acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

De fala a lingua
Foto Xaquín Soliño
Onte, na galería Sargadelos de Pontevedra, tiven a honra de realizar a presentación do libro De fala a lingua: un proceso inacabado de Pilar García Negro en Pontevedra. A Asociación Maio Longo tivo o acerto de realizar este acto, que era moito máis cá presentación dun libro. Falamos de lingua, falamos das causas, falamos do que precisamos, falamos de que queremos deixar constancia o 18 de outubro de que amamos e usamos o noso idioma, e que reclamamos non só que manteña os espazos e a visibilidade que aos poucos conseguiu acadar, senón que amplíe esa presenza en todas as direccións posíbeis.

O libro de Pilar García Negro é un compendio de artigos escritos enter 2000 e 2008, e xa o di a propia autora na Introdución: “Quixera a autora que todo o aquí recollido non tivese nada a ver coa actualidade e formase parte só dunha recordación do pasado.” Mais non é así, porque en cada artigo – capítulo imos encontrando palabras que volver ter hoxe vixencia plena, en cada páxina hai unha reflexión ou argumento que aínda goza de plena utilidade.

O libro recolle tamén as dúas iniciativas parlamentares presentadas polo BNG e defendidas por Pilar para a modificación da Lei de Normalización Lingüística.

Para falar do noso idioma sempre hai tempo, calquera lugar é axeitado, porque sempre, sempre, e agora especialmente, é oportuno e necesario, como este libro en que podemos ler:

“A exclusión do galego véstese hoxe con traxe bilingüe… ao igual que os negros, cóntase con el en tanto en canto non ouse endexamais ocupar o asento do amo, isto é, se conforme coa súa existencia afastada e invisibilizada no mundo social e público.”

“Toda a nosa historia autónoma, desde hai cento e cincuenta anos, é a historia por poñer o galego nos lugares visíbeis socialmente, por lle dar estatuto público... E este esforzo pacífico, democrático, superador de barreiras artificiais, debelador do clasismo... É chamado imposición!”

(a foto é de Xaquín Soliño. Grazas)
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 09-10-2009 14:46
# Ligazón permanente a este artigo
Poesía de verdade (e II)
Falaba no artigo anterior da consideración e a proxección da poesía entre os chineses. Debo recoñecer que quedei impactada por moitas das cousas que lin na introdución a "Poesía china elemental" de Guojian Chen, de aí que comezase procurar máis poemas de Li Bai dos que contén a antoloxía, pois este autor co que se inicia, acapara, nestes momentos, toda a miña atención.

Así que recuperei "A punto de partir" do andel. Trátase dunha compilación de 100 poemas feita e traducida por Anne-Hélène Suárez Girard, para a a editorial Pre-Textos. Suárez Girard recolle tamén na súa introdución que en tempos da empreatriz Wu Zhetian (684-704), a poesía pasou a formar parte das probas dos exames imperiais que daban acceso á función pública. Mais Suárez explica cales foron as motivacións de Wu Zhetian para realizar este tipo de probas: "precisamente para apartar do goberno ás grandes familias da nobreza e consolidar o seu propio poder facilitando o ascenso de homes procedentes doutras capas sociais". Esta aclaración dálle aínda máis valor á estratexia seguida pola emperatriz, de quen debemos saber que antes de raíña foi concubina, e tamén que parece que estivo disposta a calquera táctica para acadar o poder e manterse nel, pois, para alén de que tivese un carácter máis ou menos cruel, o certo é que a sociedade do século VII, e a posterior, non aceptaba unha emperatriz.

Mais, historia e lendas a parte, volvo falar hoxe de poesía para pór enriba da mesa un tema no que quedei pensando estes días, despois da publicación do último artigo, e é o concepto de "cultura xeral".

Hai quen se escandaliza se unha, para quen a ironía é unha das ferramentas preferidas, fala de pedir que nas probas á función pública a poesía sexa proba excluínte. E entón penso eu, e logo Manuel Curros, Rosalía Castro e Eduardo Pondal non forman parte dos programas de literatura da escolarización obrigratoria, como forman parte Cervantes ou Shakespeare? Pois creo que moitas persoas son quen de repetir aquilo de: "Nun lugar da Mancha de cuxo nome non quero lembrarme, non hai moito tempo que vivía..." ou "Ser ou non ser, velaí a cuestión". Entón non van poder dicir dous ou tres versos dos autores anteriores despois de estudalos na ESO (ou en EXB ou en BUP) e ter oído algunhas cancións baseadas nos seus poemas? Parece que é excederse pensar que forme parte dos nosos coñecementos habituais algún daqueles versos que denunciaron as políticas de emigración masiva no XIX, "Adiós ríos, adiós fontes" ou "Unha noite na eira do trigo"? (por que non me atrevo a considerar que puidese ser de dominio común quen eran Roi Xordo, Pardo de Cela ou Lugrís)

En fin. Parece que saber quen era El Cid, que o Hamlet escribiuno Shakespeare, que Velazquez pintou as Meninas, que El Greco pintara figuras moi estilizadas, saberse o nome dos reis da Casa de Austria ou dos Borbóns si forma parte da cultura xeral, mais coñecer algo dos tres autores modernos máis representativos da nosa literatura, quizais é pedir de máis. Un médico ten que saber diagosticar unha gripe ou unha conxuntivite, mais escribir con certa corrección ou ter algo de cultura literaria, élle absolutamente innecesario.

O caso é que, metáforas por medio, ironía na man e poesía na boca coma sempre ando, eu do que quería falar era de que andamos arredor de nós e non nos dá chegado o mapa de Fontán que nos oriente, aquel que fixo que Adrián Solovio se recoñecese e se atopase a si mesmo, despois de procurar en tantos outros lugares que non eran a terra nin a cultura de seu.

En todo caso, perdóenme a literatura!


Artigo publicado en www.gznacion.com
Comentarios (3) - Categoría: artigos - Publicado o 05-10-2009 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
Afogadas
Recollía na anotación anterior un poema de As amantes de Hamlet. Dixen despois nun comentario que este poema forma parte dun conxunto que tiña por obxecto, dentro do poemario, facer dialogar a literatura de tradición oral con outras tradicións literarias, propias ou alleas.

Por iso no libro teñen un papel principal as afogadas, as mulleres vítimas das sociedades humanas ao longo da historia do Planeta, mulleres que non ocuparon o lugar que merecían, porque ese lugar non existe. E pretendín eu crear un espazo literario en que recuperar a súa presenza e o seu legado, esa illa que está do outro lado da noite, esa illa (e si, poden establecerse paralelismos) en que as afogadas volven á vida e ordenan os seus destinos, deixándonos o seu legado.

Por iso a reinterpretación de Ofelia, agora si vista como vítima do maltrato psicolóxico de Hamlet, por iso o amor dunha muller idosa, por iso o sombreiro de Virxinia, a buguina de Alfonsina ou a estrela de Rosalía. Por iso as afogadas, as damas das pozas que descubrín un día nun corredor do IES 1º de marzo, e que memoricei para converter no símbolo da superación, na angueira da construción do propio.

Debeu ser en 1999, mentres facía tempo dei en ler os traballos colocados no corredor do instituto e descubrín unha fermosas lendas das pozas de Mougás, en Oia, que o alumnado recollera para a aula de Sociais. Non sei se tomei nota ou simplemente almacenei na memoria, o caso é que eran un dos elementos que lle faltaba ao meu libro, e entraron nel, xunto coas lavandeiras e as amazonas.

Despois de publicado o libro en 2003, ao longo destes anos falei coa profe, falei con Antonio Reigosa e, ao que parece, o único que queda daquel traballo escolar son estes versos que un día enviei a Galicia encantada para que quedara testemuña daquelas lendas, agora totalmente elaboradas da miña man, mais vivas aínda. Así que esa é unha das partes do libro da que estou máis orgullosa, aínda que hai nel moito máis, oculto e visíbel, luminoso ou escuro.
Comentarios (0) - Categoría: As amantes de Hamlet - Publicado o 04-10-2009 13:27
# Ligazón permanente a este artigo
Baixo Miño
Onte chegou a casa este libriño. Non podo negar que me alegrou a tarde. Debe haber un par de anos que se escribiu. E agora xa ten corpo. É unha guía de viaxe do Baixo Miño feita desde un punto de vista literario.

Procurei que non faltase a información propia dunha guía e ao tempo inserir textos de todos os autores e autoras que tiveron ou teñen algo que ver co Baixo Miño ou que escribiron sobre a comarca.

Por ese motivo pechei o texto cos este poema de As amantes de Hamlet:

Tamén eu de ollos verdes prendidos
ignorando a vertixe da fervenza
e a certidume dos pozos
(inmensos pegos)
andei o camiño de leite que Lúa deu
e convertinme para sempre en afogada,
tamén eu,
que coñecía as lendas e os perigos

tamén eu andei na Poza Maior
e aínda que os meus cabelos non eran negros
quixen o corpo esvelto
que Lúa levou sen présa
ao fondo da poza
ao silencio definitivo da auga

a illa estaba
do outro lado da noite
Comentarios (5) - Categoría: textos editados - Publicado o 02-10-2009 17:05
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal
Acuática