acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

cos cascos na cabeza
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 23-12-2014 20:15
# Ligazón permanente a este artigo
Resumo da presentación de Argola na Guarda
O venres 12 de decembro presentamos Argola na Guarda, nun acto que tamén era a presentación da Asocicación Cultural Vela ao vento e que estaba coorganizado polo Grupo de Acción Feminista do Baixo Miño.

O acto foi presentado pola amiga Marisa Guerra e contou coa particpación de moitas amigas e amigos para os que non houbo cadeiras suficientes na Libraría Ler. Antón Ferreira, corresponsal do Atlántico Diario e a Radio Galega, fai esta crónica na súa web Galicia Suroeste, a fotografía tamén é súa:

"A Libraría Ler da Guarda acolleu, o venres, 14 de decembro, a presentación do poemario “Argola”, de Marta Dacosta, nun acto que foi presentado por Marisa Guerra quen se congratulou de que a presentación deste poemario servise tamén como punto de partida do novo colectivo Vela e Vento, asociación cultural que tenta darlle un pulo á cultura na Guarda e contorna.
Marisa Guerra referiuse á autora como “unha muller implicada na loita pola liberdade”, e da poesía de Marta Dacosta, sinalou que presenta “formas ben traballadas” e na que salienta “a forza da palabra que berra pola liberdade”, porque se trata dunha literatura comprometida, e agradeceu Marisa Guerra, que haxa escritoras que berran utilizando os versos sen avergoñarse do seu compromiso.
Viu, na lectura dos poemas de Marta Dacosta, unha presenza dos chamáns, porque a través das palabras, como aqueles homes e mulleres das culturas indíxenas, amósase unha sabeduría, un coñecemento da Nai-Terra. Pero é tamén a palabra; a voz das mulleres ás que se lles negou o dereito de soñar, e é, tamén, a palabra dos homes prostituídos ao servizo do imperialismo.
Marta Dacosta, salientou que este libro é diferente aos publicados ata agora, porque se constrúe a sí mesmo, cunha intención: querer escribir exactamente o que quixo dicir “fun a por el”, tratándose dunha historia que se conta con pasos adiante, e tamén con pasos cara atrás.
E explicou que “Argola” está imaxinado na costa de Oia, e que precisou case un ano para escribilo, xurdindo a partir dunha cita que aparece en “Agrícola” de Tácito.
Rematou este acto, no que a escritora asinou exemplares, coa lectura de diversos distintos poemas recollidos no libro que viña a ser presentado"
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 20-12-2014 18:50
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación Dun lago escuro en Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 18-12-2014 09:56
# Ligazón permanente a este artigo
Breve antoloxía da poesía galega de 90
Publicado no Blog O levantador de minas o 18 de marzo de 2006:

MARTA DACOSTA. Vigo, 1966.Mostran seus textos unha postura existencialista que transcende o individual para atinxir o colectivo. Na súa valorización, a vida fica bañada por un sentimento de xeral frustración, en que o silencio humano parece irmán dunha Natureza en ruínas. Así, a evocación do telúrico decrépito é orixe e reflexo dunha vida de angustias, dun destino cruel.
Mais unha mensaxe tal, que podería fundamentar unha actitude de pasiva carpideira, entra en confronto co ton bárdico que a forma verbal fornece. O verso utilizado, de longo período rítmico e poderosa “melodía”, sitúanos perante unha actitude creativa de autora épica, a través da cal os poemas, en xeral non narrativos, parecen querer relatar un sofremento xordo e constante. É un verso que ofrece unha palpábel “musicalidade”, que evidencia unha ferramenta conscientemente usada con destreza.
O resultado son textos de grande solidez, tanto polo poder do seu período rítmico completo canto polo recheo semántico, que parecen nacer dun abafante existencialismo colectivo.

Comentarios (0) - Categoría: Antoloxías - Publicado o 10-12-2014 08:23
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista para o blog Galego en Cork
Despois da estadía en Cork, a lectora de galego Laura Liñares fíxome esta entevista para o blog Galego en Cork.

Agora compártoa con vós, e aproveito para agradecer o traballo de persoas como Martín Veiga e Laura Liñares na difusión do noso idioma alén das nosas fronteiras.

Pregunta: Harkaitz Cano falounos do decálogo do escritor vasco. Poderías comentarnos un par de cousas que poderían valer para comezar a crear o decálogo do escritor galego?

Eran moitos os puntos tocados no decálogo de Harkaitz Cano que teñen a ver coa realidade actual da escritora e do escritor galegos.

En canto a que dous puntos sinalaría eu para comezarmos construír ese decálogo, diría os seguintes:

1.- A escritora, o escritor galegos son escritores en dobre xornada. Como a maior parte dos escritores do mundo deben compatibilizar a súa xornada literaria (calquera que esta sexa, diaria, sistemática, discontinua, ocasional) co desenvolvemento da súa actividade profesional. Isto, que por un lado limita a capacidade de produción literaria en tanto en canto a escritora non pode botar man de todas as horas que precisa para crear a obra que desexa, podemos considerar que enriquece esa obra ao fornecerlle á escritora e ao escritor unha experiencia literaturizábel e darlle a liberdade de non se ver sometido á presión de depender economicamente de que o que escribe sexa aceptado ou non, cando se ofrece para ser publicado. Mais a contrapartida é que esta situación non é unha opción, senón a única posíbel. Mais este xa é outro tema.

2.- Galegas e galegos que escribimos sentimos ante o papel en branco unha dobre responsabilidade: a de crear unha obra literaria que sexa atractiva para a lectora e o lector, pois iso é a literatura á fin e ao cabo, e a través dela seguir construíndo a casa nosa do idioma, facéndoa a cada pouco máis grande para acoller nela a novos falantes que prendan na lingua a través das palabras que enfiamos, mentres mantemos con nós a todos e todas os que xa a levan canda si.
Comentarios (0) - Categoría: entrevistas - Publicado o 06-12-2014 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista do alumnado do IES Manuel Garcia Barros
Esta é a entrevista que me fixeron as alumnas e alumnos de Literatura Galega do século XX e da actualidade do IES Manuel García Barros da Estrada, un fermoso traballo que lles quero agradecer publicamente. E tras o alumnado o profesor, esa figura imprescindíbel, Carlos Loureiro.

Proxectos así axudan, enormemente, a difundir a nosa literatura e, canda ela, a nosa lingua. Parabéns, un traballo moi ben feito.

Pregunta. Pola información que posuímos de vostede, desde logo que a vemos como unha
persoa rebelde e incorformista dende nova (emprego do galego, rebeldía cara á relixión,
anticlericalismo...). Até que punto este inconformismo marcou a súa personalidade e até
que punto lle supuxo desencontros?


Desencontros todos os que poidades imaxinar, mais algún encontro tamén. En todo caso, a cuestión non é se a actitude vital dunha persoa lle produce encontros ou desencontros, a cuestión é se está en paz consigo mesma, se é coherente co que pensa, se actúa de acordo co que defende. Ser honesta con unha mesma é o máis difícil, mais tamén o máis necesario.
Comentarios (0) - Categoría: entrevistas - Publicado o 06-12-2014 13:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática