acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Feira Internacional do libro da Habana
Foto de Marta DacostaEsta imaxe mostra a enorme participación do público na Feira Internacional da Habana. Foi o que máis nos impresionou, moreas e moreas de xente percorrendo as instalacións militares de La Cabaña que deixaron lugar a unha marea de libros que foi seguida por unha marea aínda maior de persoas. En todas partes había xente, nos expositores, nas actividades, polas rúas da feira. Os actos, que se producían varios, se cadra catro ou cinco, ao mesmo tempo, estaban cheos e a xente participaba e preguntaba, curiosos de coñecer a realidade deste lado do Atlántico. Nós tamén fixemos un esforzo por lle explicar cal era a nosa realidade e cal era a nosa literatura.
Todos os días publicábase un xornal de catro páxinas que daba conta do programa do día e do acontecido o día anterior, era El cañonazo, porque alí, no Morro, todos os días ás nove da mañá podía escoitarse un estoupido de canón.
Durante a semana a participación foi moi elevada, mais o sábado e o domingo foi aínda maior, non sabemos se porque era fin de semana, ou porque ía rematar. Para que vos fagades unha idea, a xente ía á feira, como quen vai aquí a unha romaría das máis populosas, mais nós non somos quen de imaxinar unha participación nin da décima parte, ou centésima, nas nosas feiras ou nos nosos actos aquí.
Na mesa en que me tocou participar vivimos uns momentos moi fermosos. Falábamos as relatoras (Rosa Aneiros, Teresa Moure e máis eu, coordinadas por Antía Otero) da literatura escrita por mulleres. Houbo unha enorme conexión, porque ese tema, o da procura do espazo por parte das mulleres escritoras, é un universal. E houbo varias intervencións e o debate medraba, un debate no que participaba, entre outras, a escritora cubana Mirta Yáñez, ou no que tamén estaba presente outra escritora, Nuria Gregory.
En fin, que estamos orgullosas de ter participado, porque si, foi un feito histórico, porque por primeira vez a nosa cultura foi convidada nunha grande feira, na maior de Iberoamérica. E foi nun momento histórico, entre a declaración de Fidel Castro renunciando a continuar na política activa e a elección de Raúl Castro como novo presidente.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-02-2008 22:44
# Ligazón permanente a este artigo
Bhisham Sahni
Estou rematando de ler Tamas, unha novela de Bhisham Sahni, que relata os disturbios acontecidos en Rawalpindi en 1947, nos que o autor estaba presente e que se orixinaron coa aparción dun porco morto nas escaleiras dunha mezquita.

O autor vai relatando todo o que acontece, os enfrontamentos entr as tres relixións: os musulmáns, os hindús e os sikhs, os esforzos dos homes do partido do Congreso por conciliar as tres relixións para loitar contra o colonialismo inglés e lograr a independencia da India e que son conscientes de que os ingleses poden estar provocando as confrontacións, porque a división do pobo favorece os seus intereses de manter a India dividida e sometida.

O libro é un fresco, hai moitas personaxes, mesmo me custa seguilas porque non dou memorizado os nomes.

Hoxe pola mañá emocioneime. O outro día lera que nunha das aldeas as mulleres sikss, para evitar ser capturadas polos musulmáns suicidáranse tirándose a un pozo, nunha especie de éxtase colectiva. Con elas mataron os seus fillos.

Hoxe pola mañá lía como un funcionario de estatística, que só quería saber do número de mortos, non puido evitar escoitar o realto dun home que lle falaba que tal vez a súa muller non se tirara ao pozo, que ela fora a última do grupo, que estaba moi nerviosa, que volvera atrás para coller o seu fillo, que cría que en calquera momento escoitaría ao seu fillo berrarlle “atópame papá, atópame!” Como facía cando chegaba a casa.

Tamas, o título, é unha palabra que en sánscrito significa “estupidez”. Este mesmo título recibe a película baseada na novela e que é do ano 1987.
Comentarios (4) - Categoría: artigos - Publicado o 14-02-2008 23:56
# Ligazón permanente a este artigo
O arco de Tabagón
Fotos de Marta Dacosta
Poño na xanela tres momentos da construción do Arco de Tabagón, que cada ano ao comezar febreiro erguen en San Xoán de Tabagón, no Rosal, con motivo das festas de San Brais e a Saúde. O arco ten uns 14 metros de alto e está situado no acceso á igrexa. Durante varias semanas van preparando unha armazón de madeira que se recobre de “xiastas” (xestas, na fala destas terras do sur), para o día anterior ser decorado con rosas e camelias, fundamentalmente. É o último testemuño dunha tradición que tiña unha maior extensión xeográfica, aquí en Gondomar os máis vellos lembran que, polas festas, facían estes arcos nas portas das casas e do adro, agora xa non, fan alfombras, se cadra pola presión "turística" que exerce o modelo Ponteareas.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-02-2008 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
Máis debuxos e menos famoseo!
De http://en.wikipedia.org/wiki/Crayon_Shin-chanEste é o título do artigo que publica gznacion.com.

Saiume de dentro e, un segredo, contei coa colaboración atenta e desinteresada do meu fillo, que me pediu que o enviase inmeediatamente. Aos cinco minutos preguntou se estaba publicado... Tal era a ansia de se facer oír... Porque pensa que nas miñas palabras está a súa voz, e leva razón, claro que si, a del e a de todos os nenos e nenas, que estou segura de que son moitos, que pensen coma el.

Como di alí, súmome á reivindicación imaxinaria da miña querida Pippi. E comezo berrando desde aquí, por se alguén me quere acompañar:




Queremos debuxos para a nosa idade!
Por min, por ti, que volva o Xabarín!
Que volva Shin Chan, aínda que fale mal!
Comentarios (8) - Categoría: artigos - Publicado o 07-02-2008 14:46
# Ligazón permanente a este artigo
A nosa propia estirpe
Arquivo de Marta Dacosta... aquí, nesta terra de fragas e penedos, onde o mar nos alimenta e nos leva a vida, as nosas avoas e os nosos avós representaron a realidade para aprendérnola, mantiveron vivas tantas palabras esenciais mentres aprendían o latín do colonizador e fermentaron o pan do idioma á calor da lareira durante séculos de escuridade.
Somos as depositarias do seu legado, se non o mantemos vivo, deixaremos de pertencer á nosa propia estirpe.

Así remata o artigo que publiquei a semana pasada, pódese ler enteiro aquí.

Ela é Rosa Castro Sanromán, a miña tataravoa, quen tivo unha vida longa e puido coñecerme. É a mesma que deixou unha vida acomodada por amor a un mariñeiro. A mesma que facía comida para catro ou para corenta, porque ela dáballe de comer a todo o que pasara pola súa porta, naqueles anos de fame.

A foto quizais sexa dos 60, e está tomada no Paseo do Príncipe, diante do que hoxe é o Marco.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-02-2008 20:05
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática