acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Medea vista por Evelyn de Morgan

Adoro a pintura da segunda metade do XIX, a pintura inglesa que se inicia coa Irmandade prerrafaelista (1848-1853). Busco as obras e comprobo como trataron as personaxes literarias que me obsesionan. Así foi con Ofelia: “Millais retratounos unha Ofelia definitivamente morta, a beleza inmóbil da moza aboiando por entre un exhuberante xardín. Arthur Hughes retrata a Ofelia vestida de branco, como sorprendida recollendo flores, cunha mirada tristemente calma. Tamén John William Waterhouse pinta a Ofelia vestida de branco, unha Ofelia deitada na herba, abandonada aos seus pensamentos, porén, en 1910, o vestido de Ofelia tórnase gris, e a súa mirada fálanos da loucura. Todos eles retratan a Ofelia en solitario.”

Mais Henrietta Rae (1859-1928), a pintora defensora do sufraxio feminino que conservou o seu apelido de solteira, “sitúaa fronte aos reis de Dinamarca, no momento en que comeza a recitar os nomes das flores que leva, ese momento en que a nai de Hamlet ve que a moza está a fuxir da realidade. No lugar que ocupa Ofelia a luz inunda o lenzo e así, Rae contrapón a luminosa imaxe da moza, como símbolo do amor, da beleza e da inocencia, á escuridade dos adultos que levantaron un pazo de corrupción e mentira.”(1)

Agora que volvo os ollos a Medea e tento comprender a personaxe literaria (grazas á lectura da tradución que de Séneca fixo J.M. Otero), coñezo a pintora Evelyn de Morgan (1855-1919), contemporánea de Henrietta. Evelyn era unha pacifista que dedicou unha parte da súa arte a ilustrar os horrores da I Guerra mundial. Mais hoxe achégome a súa obra para reparar en como as retratou a elas: Helena, Ariadna, Deianira, A prisioneira ou Medea.

A súa Medea, aquela muller literaturizada como asasina dos seus fillos polos clásicos gregos, camiña a través dunha sala suntuosa, rodeada de pombas e de flores, e porta na súa man un frasco dun líquido tan vermello coma o seu vestido, o mesmo frasco, da mesma cor, do que terma a raíña Leonor ante Rosamunda noutro cadro. Un frasco de veleno.

Mais Medea foi retratada por Evelyn de Morgan cunha mirada perdida, sen rastro de maldade, soa fronte a un destino que a nega.

(1) Da anotación: “Henrietta Rae” publicada en acuática o 25-11-2009.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2016 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
Balada das costureiras esquecidas

Hai algúns anos, pedíronme un poema para conmemorar o 8 de marzo, unha data necesarísima. Eu escribín este poema, sen saber que un día acabaría, si, por ser unha balada na voz de Carmen Penim.

Tentei coser con fíos ou fragmentos de memoria un cobertor que nos dese calor para vencer o silencio, esa lastra que nos derruba despois da agresión. Así que ganduxei mitos, personaxes e anacos de realidade e naceu este texto, que non é unha historia concreta, porque quere ser manta feita por nosoutras para abrigarnos.

Agardo que axiña poidamos escoitar esta Balada e outras na voz de Carmen Penim.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-12-2016 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Miguel González Garcés

O día 30 de novembro participei no recital de Homenaxe ao poeta Miguel González Garcés que organiza Cultura da Deputación da Coruña.

Foi unha honra participar desta volta e ter recibido daquela (1995) o premio.

Dixen alí que estou agradecida de que existan certames que visibilicen a poesía e dean nova vida aos poetas que os nomean. Dixen que estaba agradecida ás institucións que así o fan, aínda que considero que é a súa obriga, mais xa sabemos, que non sempre a asumen. Así que parabéns a quen, coma neste caso, si o fai.

Lembro moitas cousas deste premio. Lembro a conversa con Xabier Baixeras, membro do xurado,sobre o libro. Lembro que o día da recepción (na imaxe de arriba) estaba inqueda porque non estaba co meu bebé, este ser marabilloso que se xestaba en min mentres escribía os poemas do libro e que é o primeiro nome que aparece nel.

Sei que a primeira reacción provócaa o título: Pel de ameixa, un título que ten a súa interpretación única no poema co que se abre o libro: "Nesta pel de ameixa que me cobre ..." e noutro, o terceiro poema de Setembro, o que fala da ameixeira ao pé da casa, árbore real que foi orixe da imaxe ambivalente. Cóntame Foxo que Manuel María que gustaba do libro, consideraba que o título non era acertado, mais que acabaron entendendo o seu por que.

Curiosidades que rodean a vida dos libros, coma que nesta data en que celebramos a homenaxe do centenario de Garcés, este penúltimo poema do libro que aparece na imaxe teña nova actualidade.

No acto lin o poema "Non magoe", do libro As faíscas do soño. Del di Eduardo Moreiras: "a súa poesía vai da sombra ao cintileo, da lama escura orixinaria á pergunta desesperada que lle dá vida. "Lama no niño que de luz creímos", di no poema "Non magoe a azucena os meus ouvidos".
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 03-12-2016 08:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática