acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

A muller que le (II): Gruoch
O ano pasado a escena cultural inzaba con produtos que querían lembrar a Shakespeare. Eu sempre sentín certa atracción pola obra do inglés, así que procurei aproveitar a oportunidade: Macbeth segundo Kustin Jurzel (na imaxe). Impresionoume. O cine ten o poder de nos inundar desde os ollos, e deixeime levar pola brétema que envolvía as parcas desde a primeira escena.

A partir de aí comecei a debandar o meu nobelo. Lady Macbeth pasou ao centro da miña imaxinación e as conversas, as procuras en internet, as lecturas, eran para saber máis da muller que Shakespeare retrataba. É a miña teima de non crer nas aparencias. De negarme a admitir a primeira descrición dunha persoa, especialmente se é muller. A teima de tirar os veos para atoparme coa realidade e chegar ao fondo dos motivos. A necesidade de comprender.

E algo me dicía que tiña que haber máis. Ou menos. Todo o que sabemos de Lady Macbeth é real? Quen era ela? Cales son as diferenzas entre a historia e a obra literaria? Cumpre a obra algún papel político?

De primeiras repasei o exemplar de Macbeth que había na casa. Por que ela non era nunca mencionada polo seu nome?. Por que sempre aparecía co nome del?. Quixo o autor crear dúas personaxes na escena que eran na realidade as dúas caras dun carácter?


A resposta, ou algo parecido, neste artigo publicado en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 27-03-2017 08:48
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista sobre Na casa da avoa
Este 21 de marzo, día da poesía, fun convidada ao programa "Plató aberto" de Localia, para falar de poesía e de Na casa da avoa. Tamén para recitar o poema "cicatrices".

Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 24-03-2017 08:32
# Ligazón permanente a este artigo
Día da poesía de 2017

observa, verás
que o mapa do tesouro se compón de silencios
e palabras deitadas coa perfección do lance
para atopar a punta do fío que te guíe
por ese labirinto que chamamos memoria

Con este fragmento dun dos poemas de Na casa da avoa, acompañando unha imaxe de promoción do libro, celebrou Galaxia o Día da poesía.

Os amigos da Libraría Cartbón tamén fixeron unha imaxe promocional.

Son as cousas bonitas que poden pasar ao redor dun libro o día da poesía.

Moitas grazas.
Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 24-03-2017 08:29
# Ligazón permanente a este artigo
Cartas açorianas (VII). Memoria da balea.
“Os baleeiros das Lajes, os vilas, andavam por esses mares a balear … com as baleias que apanhavam, derretiam no Caneiro, suas histórias para contar. Contavam-nas no mar enquanto no mar pescavam, contavam-nas por esses campos, enquanto por esses campos lidavam …”, Dias de Melo, Vida Vivida em Terra de Baleeiros, en Cadernos Sibil, nº 1




En canto conseguimos motorizarnos, iniciamos o noso percorrido por Pico visitando un dos lugares que xa seleccionáramos previamente: o Museu dos baleeiros en Lajes do Pico. Na que fora unha fábrica baleeira, existen agora salas que acollen fotografías ou unha lancha baleeira a tamaño real. Alí vimos por primeira vez un vídeo sobre a caza. Foron os primeiros estremecementos. Non é doado asistir á matanza dun cachalote. A inmensidade do animal obriga a multiplicar a crueldade do ataque do arpón, pois cómpre darlle morte canto antes. O animal ferido, aumenta a súa xa descomunal forza e pode lanzar polo aire as pequenas lanchas baleeiras con toda a tripulación. Quen sabe se a lenda de Mobby Dick non ten como causa real un intento de captura que se saldou cun cachalote ferido que aprendeu a responder aos ataques dos barcos baleeiros. No libro Os picoenses na odisseia da baleação de Manuel Moniz Bettencourt recóllese xustamente a memoria traumática da morte dun arpoeiro en 1946: “… o desditoso “Teixeira”, vencido mas não convencido, baixou a cabeça e com a habilidade que lhe era peculiar segurou a lança e arremessou-a atingindo novamente o monstro que, num derradeiro esforço, elevou a sua grande cauda e, imediatamente a desabou sobre a proa do bote onde, infelizmente, aquele trancador se encontrava… restado dele apenas e só, umas migalhas da sua massa encefálica espalhada no que restava de bote!!!”. Aquela nova correu coma a pólvora e causou grande trauma na memoria das xentes das illas, “só decorridos alguns anos se aplacou a angústia por todos vivida”.

Mais na primeira sala aínda nos podemos dedicar á serea contemplación dos scrimshaw ou figuras talladas nos ósos e nos dentes dos cachalotes que, segundo recolle José Carlos Garcia, autor de varios libros sobre a cultura baleeira no Pico, eran o resultado das horas de vagar dos mariñeiros. Na colección que mostra este museo hai figuras humanas e de animais, utensilios, caixas, un cachimbo esquimal, compases, plumas estilográficas, paraugas, dentes que son como cadros en que se deseñan diversas figuras ou mesmo un colgante feito co dente dun cachalote que aínda non nacera. Até un xogo de café, coas súas chávenas e pratos ou a parte máis ancha das inmensas mandíbulas do odontoceto convertidas en lenzos suxeitos ás paredes de pedra, en que se representaban diversas escenas da vida dos mariñeiros.


Seguir lendo aquí:Sermos Galiza.
Comentarios (0) - Categoría: Cartas açorianas - Publicado o 24-03-2017 08:19
# Ligazón permanente a este artigo
E chegou

Velaquí.
Así loce no escaparate e nos andeis da Livraría Suévia.
Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 20-03-2017 08:44
# Ligazón permanente a este artigo
Proximamente

Proximamente
A partir do 15 de marzo, poderedes ver nas librarías "Na casa da avoa", un libro de poesía escrito con tres fíos: o da historia, o da literatura e o da vida.



Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 01-03-2017 21:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática