acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Argola no Caderno da Crítica
Recensión de Ramón Nicolás sobre Argola no seu Caderno da crítica.

Moi agradecida á fermosa lectura que fai do libro.

"... é este un poemario singular no que se artella unha revisión histórica do concepto de dominación, en boa parte dominación exercida sobre a muller, sustentándose nunha voz que é a dunha escrava en tempos do Imperio Romano..."

"Son diversas, así pois, as lendas que poden vincularse con esta personaxe innomeada e chea de forza que circula con voz propia polas páxinas do libro..."

"... a presenza de figuras femininas heroicas e admirables como as dos poemas onde aparece a figura da avoa, obrigando á protagonista a alentar a «cinza da memoria» e convidando a levar até a fin as propias conviccións no propósito, diáfano, de que a muller que ela representa é moito máis que unha mercadoría de cambio obrigada polas circunstancias."
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 30-01-2014 17:02
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Gondomar


Presentación de Argola, premio de poesía o Figurante 2013, este venres día 31, ás 20:30 na aula Ponde de Rosas, do IEM, en Gondomar.

Contaremos coa presenza de:
Miguel Anxo Mouriño, escritor
Puri Ameixide, escritora
Marta Dacosta,autora

Organiza: IEM

Argola:

Existiu unha muller que foi apartada da súa familia e o seu país para agrandar a fama e a riqueza dun pai cegado pola cobiza, incapaz de decatarse de que este era o mecanismo para exterminar a súa familia? Existiu unha estirpe de mulleres que mantiveron ocultos os seus ritos pagáns e procuraron a ruína do invasor facendo que as naves imperiais batesen contra as costas galegas? Existiu unha muller que desafiou os tiranos do seu tempo?
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 27-01-2014 08:07
# Ligazón permanente a este artigo
Contra a hipocrisía














A revolución que a muller necesita inclúe a socialización do traballo doméstico e unha nova concepción da maternidade”, Alexandra Kollontai


Se existen estudos a nivel internacional, algúns deles mesmo baixo o cruño da Organización mundial da saúde, que demostran con datos que as lexislacións mais restritivas sobre o aborto non garanten a redución da súa práctica e redundan nun incremento da inseguridade e da mortaldade das mulleres, a conclusión de que a modificación do Lei do aborto ten motivos exclusivamente ideolóxicos, é clara.

E é así, primeiro porque estamos diante dun partido político claramente confesional e no que a relixión é criterio de actuación. Lexislan e gobernan baixo palio, atendendo ás recomendacións da Igrexa que establece un itinerario de goberno en que a modificación da Lei de educación ou a do aborto son chanzos esenciais. Este feito ten as súas probas máis risíbeis e concretas nas declaracións dalgúns ministros que explican a situación do Estado acudindo á intercesión dunha santa ou confían a evolución do emprego a unha virxe. E logo falamos de que os integristas están en Oriente.

Mais para alén da obediencia relixiosa e en coherencia con ela, a modificación desta lei débese tamén á defensa da moral burguesa en que se sustenta unha sociedade deseñada desde o imperialismo e o capitalismo: a sociedade patriarcal, unha sociedade en que a muller non ten cabida como persoa, en que o papel doméstico é o seu papel. Unha sociedade en que non se asume que a muller é tamén traballadora, proletaria, único alicerce sobre o que se pode construír a emancipación da muller. A defensa dos nosos dereitos é, por tanto, un elemento máis da loita de clases, porque somos as traballadoras as que reclamamos a nosa independencia e o noso dereito a decidir, fronte a unha sociedade ancorada aínda nos principios burgueses de que á muller lle corresponde exclusivamente un papel reprodutivo e de coidadora.

Pasou un século desde que as mulleres iniciaron a batalla para que se nos recoñecesen os nosos dereitos. Unha batalla que culminou simbolicamente na instauración do día 8 de marzo, proposto, como agora sabemos, pola comunista alemá Clara Zetkin, en quen tivo unha das súas principais impulsoras.

O traballo de mulleres como Clara Zetkin ou Alexandra Kollontai, que sempre colocaron como prioridade a defensa dos dereitos da muller, desembocou, entre outras medidas, na elaboración da primeira lei do aborto en Europa na historia contemporánea: a aprobada pola Unión Soviética en 1920. Era un paso necesario na procura dos dereitos das mulleres, agora proletarias e, por tanto, suxeitos da loita de clases e da revolución canda os seus compañeiros. Cumpría acadar a independencia económica, psicolóxica e emocional, para o que a regulación do aborto, como a do divorcio, eran elementos esenciais. Elementos que evidentemente facían cambalear o modelo tradicional de familia, algo que a burguesía e o patriarcado non ían permitir, como comprobamos ao vermos os altibaixos lexislativos destes dereitos.

A modificación da lei do aborto hoxe é unha agresión á clase traballadora, ás traballadoras, é unha mostra máis de que a loita de clases segue vixente. Outra volta de parafuso co obxectivo de devolvernos ao fogar e manternos submisas, obedientes ao pai e ao esposo.

Observando o momento actual á luz destas declaracións e cambios de leis, unha pensa que aínda podemos ver novos retrocesos e que igual que nos chaman asasinas por defender o dereito a decidir sobre o noso corpo, calquera día pódennos dicir que a crise económica é por culpa de ternos recoñecido o dereito ao voto, ou calquera outra loucura comparábel.

En contra do que afirman os que recortan os nosos dereitos, vale a pena recoller aquí as palabras das escritoras e profesoras portuguesas Ana Gabriela Macedo e Ana Luísa Amaral no seu Dicionário da crítica feminista:

... o aborto é não só un grave problema de saúde pública, mas também un problema de cidadania numa sociedade plural e de afirmação do desejo e do dereito à felicidade e ao amor: as mulheres e os homens deveriam poder planear as suas vidas e ter o número de filhos planeado; e se ser mãe e ser pai deve ser uma escolha, ser criança desejada é um direito.

Ser filla/o desexada/o é un dereito. Querería eu pór estas palabras en molde ou placa, convertelas nunha faixa para ir colocando polas rúas adiante, porque ao final, se de verdade falamos dos dereitos da infancia, este, ser desexada, chegar cando a túa nai entende que pode selo, que se dan as circunstancias para unha crianza saudábel debe ser o primeiro dereito. Ou acaso este modelo económico devorador precisa aínda máis man de obra barata? Coñecemos a resposta.

Hipocrisía. Unha profunda e extensa hipocrisía. Quen recorta os nosos dereitos lexislativos, se o fixer baixo o criterio de protexer o dereito dos non nacidos ou de reducir o número de abortos ten na súa man outras ferramentas idóneas e necesarias, mais tampouco as pon en práctica. Ampliación e creación de centros en que se dea información e se garanta o acceso a medios anticonceptivos ou inclusión da educación sexual no ensino serían dúas medidas ben efectivas para non chegar ao aborto, se iso é o que perseguen. Mais está claro que non se trata diso e que estas propostas non entran no seu programa de medidas ideolóxicas.

A estes recortadores que cando lles convén invocan a orde internacional e as recomendacións europeas debemos dedicarlle esta segunda cita de Ana Gabriela Macedo e Ana Luísa Amaral:

O aborto é considerado analisador civilizacional, item avaliativo dos padrões culturais e sociais dos diferentes países; por isso “a liberdade e responsabilidade reprodutiva e a institucionalização de condições seguras para abortar em segurança” é uma recomendação aos países-membros da Europa Comunitária, decisão da Conferência do Cairo sobre População e Desenvolvimento (1994) e da Plataforma de Acção da Conferência de Pequim das Nações Unidas (1995).

Señores gobernantes, están vostedes na caverna e co pau na man.


Artigo publicado este mes de xaneiro en Terra e tempo e Valminor.info
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 27-01-2014 08:06
# Ligazón permanente a este artigo
Escribir é

Escribir é...

atopar a punta do fío axeitado e tirar del até desfacer o nobelo.
Despregar diante de nós esa sucesión de palabras que constrúe o edificio do texto e abriga as ideas.
Comentarios (0) - Categoría: Escribir é - Publicado o 24-01-2014 17:37
# Ligazón permanente a este artigo
Cuestionario Proust no Caderno da crítica



Ramón Nicolás publica no seu blog: Caderno da Crítica as miñas respostas ao seu Cuestionario Proust.

Estas son:

1.– Principal trazo do seu carácter?
-A espontaneidade.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A lealdade.

3.– Que agarda das súas amizades?
-Compañía.

4.– A súa principal eiva?
-A espontaneidade.

5.– A súa ocupación favorita?
-Ler.

6.– O seu ideal de felicidade?
-Non ter urxencia por nada.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Non quero pensalo.

8.– Que lle gustaría ser?
-Escritora, aínda que de pequena quería ser perruqueira.

9.– En que país desexaría vivir?
-Vivo nel: Galiza.

10.– A súa cor favorita?
-Verde.

11. – A flor que máis lle gusta?
-A rosa púrpura.

12.– O paxaro que prefire?
-A garza.

13.– A súa devoción na prosa?
-A sinxeleza e a perfección de Castelao.

14.– E na poesía?
-A beleza inapreixábel da poesía oriental.

15.- Un libro?
-A illa do tesouro.

16.– Un heroe de ficción?
-O soldadiño de chumbo.

17.– Unha heroína?
-Pippi Calzaslongas.

18.– A súa música favorita?
-Música de cantautor/a.

19.– Na pintura?
-O paisaxismo.

20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-A miña bisavoa.

21.– O seu nome favorito?
-O meu? Gústame o meu nome.

22.– Que hábito alleo non soporta?
-A hipocrisía.

23.– O que máis odia?
-A falta de criterio propio e que che digan o que pensan que queres oír.

24.– A figura histórica que máis despreza?
-Unha soa? Os líderes das potencias do Eixo na Segunda Guerra Mundial e os seus aliados.

25.– Un feito militar que admire?
-Non me dou conta.

26.– Que don natural lle gustaría ter?
-A xustiza.

27. – De que maneira lle gustaría morrer?
-En paz comigo e os meus.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-A tendencia ao optimismo.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Creo que case todos, agás a mala intención.

30.– Un lema na súa vida?
-Poñerme na pel das outras, dos outros.
Comentarios (0) - Categoría: entrevistas - Publicado o 13-01-2014 17:20
# Ligazón permanente a este artigo
Nas orixes de Argola

Pescudando no pasado, para falar do presente.
Pescudando na historia, para sumar argumentos (poéticos) á crítica do patriarcado, do imperialismo.

Nas orixes de Argola:

http://www.blogoteca.com/acuatica07/index.php?cod=35090
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 02-01-2014 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática