acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Entrega do VI Premio Victoriano Taibo
Imaxe tomada por Xilberte Manso ao finalizar o acto de entrega do VI Premio Vitoriano Taibo. Posado da presentadora, a que escribe, xunto coa filla do poeta Gloria Taibo (á miña dereita) e tres nenas que andaban na aula do lado da do mestre, que o coñeceron e do que aprenderon panxoliñas en galego. Diante nosa Ildara Rodríguez Taibo, neta do poeta e filla de Miguel Rodríguez, quen dedicou boa parte do seu tempo a gardar e promover a memoria de Taibo e que infelizmente xa non nos pode acompañar nestes actos.

Deixo aquí tamén un fragmento da miña presentación:

"Vai xa para seis anos que o Instituto de Estudos Miñoranos puxeo en marcha este certame co dobre obxectivo de homenaxear o escritor e recuperar a súa memoria, e isto entre aqueles que un día foron os seus alumnos e alumnas, no mesmo lugar en que o mestre deu escola.

Homenaxear a figura dun escritor é sempre un acto necesario, recoñecer que a súa obra foi outra contribución imprescindíbel na tarefa de construír a nosa literatura, dotándoa de maior extensión e riqueza e facelo na nosa lingua, afondando así no uso e no prestixio que o galego merece. E nada mellor para iso que dar nome a un certame literario, un evento que nace para seguir contribuíndo a que esa casa de noso que é a literatura na nosa lingua propia, sexa cada vez máis grande e máis acolledora. Nada pode agradar máis a un escritor que nomear un certame que dará á luz novas obras e voces literarias."
Comentarios (0) - Categoría: Ao redor de Victoriano Taibo - Publicado o 27-11-2013 14:33
# Ligazón permanente a este artigo
Violencia institucional


“Acabo de escoitar o ruído da porta
...
Avó,
fas moi ben en marchar:
aquí ninguén te quere.”

Berta Dávila, Raíz da fenda, 2013


Temos falado moitas veces sobre a violencia de xénero. Sobre este terrorismo que mata máis persoas que ningún outro. Sobre as moitas caras da violencia, a súa multiplicidade de formas, a súa transversalidade social e económica, a súa ubicuidade no espazo, a súa pervivencia no tempo. Démoslle nome ás súas diferentes formas: violencia física, psicolóxica, económica, sexual ... definímola: todo acto contra a muller que teña como resultado o sufrimento físico, sexual ou psicolóxico. Advertimos sobre as outras vítimas que sofren coa muller e polas que a muller sofre: as fillas, os fillos. A propia sociedade é vítima. Está enferma.

Está enferma porque aínda hai mulleres que non se atreven a denunciar, mulleres que acaban por considerar que ese mundo de violencia en que viven é o mundo real, é a normalidade, non hai outra forma de vivir. Está enferma porque ao redor das mulleres que sofren aínda hai xordos e cegos que non perciben o mundo de claustrofobia en que perecen. Non son quen de ver as reixas da gaiola en que son dominadas. Non sinalan os indicios e permanecen indiferentes. É difícil diagnosticar a enfermidade, decatarse de que se forma parte dese labirinto de violencia. Por iso cómpre que todos os elos da cadea extremen a súa capacidade de atención, a súa sensibilidade e sexan capaces de entender o enorme abismo que salta unha muller que denuncia e que, despois de lanzarse, permanece tempo e tempo suspendida sobre o precipicio sen saber se iniciou o camiño da liberación ou un novo calvario. É responsabilidade de todas, de todos, colocarnos do outro lado e estender a man, axudala.

Todas e cada unha das modalidades da violencia de xénero precisan de apoio institucional. E entre elas a violencia económica, unha modalidade de violencia que soamente pode ser rachada con apoio económico institucional. As mulleres teñen que ter a certeza de que se dan o paso de denunciar o seu agresor atoparán unha cobertura que lles permitirá vivir e sacar adiante os seus fillos e fillas. Mais é ese o caso hoxe por hoxe cando os recortes son o pan noso de cada día e se reduce en efectivos humanos e económicos destinados a protección das mulleres?.

O pasado mes de outubro as deputadas do BNG Tereixa Paz e Carme Adán puxeron en evidencia a situación. Tereixa Paz denunciou a redución dos recursos para políticas de igualdade nos orzamentos de 2014, incidindo na redución dos programas de protección ás mulleres, o que repercutirá na redución das denuncias. Esta denuncia do recorte orzamentario producíase despois de que Carme Adán puxese en evidencia que neste ano 2013 se reducira o número de mulleres que accedera aos recursos que existen e que isto repercutira na redución do número de denuncias. Só no primeiro semestre do ano 2013 produciuse un descenso do 25% de novos expedientes de denuncia, un 20% en ordes de protección e unha redución do 45% no acceso ao salario da liberdade que lle permite ás mulleres realizar esas denuncias.

Os números son fríos. Moi fríos. Tanto como a realidade de que hoxe ao noso lado hai mulleres que seguen sen denunciar a súa situación de maltrato porque dependen economicamente do seu agresor, e non se establecen recursos económicos suficientes para apoialas. Segundo un informe do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero que recada datos das denuncias realizadas en 2012, en Galiza un terzo das mulleres presentaron denuncia, 4788. De cada tres mulleres que coñecemos unha sofre violencia de xénero e denúnciao. Mais o recorte orzamentario da Xunta de Galiza significa xa en 2013 que máis de 1000 mulleres non denuncien. Máis de 1000 mulleres que sofren dentro das paredes da súa casa. Máis de 1000 mulleres para as que como di o manifesto elaborado por María Reimóndez para a AELG o lugar máis perigoso é o seu propio fogar. Ese que se construíu grazas a ese traballo diario que ninguén recoñece nin paga. Traballo co que o agresor foi enriquecéndose e poñendo a seu nome todo canto se acadou entre dous e agora ela, que se ve desamparada, que sabe que nada ten de seu malia levar toda a vida traballando, decide non denunciar porque non ten onde vivir, non ten con que vivir.

Máis alá da frialdade dos números e dos datos. Máis alá da frialdade da análise que nomea e define o problema, hai unha, dúas, tres, catro, cinco... moitas mulleres, demasiadas mulleres que non dan o paso de denunciar porque non atopan facilidades para facelo, e facilidades son saber que terán un apoio económico que lles permitirá seguir adiante. Tal vez esta situación mereza ser definida e nomeada, ampliando a definición xa existente:

Violencia institucional tamén é a ausencia de apoio suficiente, mediante a dotación de recursos necesarios, humanos e económicos, ás mulleres vítimas de violencia económica, feito que lles impede dar o paso necesario paso de denunciar o seu agresor.

25 de novembro de 2013.
Publicado en Terra e tempo

Poema Non é amor:
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 25-11-2013 07:45
# Ligazón permanente a este artigo
Entrega do VI Premio Victoriano Taibo

A mesa de traballo deste sábado.

Á vista a preparación da presentación da entrega de premios Victoriano Taibo que terá lugar este 23 de novembro ás 19:30 horas en Morgadáns (Gondomar).

Recitais, música, teatro e entrega do VI premio de poesía Victoriano Taibo a Ramón Sandoval.

Programa do acto, tirado da páxina do IEM, organizador do premio xunto coa Entidade Local Menor de Morgadáns.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-11-2013 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
Argola
Colaboración literaria na sección do IEM:


Poema pertencente ao libro Argola, que proximamente poderemos ver xa fisicamente, pois está a ser imprentado por Edicións o Figurante. O libro verá a luz despois de recibir, ex-aequo co poemario María de Eli Ríos, o I Premio de Poesía Figurante.

Cómpre dicir que o poema ten moito que ver, en canto á súa ambientación, con algunha xeira nocturna do IEM.

Sirva pois de presentación a este novo libro.

FALABAN de afogadas que chegaban do leste
baixando por entre as fentas e os toxos
precedidas pola luz de Iupiter
que se erguía dominador do ceo
até que Luna inundaba as valgadas da serra
e deixaba entrever
ao fondo de Sagittarius
o centro mesmo da galaxia
a vulva da que naceu a vía láctea

como as estrelas que atravesan o ceo
as mulleres xurdían do cume da serra
e baixaban cara ao mar
iluminando a beira gorentosamente
apetitosamente para os navíos fatigados
que se lanzaban contra as rochas
ansiosos da calor das femias
coa gula dominando os seus sentidos
bébedos de tesouros brillantes
prometidos na porta do Senado
pago por unha vida de violencia
ao servizo do Imperio

porca retribución orzamentada nos saqueos
mentres deseñan unha longa entrada triunfal
despois de “pacificar” as terras afastadas
que o sol escolleu para morrer

xusto onde o mundo acaba


Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 11-11-2013 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
Para Xela Arias
O oco do teu verso

Penso no verso,
quero dicir
que penso no oco do teu verso,
no oco na alma,
na conversa pendente.

Búscote entre as palabras,
na selva do verso inzado
e inclínome,
inclínome ante ti,
ante o valor dos teus ollos,
ponte colgante en que o tempo se para
para te facer presente.
Penso no verso,
quero dicir que penso
no oco do teu verso,
no oco da palabra con que nos golpeas,
con que nos feres no estómago
nacéndonos á poesía.

Penso no verso,
no oco do teu verso,
nas palabras que iluminan a ponte
que nos une
a pesar do silencio.

Este poema foi escrito en memoria de Xela Arias par ao libro: Xela Arias, quedas en nós.
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 02-11-2013 19:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática