acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Recensión no Caderno da crítica
Neste mes de marzo, Ramón Nicolás recollía no seu Caderno da crítica unha recensión de Na casa da avoa.

Como sempre, agradecida ás súas palabras:

"Non sei se en Gondomar ou nalgunha presentación atopei a Marta Dacosta. Discreta de seu non me preguntou nada sobre o seu último libro, cando ben podía despois de coñecernos hai máis de trinta anos; si, trinta. Fun eu quen sacou o tema: extraviárao durante uns meses e non o puidera ler. ...

Dacosta partilla o fondal da memoria -memoria sempre crítica, memoria proletaria e rebelde- e sitúanos nunhas coordenadas simbólicas que, dalgún xeito, agromaran en anteriores volumes seus ... Mais, talvez a diferenza con outras entregas, a voz de Dacosta amósase desposuída de posibles ocultamentos, isto é, sincera, directa e mesmo espida, polo que tamén se achega á estética da corporeidade e do seu tratamento secularmente estereotipado, na literatura e maisn a sociedade.

Un berro, esteticamente brillante, contra a dominación da muller a través dunha voz que reclama outra ollada, sempre belixerante e combativa, a ese “tecer e destecer” tan citado neste libro que, por fin, reencontrei."

Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 31-03-2018 12:44
# Ligazón permanente a este artigo
Marzo, mes de celebración e morte
Neste mes que remata quixen reflexionar sobre o que considero que é un obxectivo do sistema: invisibilizar a loita feminista e a determinadas organizacións que a sustentan.

Marzo, mes de celebración e morte

Sabiamos desde hai semanas que deramos un paso substancial na loita feminista. A nosa ousadía ao convocar unha folga o día 8 de marzo, provocou tal cantidade de información e desinformación, que se puxo de manifesto que xa estabamos a avanzar e que acertáramos na decisión adoptada.

O 4 de marzo demostrou que, efectivamente, ese era o camiño. Galegas e galegos tomamos as rúas de Vigo, anunciando o colapso que se volvería producir o día 8. A mobilización foi de tal magnitude que houbo quen estivo lixeiro en apropiarse do éxito e non dubidou en asimilalo falando de ensaio da mobilización estatal, incapaz de aceptar que haxa unha nación que pode darlle leccións de mobilizacións ao resto da Península, até tal punto o centralismo é unha enfermidade que produce cegueira en quen a padece (cómpre dicir aquí que Galiza ten sido exemplar en moitas mobilizacións desde hai varios anos, mais é algo que non transcende a todos os medios, porque Galiza, xa sabedes, non está no centro e recoñecer a capacidade de mobilización de galegas e galegos significa recoñecer a capacidade de mobilización do nacionalismo).

Así que o día 8 comezou cambiar o discurso dos que procuraron durante semanas desinformar, negar e desprezar a nosa capacidade de mobilización. Presidentes houbo que a piques estiveron de declararse feministas.

Todas estas cínicas torpezas o que nos permiten é comprobar a importancia da mobilización realizada.

O día 9 Marcela Lagarde dicía que comezara o século das mulleres: “ver… familias de até tres xeracións baixo a mesma pancarta e as mesmas esixencias é un triunfo do movemento que marca un punto de inflexión”, e engadía: “O feminismo xa non é unha cuestión de tres ou catro, senón que conseguimos que se converta nun movemento global, o que o fai absolutamente imparábel… a partir de agora toca seguir traballando, mais agora resultará máis “sinxelo”.

Eu non comparto este entusiasmo, creo que avanzamos, mais nesta, como noutras tarefas, imos ao paso de Penélope: un paso adiante e outro atrás, dixo o poeta.

Xusto unha semana despois do 8 de marzo asasinaban a Marielle Franco no Rio de Janeiro. Como interpretamos a sucesión destes dous feitos?
...

Continuar lendo en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 25-03-2018 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
Ofelia en marzo

Estes días en que remataba marzo, un poema sobre Ofelia, que forma parte do libro As amantes de Hamlet (2003), ocupou as paredes e as ondas sonoras, da man e da voz do alumnado de dous centros escolares.

No Colexio Martín Códax, de Vigo, apareceu unha pintada que era o poema á pequena Ofelia.
Na biblioteca Ollos Grandes, do IES de Lugo, soaron os memos versos.

Eu non podo máis que sentirme agradecida de que o pequeno poema que ten detrás de si a mirada inocente dunha adolescente que non era amada, tome corpo de novo entre a mocidade que o inspirou. Agradecida tamén ao profesorado que tan ben os alecciona.

Agradecida tamén de que se estenda a lectura correcta da personaxe de Ofelia, a muller maltratada psicoloxicamente.

Aquí fica a imaxe do mural e o vídeo do recital en que tamén se oíron palabras de Fran Alonso e Gata Cattana:

Vídeo Biblio Ollos Grandes
Comentarios (0) - Categoría: As amantes de Hamlet - Publicado o 25-03-2018 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
Poesía para celebrar o 8 de marzo

Coa poesía tamén celebramos o 8 de marzo.
No Berbés, o 4 de marzo ao rematar a manifestación nacional polo día da muller.

Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 04-03-2018 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática