de entón, hai máis de vinte anos:

É difícil dende aquí e dende agora
saber qué impacto vai ter o que se está escribindo,
criticarse a si mesmo,
renunciar ao que se di,
racha-lo que se escribe,
rachar coas ideas pasadas,
renovarse,
morrer e resucitar.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-04-2008 23:24
# Ligazón permanente a este artigo
Malos tempos para a lírica?
Baixo este título acudimos onte María do Cebreiro e máis eu á convocatoria que nos dirixiu Francisco Castro. Debo dicir que o título fixo que me puxese algo nostálxica e comecei así a miña intervención:


Así era o título da canción que nos acompañou naqueles primeiros anos dos 80. Germán Coppini e os Golpes Bajos poñían a banda sonora a unha xeración de mozos e mozas que, mentres reclamaban melloras sociais e económicas, buscaban a forma de se expresar culturalmente. Vigo era o cráter do volcán.
A canción ilustra unha época de cambio, ben medrada a Transición, cando a reconversión naval nos devolve á realidade dun mundo capitalista que chegaba a furar os nosos petos porque non se creaba un bono bus para estudantes, e arderon as rúas, claro. Os nosos pais saían á rúa tamén e a cidade conmocionábase ao paso dos manifestantes na folga xeral.
Foron os anos da movida viguesa, mais de que movida falamos, porque houbo dous xeitos de se enfrontar ao monstro da realidade, un escapista e desarraigado que quería escribir Madrid coa V de Vigo, unha movida de ombros anchos e longos abrigos, peiteados esperpénticos, que fuxía da súa realidade no afán de vivir rodeados dun glamour de gomina e laca. Outro foi o dos que afundiron nesa realidade e, desde a escuridade e a gama de grises dos cutres fanzines fotocopiados, facían a súa crítica dunha sociedade que non os acubillaba. Nin sequera coa súa lingua, esa que se espiu nun pequeno e efémero acto poético, a que quedou gardada ao lado da tinta e a plumilla na gabeta da falta de fondos económicos.
Eran malos tempos, si, malos tempos para a lírica, é dicir, para a vida, mais foi esa situación a que nos levou ao hiperactivismo cultural, sen orzamento e sen imprenta, sempre cara a adiante, sempre cunha nova idea, sempre reaccionando.

Pasou un cuarto de século, trunfou a serenidade e o talante, o silencio fronte á ruptura, e estamos nesta sociedade máis acomodada, menos proclive a reaccionar, a cuestionar, a reclamar. E porén o monstro segue estando aí. Un monstro tan voraz que algúns dos problemas de entón, dos que provocaban malos tempos para a lírica, son os problemas de hoxe, os problemas estruturais desta sociedade galega non normalizada que, por suposto, lle afectan á cultura, canto, e á lírica. Si, falo desta nación que non se atreve a recoñecerse, desta lingua que algúns teiman en dicir que non sofre unha tuberculose brutal e que ocupa menos espazo do que lle corresponde nesta pantalla de plasma que fala en español en todas as liñas de saída agás nunha. Falamos dun país en que se cuestiona que no centro do escaparate estean os nosos escritores e escritoras, porque os que pensan que este país é un país de segunda e a nosa lingua é a lingua dos pobres e os paletos, sobreviviron a evolución dos tempos.
Así que seguimos nun contexto que, aínda tendo mellorado, segue sen ser o contexto necesario, porque aínda temos que seguir a reivindicarnos unha e outra vez, malia que moitas veces esteamos realmente defendéndonos, como se isto que nós facemos, isto que nós falamos, non fose o máis normal do mundo. Velaí o noso punto de partida, velaí a primeira razón para preguntarnos se hoxe, ano 2008, seguen sendo malos tempos para a lírica.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2008 14:59
# Ligazón permanente a este artigo
Moriatov en galego
De publiespectaculo.comNon era a primeira vez que o oía. Xa no congreso sobre Manuel María puiden gozar coas interpretacións deste músico ruso. Falo de Mijail Moriatov, un músico ruso instalado en Galiza que se impregnou da música galega e que interpreta magnificamente as nosas pezas máis populares co seu violín, acompañado o sábado, durante a homenaxe á AS-PG, por un contrabaixo.

Tal é o seu recoñecemnto da nosa música popular que "mesmo me deu vontade de aprender a súa lingua", dixo el. Porque Mijail fala galego e en galego se dirixiu aos asistentes daquel acto, que desde o primeiro minuto fomos un público entregado (el que veu de tan lonxe quixo aprender a lingua de noso...)

Mijail ten un disco: Galicia no meu corazón. E eu teño un recado urxente: compralo. Recoméndovos que o escoitedes... Non podedes imaxinar como soa a Carolina, Os teus ollos ou A farruquiña no seu violín.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2008 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
AS-PG
Mañá sábado 12 de abril a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, AS-PG, vai recibir da Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, o premio aos Bos e Xenerosos:

"Con esta quinta edición, que se celebrará o vindeiro sábado 12 de abril, preténdese poñer de relevo a exemplar traxectoria dun movemento de renovación pedagóxica pioneiro con máis de trinta anos de actividade ininterrompida: formación docente, publicación de materiais didácticos, promoción de espectáculos audiovisuais, elaboración de estudos sociais, implicación decisiva no proceso de normalización lingüística, etc. "

Ben o merece.
Parabéns!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-04-2008 14:42
# Ligazón permanente a este artigo
A ollada de A.R.C.
De http://php.terra.com/galeria/turismoHai xa varios días que rematei de ler Os ollos de K de Antón Riveiro Coello. E foi unha aventura. Comezando porque un día extraviei o libro en Roma, nun local do que saín correndo decepcionada e, cando estaba xa noutro lugar, tiven que desandar o meu camiño para recuperar o libro que me acompañou durante a viaxe. Non puiden evitar sentir que a historia saltaba fóra do texto, porque tamén o meu libro desaparecía nun bar. Mais eu recupereino. Menos mal.

Gocei intensamente da lectura desta aventura delirante, vin o branco das rúas de Praga na escuridade da noite e me impacientaba porque o protagonista non se decataba de que Sonia non era realmente unha policía.

Gocei da pesquisa, da confabuladora fantasía do escritor (canto o entendín)

“Esta realidade que borrou os límites da imaxinación e que fai parecer todo un frío delirio no que as preguntas suceden como unha carraca atronadora”

e dos seus medos, até sentirme identificada con varios dos treitos da novela...

"-... Non sei se rematarás por distinguir as fronteiras entre unha cousa e outra.
-Eu xa vivo nunha realidade literaria."


Na miña mente, alucinada tamén, o escritor descubríase como un vampiro disposto a chuchar a vida allea, a nutrirse das desgrazas e as traxedias para alimentar esas mans insaciábeis que queren contalo todo, todo o que fermentou tras da súa ollada, nese exilio voluntario da realidade.

“Si, vestir a pel dalguén diferente a un é o gran desafío de calquera escritor...”

Intensa e gozosa lectura que vos recomendo, lectura para reflexionar e para provocar... a ansia de escribir.

“... o instinto da soidade vénme da infancia, daquelas tardes tristes nas que quedaba guichando desde a fiestra o xogo alegre dos meus veciños ... sentín que a soidade non tiña por que ser tortuosa e deixei que o poder da novelas alimentase a miña vaidade...
Cando baixaba á rúa e alguén me vía cun libro na man, non me escondía e recibía reproches dos que non entendían que alguén puidese gastar a súa adolescencia entre as páxinas dos libros.”


Comentarios (8) - Categoría: libros - Publicado o 07-04-2008 21:39
# Ligazón permanente a este artigo
VOLTA DOS 9
Tarxeta editada polo IEM
Mañá é a presentación do libro.

Este é o poema que escribiu a miña man dereita, tentando imaxinar aqul momento tráxico.

VOLTA DOS NOVE

(un golpe) E a pouta de metal que estoupa tras dos ollos,
pouta que destrúe memoria, amor, desexo, vida.
(dous golpes) Pólvora, bala, pouta de metal que estoupa,
pouta que destrúe a imaxe amada, as voces infantís.
(tres golpes) Orde indesexábel que cala a Bombardeira
e a violencia feroz, covarde e fría racha a noite.
(catro, cinco, seis golpes. Sete golpes. Son ... oito golpes,
nove) As damas das pozas laian horrorizadas, carpen
ao cabo Silleiro, ás crinas do mar ensanguentadas
(ensanguentadas as pedras, ensanguentada a lúa).
Nove (nove golpes), nove poutas de metal que estoupan
na alma, que destrúen memoria, amor, desexo, vida.

A man asasina conduce os seus corpos ao silencio
entre as campas de Baiona, mais o silencio ergue, clama
desde a terra, un por un, os seus nomes de semente
ensanguentada.
Comentarios (1) - Categoría: textos editados - Publicado o 04-04-2008 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática