acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

O albatros
Adoita divertirse a xente mariñeira
dando caza aos albatros, eses grandes paxaros
que voan, indolentes compañeiros de viaxe,
canda o barco que singra os abismos amargos.

E nada máis pousalos nas táboas da cuberta,
eses amos do azul, coitados, vergoñentos,
arrastran tristemente as enormes ás brancas
igual ca se arrastrasen pesadísimos remos.

O alado viaxeiro que desmañado e fráxil!
El, tan fermoso outrora, que choqueiro e estraño!
Un provócao baténdolle no peteiro coa pipa,
outro fai ruín remedo do seu andar de inválido.

O poeta parécese ao príncipe da nubes
que se burla do arqueiro e habita o vendaval:
Exiliado no chan, en medio do ruído,
as súas ás de xigante non o deixan andar!


O fermosísimo poema de Baudelaire na tradución de Gonzalo Navaza.
Comentarios (4) - Categoría: libros - Publicado o 04-12-2009 18:44
# Ligazón permanente a este artigo
Cándida Rodríguez, mártir de Sobredo
arquivo Marta DacostaQuen era Cándida Rodríguez? Nada sei dela. Mais estou practicamente segura de que esta muller traballaba noite e día por sacar adiante os seus fillos, no campo e na casa, arrincando da terra os froitos da súa suor, traballo polo que logo aínda tería de pagar unha cantidade da colleita.
Cándida Rodríguez, da familia dos Fontáns, morreu asasinada o 28 de novembro de 1922 por disparos da Garda Civil. Aconteceu en Sobredo, durante a concentración de labregos e labregas que acudiron en apoio de Ignacio Gómez a quen lle estaban a embargar as terras que traballaba. Cándida debía ter uns trinta anos e dous fillos e, na altura, estaba preñada do terceiro. Non dubidou en mostrar o seu apoio a un compañeiro labrego vítima dun sistema inxusto, e pagou a súa determinación coa vida.
Hoxe, oitenta e sete anos despois, aínda sinto a súa carraxe, a dor de reunir os mellores froitos da leira para pagar o foro mentres os nenos roían pan de boroa para escorrentar a fame. Chégame a súa ira xustificada ante a agresión da Garda Civil aquel día de novembro. E case oio a súa voz cando, antes de morrer, se dirixe á avoa de Xosé Piñeiro: “Vaite Inocencia, vaite, que eu para min xa levei”.

“¿Nai galega que diche a sangre xenerosa para calmar a sede rabiosa da Impiedade, nos agros de Sobredo froreceu unha rosa¡! Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade!” Con estes versos Cabanillas lembraba aqueles acontecementos de Sobredo. Os versos parecen referirse á inminente publicación do Decreto-Lei de 25 de xuño de 1926 (ano en que se publica este poema) que ía permitir que os labregos fosen donos das terras que traballaban, e deste xeito recollen que o sangue cruelmente derramado en Sobredo foi semente que fixo andar a roda do tempo.
En xullo de 1922 os labregos e as labregas reuníranse en Tui no Congreso Agrario. Alí toman a decisión de se mobilizar e, como medida de presión para esixir a eliminación do sistema foral, acordan que non se pagarán os foros.
Ignacio Gómez, labrego de Guillarei, leva adiante o acordo congresual e négase a pagar os foros das terras que el traballa. Entón o día 28 de novembro de 1922 preséntase en Sobredo o xuíz acompañado da Garda Civil, veñen a lle embargar as terras.
Un mozo do mesmo barrio apúrase a tocar as campás da igrexa e todos os veciños e veciñas corren cara a Sobredo para acudir, segundo eles cren, a un lume. E era, era o lume da inxustiza que abría as súas enormes fauces disposto a devorar vidas.
A Garda Civil ameaza os veciños e non dubida en disparar contra deles. Así morre Venancio González. Xaquín Estévez, que viña co seu carro como tantos outros días, deixou o cabalo parado e achegouse a ver o que pasaba. A Garda Civil instouno a que abandonase o lugar “aquí non tes nada que facer”, mais Xaquín négao, os foros son tamén o seu problema, o que está a acontecer tamén vai con el. Logo dirían que a el o matou unha bala perdida, accidental.
Aquel día moitos foron os feridos e tres os mortos: Xaquín e Venancio, veciños de Salceda, e Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis.
Esta fin de semana a Organización galega de Comunidades de Montes en Man Común e a Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía Castro” volveron homenaxear a aqueles labregos, os mártires de Sobredo. Un ano máis lembramos as súas inxustas mortes e honramos a súa dignidade alí onde foron asasinados, ante os que foron os seus veciños, ante os seus propios netos e bisnetos.
Xosé Piñeiro Trillo pertence á familia do mozo que tocou a campá e foi quen de convocar no lugar a máis de dúas mil persoas. A súa avoa Inocencia Trillo viu como caía ao chan Cándida Rodríguez. Xosé Piñeiro gardou a lembranza daqueles anos e converteuna en poema, o “Poema aos mártires de Sobredo” que alí nos recitou e que dá conta de todo o que aquel día ocorreu. É el que me conta todos os detalles e eu pregunto, pregunto por Cándida, quen era esa muller que con tanta decisión se puxo ao lado de Ignacio Gómez e mesmo perdeu a vida?
Non esquecerei os versos finais deste poeta popular de Guillarei que agasallou a nosa memoria con este poema épico:
“Os foros foron redimidos
Incluso fóra da bisbarra
Pero custoulle a vida a dous homes
E a unha muller preñada.”

Este é o artigo que se publica esta semana en www.gznación.com e que é unha versión máis extensa do publicado en A Nosa Terra . Quero agradecer a Xosé Piñeiro Trillo a información que me achegou sobre Cándida Rodríguez e o seu talento para escribir o fermosos poema que publicarei noutra anotación.
Comentarios (4) - Categoría: A muller que le - Publicado o 02-12-2009 20:30
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal
Acuática