acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Biblioteca das Neves
O domingo día 19 inaugúrase a biblioteca das Neves. Alí estarei representando á AELG.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-11-2017 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
Atesourando a palabra
O 11 de novembro lembramos a Paco Souto no Teatro Colón da Coruña.

Na súa memoria escribín este poema que resume o que sinto.

Ao poeta de amar non ten laranxas

cada vez que cruzo aquel camiño
volve a imaxe das laranxas
desbocadas coma un río
caendo en fervenza contra o chan

as laranxas rodando
galgando
dis
tan
cias
até chegar ao río
até arribar ao mar
talvez

laranxas extraviadas baixo das abeleiras
desembocando exhaustas entre as dunas

e as humildes laranxas que naceron no bordo do camiño
as laranxas que a dona deixou ir
desprezando a súa carne agre
ocupan a memoria e chaman
a lembranza do poeta

entón imaxino o home alto que foi
cos cabelos crechos e revoltos
termando do froito até o trincar
agarrar contra a lingua a súa carne
e deixar escorrer pola man e o pescozo
a auga que era zume, froita
terra para ser devorada
terra para chantarnos profundos e sentir
para sermos

é verdade que ás veces
o lume nos devora

mais a terra volve aleitarnos
no desexo de virarnos árbores que a suxeiten
cinza ou po que a fagan fértil

esperanza
a esperanza
de que nas laranxas que caian este ano
veña unha gota da túa voz, unha palabra
que enraíce aquí
neste lugar que nunca definimos e sempre reclamamos
aquí
neste lugar en que gardamos
a memoria
as promesas
a esperanza
o amor

Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 16-11-2017 20:14
# Ligazón permanente a este artigo
Reparación da memoria histórica

A Deputación de Pontevedra celebrou unhas xornadas para a Reparación da memoria histórica. Nelas, o día 8 de novembro celebrouse un recital en que participamos Elisabeth Oliveria, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Luís Chapela, Míriam Ferradáns, Lucía Novas e eu mesma, que reescribín un poema editado en 1995:

Memoria de San Simón

Houbo un medo de azul que estoupaba no abrente
e morría inmediato ou lóstrego de vento.

A illa iluminada de pánico fundía
a chegada da alba nun silencio perenne,
o lamento dos mortos, a mentira da historia.
Sobre o negro petróleo aboiaba aínda a ermida,
a afastarse constante da praia que, noutrora,
fora corredor certo, navegante seguro.
O vello lazareto converteuse en alxube,
en cárcere de seres custodiados por ratas.
E outra vez nin barqueiro, nin gamelas chegaban,
naquel abrente cego de agonizantes días.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 14-11-2017 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
"Dic el vent i el vent respon"
A literatura ten ese poder sandador de lle poñer palabras ao que sentimos.

Cando lemos, escrito por outro ou outra, iso que sentimos, as feridas comezan a pechar. Entón, apropiámonos desas palabras e sentinos que temos unha razón nova, que non estamos soas.

Así foi cando hoxe tirei do andel o libro Andorra, postals i altres poemes de Miquel Martí i Pol. Abrín o poema "Dic el vent i el vent respon" e sentín que eses versos escritos antes de 1984, ano da publicación do libro, poñían as palabras certas a este tempo.

E atrevinme a traducilos. Sometín o sentido literal á métrica orixinal e isto foi o que conseguín reproducir. Se rachei a fidelidade das palabras, desculpádeme, foi por ser fiel ao ritmo e á emoción.

O vento di e responde
e con el a fantasía.
Non podo rachar o son
que xa estou no mediodía.
Se, veloz, a ponte cruzo
caio á poza que quería
e xa dentro, a morriña
di que nada me pertence.
O vento di e responde
e con el a fantasía.

Coraxoso e sen escudo
planto cara á acometida.
Tanto a saúde me danan
que a morte non é temida,
dóeme máis a quietude
que non haxa achas acesas
que conxuren a secura
desta soidade esgrevia.
Coraxoso e sen escudo
planto cara á acometida.

Vou, veño, fago camiño
sen da casa me mover.
Salto, bailo ao meu pracer
e outros enchen a zanxa da
desazón en que esmorecen
e orneando se lamentan
ao decatarse que as brasas
que os queiman non teñen fin.
Vou, veño, fago camiño
sen da casa me mover.

Miguel Martí i Pol, Andorra. Postals i altres poemes, 1984.
Comentarios (0) - Categoría: Escribir é - Publicado o 04-11-2017 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
a fraga devastada

Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 01-11-2017 10:40
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática