acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

rutina dos días aucumulados
Dunas no deserto de Namibia, foto da wikipediasen mirar
deixo a man
correr sobre o teclado
para vencer
este ermo
que a rutina cruel
dos días acumulados
deixou sobre esta alma
incapaz de enfiar o pensamento

Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 31-03-2012 18:40
# Ligazón permanente a este artigo
Acuática alma no programa Eirado
O pasado 24 de marzo comezaba a terceira tempada do programa cultural Eirado na TVG2. Para este programa fun convidada por Pemón Bouzas a falar de Acuática alma (minuto 18).


Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 28-03-2012 20:27
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Rosalía Castro en Marín.
Foto de Tokio
O 25 de marzo o BNG de Marín organizou un gran acto público de homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do 175 aniversario do seu nacemento. Foi tamén un acto de desagravio ante a inxustiza cometido polo actual goberno municipal que retirou o nome da nosa poeta dunha rúa de Marín.


Foi un acto intenso e fermoso.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-03-2012 17:54
# Ligazón permanente a este artigo
Poesía e lingua
Poesía e lingua.
Artigo publicado en Terra e tempo:


A todas as mozas e os mozos que xa son o futuro para a nosa lingua.



Esta semana o calendario marcaba que o día 21 era o día da poesía. Houbo celebracións. Eu mesma participei nun recital de versos propios, ao lado de Xosé María Álvarez Cáccamo e María Lado, convidados polos músicos de Xardín desordenado. Foi unha fermosa celebración, poética ao 100%, na que nos sentimos recompensados co labor que estes músicos radicados en Vigo veñen facendo desde hai varios anos: poñerlle música a poemas de autores galegos vivos co obxecto de contribuír ao coñecemento da poesía. Da poesía de noso, ou sexa da nosa lingua.

Porque homenaxear a poesía é homenaxear a lingua. Así o recoñece a Conferencia Xeral da Unesco cando, ao finalizar o século XX, decide instituír a data: “o principal obxectivo desta acción é soster a diversidade dos idiomas a través da expresión poética e dar aos que están ameazados a posibilidade de expresarse nas súas comunidades respectivas”. Nada máis acaído para a lingua nosa, unha lingua que leva case vinte séculos florecendo nas palabras dos poetas, e que, malia aos avatares históricos, creou unha poesía que foi e segue sendo das de maior altura de cantas se escriben.

E cando ao día seguinte repaso a información que sobre o día da poesía se publica, pregúntome se o actual Conselleiro de Cultura e Educación coñece estes detalles da celebración do día. Leo no voceiro propagandístico institucional da Consellaría, ou sexa o portal web de Educación, que o Conselleiro se sumou a esta celebración en Ourense e que o fixo no marco da celebración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. Cousas veredes! Os que atacan a nosa lingua procurando que se reduza a súa presenza nas aulas e entre os máis novos, séntanse á mesa da celebración da poesía e fano ao redor dos versos de quen escribiu o inesquecíbel “Deitado frente ao mar”. E entón penso: lería de novo aqueles versos que din:

“porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
...
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,”

E que pensaría ao lelos? Considerará o Conselleiro que non son axeitadas as palabras do poeta, que tal vez deberían ser borradas da historia da literatura? Quen sabe. Mais en todo caso, sería moi oportuno que os lese e os relese, que llos fixese chegar ao Alcalde de Compostela e ao seu concelleiro que, teño para min, nada saben da literatura galega, ignoran o que sexa a poesía, e refugan a liberdade de expresión, se non é para usárena eles en exclusiva, empuñándoa cando desprezan o noso idioma e como representantes institucionais empregan unha lingua allea. Destemidos gobernantes que demostran a súa altura política refugando colaborar cunha actividade escolar en defensa do dereito da mocidade a vivir na súa lingua. O alumnado que participe no Correlingua acaba de aprender de forma contundente que, como e quen exerce a censura contra eles e contra o noso idioma.

Estes que así nos gobernan lémbranme a min o poema de Bernardino Graña “Letanía pra nos librar dos que a ninguén aman”:

“Son os que trafican
con cañóns e artes de espallar mal fogo
e andan esfachando os volcáns máis puros
da ilusión e o soño.

Son os que nos guían
e non teñen ollos.

Dos que a ninguén aman librémonos pronto”

E vólveme á memoria o delgado Bernardino recitando con voz contundente no Festival da poesía de Salvaterra, reiterando a ladaíña “librémonos pronto” que os que escoitabamos demos en recitar canda el, até facer tremer os muros da covas do castelo.

No día da poesía, cómpre lembrar a palabra dos poetas, os versos que nos deixaron para dar voz a esta carraxe que nos nace cando vemos o desprezo e a maldade exercida sen ningún xeito de disimulo contra o noso idioma. Palabras e versos como os de Manuel María, que xa houbo quen tentou censurar nunha revista escolar, porque hai quen está disposto a queimar libros. Mais non queimarán a memoria, nin as cancións, as que volven a nós e nos dan novos azos para seguir loitando. Que queiran, que non, seguiremos dicindo con Manuel María:

Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.

Hai que ser duros, peleóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.

Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.

Seríamos, sen fala, unhos ninguén,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.

O idioma somos nós, povo comun,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 25-03-2012 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
Presentacións de Acuática alma
Con Mercedes Queixas e Teresa Seara. Foto de TokioEste venres 23 foi a presentación de Acuática alma na Coruña. Unha fermosa presentación como todas teñen sido até o de agora. Miguel Anxo Fernán Vello, Miguel Anxo Mouriño, Teresa Moure, Mercedes Queixas e Teresa Seara acompañáronme estes días con amizade e agarimo e dixeron cousas verdadeiramente fermosas do meu libro.

Cando os escoitaba comprobaba como chegaran ao fondo dos poemas para atoparme agachada detrás das palabras, revelando así a miña última intención. Ás veces descubríanme as voltas subsconscientes, relacións honrosísimas ou significados nos que nin reparara. Así foi na Coruña, na sala da Asociación Cultural Alexandre Bóveda que me acolleu.

Miquel Anxo Fernán Vello, editor, sinalou a madurez deste poemario e a súa reflexión sobre este duro tempo que nos toca vivir. Miguel Anxo Mouriño reparou na fame de xustiza. Teresa Moure atopou nos meus versos ecos de Manuel María, Mercedes Queixas os de Manuel Antonio e Bernardino Graña. As dúas a pegada de Rosalía, cando o poema se torna escuro e nace dos pozos máis profundos. Teresa Seara convocou a literatura e a filosofía de todos os tempos, así o pensamento de Heráclito segundo o cal o ser humano é portador dun destino parello ao da auga que corre.

Grazas a todas e a todos por me ter acompañado e polas vosas amábeis palabras.

Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 24-03-2012 15:23
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Acuática alma na Coruña
Convídovos á presentación de Acuática alma este venres 23 de marzo na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos 16-18, 1º)en A Coruña.

No acto de presentación participarán as escriroras Mercedes Queixas e Teresa Seara e o Director de Edicións Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello.
Comentarios (2) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 21-03-2012 09:23
# Ligazón permanente a este artigo
Día da poesía
Para celebrar o día da poesía Xardín desordenado convídanos ás 20:30h no Museo Verbum (Vigo)a un concerto - recital no que tamén estaremos Xosé María Alvarez Cáccamo, María Lado e eu mesma, recitando algúns poemas propios.

Xardín desordenado naceu no outono de 2008 co obxecto de promover a poesía galega, e así naceu o primeiro disco, con 16 poemas doutros tantos autores.

Os seus integrantes son: Santiago Ferragud, Marlene Rodrigues, Isaac Garabatos, David Outumuro e Blas Segura.

Asegúrovos que a súa música agranda os poemas.

Moi recomendábel.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-03-2012 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
A ledicia de escribir
foto da wikipediaOnte volvín falar sobre a propiedade do texto. Que é da autora, que é da lectora, cal é o verdadeiro texto, canto se traduce no proceso creativo, como se compón o texto para conducir a lectora polo camiño da reflexión.

E hoxe, lía este poema de Wislawa Szymborska, que tan ben retrata o proceso creativo, as sensacións da autora ante o seu texto. O asexo dos "cazadores" sempre dispostos a matar a quen se expresa.

Tradución de Lucía Caeiros, edición de Positivas, Versos escollidos:

A ledicia de escribir

A onde corre, esta cerva escrita por este bosque escrito?
A beber da auga escrita
que o seu fociño reflectirá como papel carbón?
Por que alza a cabeza, escoitaría algo?
Sostida en catro patas prestadas pola verdade
por baixo dos meus dedos agudiza os oídos.
Silencio -esta palabra tamén murmura sobre o papel e afasta
as ramas causadas pola palabra “bosque”.

Enriba da folla branca axexan para saltar
letras que poden compoñerse mal,
frases cercadas
ante as que non haberá salvación.

Hai nunha gota de tinta unha provisión considerable
de cazadores cun ollo entreaberto,
preparados para baixar pola escarpada pluma,
para asediar á cerva, para apuntar o fusil.

Esquecen que isto non é a vida.
Outras, negro sobre branco, leis dominan aquí.
Un intre durará tanto como eu queira,
permitirá ser dividido en pequenas eternidades
cheas de balas detidas ao voo.
Sen a miña vontade nin unha folla caerá,
nin herbiña baixo se pregará baixo o punto dun pezuño.

Existe logo tal mundo
sobre o que controlo un destino independente?
Un tempo que ato con cadeas de signos?
Unha existencia constante á miña orde?

A ledicia de escribir.
A posibilidade de perdurar.
A vinganza dunha man mortal


Unha monada, 1967
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 15-03-2012 15:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática