acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Pola lingua que nos une
A Plataforma Queremos Galego convócanos este domingo 27 en Compostela pola lingua que nos une, para esixir a derrogación do Decreto de Plurilingüismo, denunciar a política lingüística da Xunta e rexeitar o borrador da LOMCE presentado polo ministro Wert.

Desde o primeiro día houbo unha forte oposición a un proxecto de Decreto que evidenciaba a súa intención de reducir a presenza da nosa lingua no ensino. Era a segunda medida de grande calado adoptada polo goberno de Feijoo despois de eliminar o requisito de demostrar a competencia no noso idioma no acceso á función pública e era a constatación final de cal era o seu proxecto para o noso idioma: a redución e a exclusión. Entre os dous feitos, realizaron unha consulta ás familias inzada de polémica. Unha consulta absolutamente tendenciosa, á que non se podía responder, por exemplo, que queriamos para os nosos fillos e fillas unha educación 100% en galego, pois soamente se preguntaba sobre as materias troncais, a metade das materias. As matemáticas dicían que calquera que fose a resposta a nosa lingua sempre sairía prexudicada. E así foi.

Logo viu o Decreto. A norma elaborada pola Xunta recorría a varias argucias para reducir o uso do galego, unha delas consultar os pais e nais, mediante unha enquisa tramposa de carácter vinculante para obter uns resultados que conducisen cara á imposición do español como lingua vehicular. Contra este apartado foi reticente o Consello Consultivo, que citou a xurisprudencia existente, ante o que a Consellaría reduciu a consulta a infantil no texto final do Decreto. O resultado foi que o galego case desapareceu das aulas de EI. Así o denunciou a Mesa pola Normalización, en outubro de 2012 soamente o 3% dos centros das cidades impartían ensino en galego, unha porcentaxe moi afastada da que representa a demanda de galego nos contextos urbanos.

Para completar o proceso fixeran desaparecer as liñas de ensino en galego na Educación Infantil. No seu día puxérase en marcha, en centros con dúas liñas, unha liña en galego que as nais e os pais solicitaban voluntariamente. Esa liña de galego tivo unha importante demanda. A modo de exemplo poderiamos citar o caso de cidades en que o alumnado se desprazaba de zona para poder cursar a Educación Infantil en galego, ou vilas en que a demanda superaba a oferta, e mesmo pais e nais castelán falantes pedían matricular os seus fillos na liña en galego. Mais a Consellaría afogou economicamente esta iniciativa, primeiro, para suprimila despois.

Xustamente a consulta vinculante, como outra das argucias, permitir que o alumnado non usase a nosa lingua nas materias de obrigada impartición en galego, foron as que o TSXG declarou ilegais.
Introducir o ensino en inglés foi a terceira argucia. En virtude desta imposición produciuse un feito inédito: a prohibición expresa de impartir matemáticas, física e química e tecnoloxía na nosa lingua. Non podemos esquecer que historicamente viñamos demandando que matemáticas se impartise en galego, non só para incrementar a presenza da nosa lingua nas aulas, nomeando expresamente unha materia máis a ser impartida en galego, senón tamén para incrementar o prestixio da lingua, converténdoa en lingua da ciencia. Esta demanda foi recollida no Plan Xeral de Normalización (lembremos, aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004) e de aí pasou a ser recollida no articulado do Decreto 124 do ano 2007.

En relación con esta prohibición, cómpre lembrar que a Consellaría de Educación, xa coa crise iniciada, non tivo reparo en gastar máis de oito millóns de euros en destruír libros de texto por estaren en galego, tal era a urxencia por erradicar a presenza da nosa lingua, mentres decrecían os orzamentos destinados a actividades de normalización, xa fosen as realizadas polos Equipos que perderon nos últimos tres cursos un 50% dos recursos que viñan percibindo, xa fosen outras partidas como os premios á innovación en normalización, que sufriron unha redución de máis do 63%.

Só estes datos, existen aínda moitos máis, bastan para pór en evidencia que o Partido Popular tiña unha folla de ruta clara para o noso idioma e puxo en marcha a maquinaria para expulsala do ensino. A mesma maquinaria comeza agora rodar coa forma de Lei de Educación da que xa dixo o seu promotor que pretende "españolizar". E os nosos gobernantes avergónzannos cando obedientes e submisos acollen a invasión de competencias que o proxecto lles regala e sobre a regulamentación do idioma din: iso é o que estamos a facer en Galiza e aplauden coas orellas satisfeitos de ver como a nosa lingua é inferiorizada respecto do español, o inglés, a relixión! ou mesmo unha segunda lingua estranxeira. E aínda se atreven a chamarse galegos!

Durante este tempo loitamos con todas as ferramentas que estaban ao noso alcance, incluídas as xurídicas. E o pasado día 22 de novembro facíanse públicas as tres primeiras sentenzas: as motivadas polos recursos presentados pola CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e Queremos Galego. Nos días seguintes aínda se fixeron públicas outras cinco, así até oito que repetían reiteradamente as ilegalidades do Decreto. Nesta nova situación, cumpría reclamar a derrogación do Decreto. Ás nosas demandas sumábase agora a decisión do TSXG que anulaba dous dos seus alicerces. Oito sentenzas que non dubidaban en utilizar cualificativos como: baleiro, ilóxico ou ilegal, á hora de valorar estes preceptos do Decreto.

Só lamentamos que as anteditas sentenzas non se adiantasen varias semanas, e así que outubro fose xa o mes da súa celebración; ou o propio informe do Comité de Expertos da Comisión Europea contrario á política lingüística da Xunta. Xa nunca saberemos se estes datos avalados pola xustiza e unha Comisión europea terían incidido na decisión que as galegas e os galegos tomamos o 21 de outubro.

Mais o que si é certo é que esta situación é un éxito colectivo, resultado dos nosos esforzos en prol do idioma durante estes anos. Por iso o 27 de xaneiro ten algo de celebración, de aniversario dunha mobilización histórica que nos levou a todos e todas até o Obradoiro, dando lugar ás imaxes máis fermosas que podíamos imaxinar. Este domingo é unha nova ocasión para celebrar que temos un idioma propio, para declarar que por el estamos no mundo, que existiremos mentres el exista, e que por iso queremos sentilo vizoso en cada recuncho e en cada rúa, e moi especialmente nas nosas escolas, na voz das nenas e os nenos, alí onde é semente e medra botando raíces no futuro.


Artigo pubicado en Terra e tempo
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 25-01-2013 18:01
# Ligazón permanente a este artigo
Recital en Lugo nos 90
Marta Ferreiro envíame tres fotos. Son dun recital no Clavicémbalo, en Lugo.

Pasou ben tempo. Nótasenos. Tanto que hai tempo que non volvin ter esa melena, por iso aposto que as fotos teñen que ser como tarde de 1994.

Lembro que Lois Diéguez nos convidara a recitar en Lugo, neste local en que se fixeron actos literarios durante moito tempo. E alí nos fomos Paco Souto, Rafa Villar e máis eu. Con nós está Fernán López, un rapaz de alí de Lugo.

Hai vinte anos!

Comentarios (1) - Categoría: Recitais - Publicado o 23-01-2013 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
Ceibas
arquivo Marta Dacosta
Fina Casalderrey entra na Academia Galega. Alégrome e concordo con quen sinala que canda a ela entra a literatura escrita pensando nos máis novos e nas máis novas.

Cando souben que finalmente a Academia se decidira por ela veume á cabeza inmediatamente aqueles días da Feira do libro de La Habana, e a miña memoria fotográfica lembrou esta foto tan poderosamente simbólica. Foi naqueles días nos que coñecín a Fina Casalderrey e desde entón aprezo a esta muller que levou libros a tantas mans infantís e non só.

Dixen que era unha foto simbólica. Camiñando nas rúas de La Habana, cara ao mercado de artesanía, pasamos por diante da enorme árbore. Creo que foi Marilar Aleixandre quen nos descubriu a especie, unha ceiba. “Ceiba”, unha palabra de noso para nomear unha árbore e nós alí, mulleres a loitar para construír liberdade desde a palabra, desde os feitos. Só podiamos facer unha cousa, sentar ao pé da ceiba, retratarnos. E aí estamos: Marilar Aleixandre, Teresa Moure, Fina Casalderrey, Antía Otero, Mercedes Núñez, Eva Mejuto e eu mesma. Quixo a casualidade que fose o día 24 de febreiro, o día de Rosalía.

Somos ceibas e temos a palabra.

Parabéns a Fina Casalderrey.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-01-2013 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
Acuática alma en La Voz de Santiago
Despois de case un ano coloco nesta xanela a recensión que se publicaba na columna "A pie de calle" en "La Voz de Santiago" o día 16 de febreiro de 2012, con motivo da presentación de Acuática alma o día anterior na libraría Couceiro de Compostela.

M.B. titula a columna cunhas palabras miñas que resumen a entrevista que me fixo nos minutos previos á presentación: "A auga e o mar están sempre presentes nos meus libros".

Certo. Auga de mar, sobre todo, mais auga dos ríos tamén, a mesma chuvia. Como protagonista ou como paisaxe, como contexto necesario ou accidentalmente. Son, somos auga, e á auga volverei, volveremos.

Quero deixar aquí constancia de que recupero esta recensión grazas a Pilar García Negro, que a gardou e ma fixo chegar. Unha aperta a través da rede Pilar!
Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 20-01-2013 11:30
# Ligazón permanente a este artigo
A ansia do lóstrego de Medos Romero
Falo dun posíbel exterminio das
ideas, da palabra dignidade,
dese xeito en que van quebrándose as bandeiras.
Os necios e poderosos reafírmanse de novo,
sen pudor, aínda así concedésmolslles as súas medallas
de gloria. Falo dun naufracio en terra firme,
do castigo inminente de inocentes á miseria.

Un poema de Medos Romero, do seu libro A ansia do lóstrego, para abrir o apetito.

Lectura moi recomendábel.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 17-01-2013 21:48
# Ligazón permanente a este artigo
animal ferido
Unha parte do poema Coiraza, publicado en www.bvg.udc.es en 2002
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 11-01-2013 08:42
# Ligazón permanente a este artigo
Os banqueiros están ricos á súa conta
Poderiamos ser nós.

Calquera de nós @ que este Nadal estivese pechad@ no concello de Gondomar, do Rosal, de Moaña, Cangas ou de Boiro. Ser calquera de nós @ que estivese ás portas do Concello de Compostela reclamando estar presente no Pleno, ser recibido polo Alcalde. Calquera de nós @ que decidise participar nunha folga de fame rotatoria en Ferrol.

Porque non son potentados. Son coma nós persoas que aforraron uns cartos e os sacaron da conta corrente, apartándoos para os gastos que viñesen no futuro. Certo que buscaron a maior rendibilidade, e quen non. Ninguén lles falou de riscos, polo menos ninguén lles falou dos riscos que hoxe corren. É máis, na maior parte dos casos explicábanlles que era como ter diñeiro a prazo fixo. E quen llo dicía era unha persoa da súa confianza. A moitos coñeciámolos de todos os días desde había varios anos (vivimos nunha vila ), quen ía pensar que ese director ou esa interventora estivesen metendo gato por lebre.

Podería pasarlle a calquera, se non quen de vós le todas e cada unha das cláusulas dos contratos bancarios e despois de lelas entendeunas todas. Eu non, desde logo. E léoas, abofé que as leo, especialmente nos últimos tempos.

A calquera, mais foilles pasar aos que poden relatar unha vida de traballo e sacrificios, aos que gardaban os cartos para pagar os estudos dos netos, ou para un revés. Eran, son os seus aforros, produto do seu traballo.

Funos coñecendo desde o día en que tiveron a iniciativa de se pechar en Gondomar. Non visten roupa de marca e teñen as mans estragadas. Ao pasar dos días vou sabendo as súas historias. Dalgúns sabía que fixeron uns cartos vendendo algún terreo. Outros simplemente conseguiron aforrar para non pasar unha xubilación tan estreita.

Mais algúns son persoas que hoxe non teñen traballo. Mozas despedidas coas que compartín mobilizacións no seu día, reclamando que se mantivese o seu posto de traballo. Porén acabou no paro e a indemnización foi parar ás preferentes. Ten fillos pequenos.

El loitou durante anos coa multinacional para a que traballaba. Despois de duras negociacións foi despedido sen que a empresa recoñecese a invalidez que lle correspondía. O recoñecemento chegou despois do despido. A xusta indemnización por anos de traballo para un empresario que se fixo rico á súa costa e a doutros foi parar ás preferentes.

Estoutro pasou a vida no mar. Meses e meses sen ver a familia pensando que cando se xubilase podería recuperar o tempo perdido, gozar do diñeiro gañado en horas de illamento e sal. E non, está nas preferentes. Ao igual có seu amigo, aforrando para regresar despois de anos emigrado nun rico país europeo.

Ela pasou meses mobilizándose ante a empresa que lle debía varios salarios. Foi unha dura mobilización con acampada e todo. E por fin, cando lle pagan o que lle corresponde e abre unha conta para gardar os cartos para o que veña, atópase meses despois facendo un novo peche, para que lle devolvan, outra vez, os cartos que lle corresponden polos seus anos de traballo mal pagado.

Esta é a realidade desas persoas que agora saen retratadas nos xornais, que ocupan as portadas coas súas ceas de Nadal na entrada do Concello. Os mesmos xornais nos que len que teñen que asumir a perda do 40% dos seus aforros.

Estas mulleres e estes homes nada teñen que ver cos que se xubilaron no seu día deixando a Caixa en ruína, coas costas dobradas polo peso dos cartos roubados nos seus petos.

Que o goberno que ten que darlles unha solución non o faga, non lle poña as cousas claras aos bancos para que devolvan o roubado, non meta na cadea ás persoas que xogaron impunemente cos aforros acadados coa suor do seu traballo e aínda se atreva a saír coa ladaíña de que foi culpa de ... cando levan máis de tres anos gobernando e nada fixeron para impedir que se chegase a esta situación, ou para que deixasen de se comercializar as preferentes que aínda se vendían a primeiros deste ano, con eles no goberno, é unha monumental burla.

Hoxe quixen falar dos meus veciños e veciñas, traballadoras e traballadores pechados no concello de Gondomar, dos amigos pechados no Rosal, en Moaña ou Compostela, como outros o están en tantos outros lugares do país. Solidarizarme así coa súa loita. Darlles folgos. Desexar que o 2013 traia para eles e elas a devolución dos seus aforros.

Vaise 2012, que con el leve esta desfeita. Mentres, non podo evitar lembrar un poema de Celso Emilio neste ano do seu centenario:

...

Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo

i a miña mocedade. Nada teño.

O patrón está rico á miña conta,

eu, á súa, estou vello.

Ben pensado, o patrón todo mo debe.

Eu non lle debo

nin xiquera iste sol que agora tomo.



Mentras o tomo, espero.


Artigo publicado en Sermos Galiza e Valminor.info e que recolle un dos meus desexos para este 2013 que hoxe comeza.

Bo ano teñamos!
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 01-01-2013 12:36
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática