acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

o mestre
Se teño que elixir unha imaxe de Daniel Castelao elixo esta.

Estarrecedroa no seu sincretismo, na súa capacidade de trasladarnos a súa mensaxe complexa envolta na máis absoluta sinxeleza. Como sempre o fixo todo.

Castelao é o mestre que non se esgota. Del nunca poderemos dicir que houbo unha derradeira lección. Cada vez que volvemos aos seus debuxos, aos seus cadros, á súa narración, á súa reflexión comprobamos que a súa saberdoría é un manancial que vén da profundidade da terra e segue deitando auga para apagar a nosa sede.

O pasado martes, cando Francisco Rodríguez mostrou a imaxe, sentín de novo a mesma emoción.

Remata xaneiro, 125 anos despois do seu nacemento. Tempo para admirar, ler, lembrar e comprender.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-01-2011 19:53
# Ligazón permanente a este artigo

lugares e horas das manis
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-01-2011 09:39
# Ligazón permanente a este artigo
Castelao: a Galiza do futuro

Próximo acto da Asociación Cultural O Castro, o vindeiro martes 25 de xaneiro na Casa da Cultura en Vigo, ás 20 horas.

No 125 aniversario do nacemento de Castelao O Castro organiza esta conferencia sobre o importante papel político e cultural do noso autor. A conferencia correrá a cargo de Francisco Rodríguez.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-01-2011 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
Raizames
Froito desa angueira por recuperar a memoria da que falaba, acaba de ver a luz o libro Memoria de Peitieiros, un conxunto de 58 fotografías, 54 das cales están acompañadas de textos escritos polas veciñas e os veciños da parroquia.

Nesa condición colaborei neste novo volume, desta volta falando da imaxe que aquí reproduzo (cedida pola familia Fontán Loureiro), na que recoñecína ao instante a algúns dos seus protragonistas, motivo polo que escribín este texto que reflexiona sobre as raizames e aos lugares aos que pertencemos.

Primeiro recoñecino a el, inconfundíbel coa súa altura e delgadeza, a súa faciana singular. Entón reparei nelas, no centro da imaxe, as irmás que visten a mesma chaqueta, recoñecíbeis malia os anos pasados, fermosas naquel día soleado en que se xuntaron ao pé dos monecos de millo catro xeracións de veciñanza, para non esquecer aquel momento breve.
O tempo pasou, xa non están aquí, mais queda o retrato cheo de luz de un día de festa, como esas notas que imos deixando polas nosas vidas para non esquecer. E eu? Que me une a elas e a eles? Como é posíbel que recoñeza a persoas coas que non convivín, ou que a penas coñecín uns días? Por que fago miñas as imaxes dese pasado? Se cadra porque bebo a auga do Matalagartos, porque non me importou desoír o refrán e mesturei monte e fonte, porque incorporei ao meu vocabulario palabras como rabaqueta ou follarca, porque fixen miña a lenda das mouras que se peiteaban no río á sombra dos muíños que aínda non derrubara o esquecemento.
Así, alarguei as miñas raizames que, mentres se nutren do salitre do mar en que nacín, profundan na terra rodeando os petoutos ocultos, bolsas de lava petrificada que lle dan nome a un barrio extenso, Peroleira, e permiten que me manteña firme sobre elas, mentres sigo, empeñada en darlle a volta ao mundo.


Nota:
"mesturei monte e fonte", referencia ao dito: non veñan os do monte a correr cos da fonte, que quere dicir que a xente non se mesture e, sobre todo, que non veñan os de fóra a se meter no noso.
Comentarios (2) - Categoría: textos editados - Publicado o 21-01-2011 18:38
# Ligazón permanente a este artigo
Impresionante
Todos os informativos da Radio e da Televisión galegas abren falando da Cidade da Cultura. Unha e outra vez insisten na grandiosidade dos edificios e, sobre todo, na unanimidade dos visitantes que declaran sentirse impresionados ante o espectáculo arquitectónico. Incúlcannos que os centos de visitantes que a obra tivo nos seus escasos días de apertura ao público se mostraron marabillados e desde o momento en que a entrada foi libre a xente correu outeiro arriba para comprobar polos seus ollos a importancia da obra. Nas imaxes da televisión só conseguimos albiscar enormes paredes brancas e os andeis do arquivo. Mais despois de oír as reiteradas mensaxes imaxinamos milleiros de homes e mulleres embelecados e risoños ante a nova “catedral”. Impresionante.

O día 11 do ano 11 do segundo milenio da nosa era inaugurouse unha cidade sobre un outeiro e para iso foron convocados os representantes da coroa española, facendo coincidir o acto co 800º aniversario da consagración da catedral. Nada quedou ao azar e a data e os encargados da inauguración envían a mensaxe certa: monarquía, catolicismo. O home que deseñou a cidade fachendea de que o produto final superase a obra que el imaxinara e asegúralle ao ex ministro de Franco que verán rematado o seu soño. Impresionante.

O certo é que estamos ante un alarde de propaganda, outra vez. A presenza dos príncipes españois e do arquitecto americano trasladan unha imaxe positiva dun proxecto que recibiu duras e constantes críticas. Hai esa mensaxe subliminar perenne de que a obra é magnífica e os que critican non saben do que falan e son os de sempre... agora vai parecer que a obra era necesaria, porque acabado o Xacobeo, esta mole de formigón vai ser o destino das novas peregrinacións que o presidente anuncia. Impresionante.

Algún día camiñarei até os impresionantes edificios do outeiro, para comprobar por min mesma se a alma do meu pobo cabe entre as súas paredes, se aqueles que visiten a obra arquitectónica sairán cara a Compostela sabendo un pouco máis do que significamos, de quen somos os galegos e cales son as nosas obras, cales foron os homes e as mulleres que abriron as nosas mentes e puxeron a Galiza no mesmo centro do universo, se sobre o seu chan pode estar o obradoiro da nosa creatividade incansábel. Sentirei que nesa dimensión esta cidade é impresionante e é miña?


Artigo publicado en A Nosa Terra.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 18-01-2011 15:16
# Ligazón permanente a este artigo
"treboadas de ósos perdidos"
teño fame
de primavera

de calor contra os ósos
de sol que abra o ceo e o derrame azul

do varredor da Madrugada dos Trapeiros
que me responda ao fin da noite
“mais o que falta en rigor
é varrer o criminal”

varrer o criminal

coas palabras de Susana Chávez
o seu mar de treboadas
de ósos perdidos


varrer o criminal
con todas as palabras sepultadas para sempre
nas gorxas rotas de todas as mulleres

resucitar a súa rabia
contra a fogueira da indiferencia
e o pesado silencio que nos segue oprimindo
lousa que nos rouba a luz

a primavera

"treboadas de ósos perdidos"
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 14-01-2011 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
Imaxes para a memoria
Foto publicada no libro Imaxes para a memoriaHai 7 anos o IEM editaba o primeiro libro de imaxes acompañadas dun pequeno texto, unha compilación de imaxes antigas do Val Miñor. O libro titulouse: Imaxes para a memoria e tivo un éxito notábel, especialmente porque atrás del viñeron outros: de Gondomar, de Couso.

Convidáronme a colaborar, o que fixen gustosamente, claro. E así foi como me correspondeu acompañar unha imaxe das festas de Fátima, que se celebran no mes de maio na parroquia de Peitieiros. Todos posan para o fotógrafo, cos pendóns da procesión, por diante do arco que levantaban para estas festas. Era como o arco de Tabagón, e igual que se facía este diante da igrexa, colocábanse outros máis pequenos nas portas das casas. No centro da imaxe as nenas que ese día facían a comuñón, cos pais que tiraban do carro dos anxos, as nenas e os nenos que farían a comuñón en anos seguintes e que asistían a esta festa cos seus traxes de anxo, con ás incluídas. A foto saíu dunha casa de Peitieiros, mais lamentabelmente non podo citar de que familia é porque o descoñezo.

Hoxe todo segue igual, asegúrovolo, soamente falta o arco de madeira e buxo, mais os nenos de comuñón e os anxos seguen saíndo no mesmo carro, coa imaxe da virxe detrás, pisando as alfombras de flores confeccionadas a noite anterior.

Velaquí o texto que se publicou no libro: Imaxes para a memoria, 2003, IEM:

Aquí está maio como porta da vida, recendendo a xesta e a fiúncho. De novo Perséfone regresa dos infernos cunha estrela na fronte, a estrela da porta de maio, fermosa na súa imperfección.
A memoria do meu corpo sabe das raizames desta porta de maio, da admiración e a sorpresa ante a nai Terra, do culto á natureza, tan noso, discípulas de Prisciliano.
Seguiremos recollendo xestas e fiúncho, alegrándonos na laboriosidade da enramada. Agora, confían ás flores e ás súas pólas a salvación da alma, deste espírito que se mantén en pé ao longo dos anos, sepultando no esquezo a razón verdadeira.
Maio chega para darnos vida, para darnos alento mentres medran os días e nós deixamos que nos abale dondamente, deixamos que nos posúa na súa tolemia de flores e cor, perdémonos nos camiños e reaparecemos no adro, coas mans escuras e espiñadas, e unha estrela nos ollos.
Bailemos amigas, que as noites xa non son frías e hai unha porta aberta á vida, unha porta aberta no mesmo corazón, unha porta esmeralda para o tempo da fertilidade.


Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 12-01-2011 14:48
# Ligazón permanente a este artigo
Queixa ao Valedor do Pobo polo comportamento da súa oficina
Imaxe da WikipediaNo final do trimestre, o alumnado dun instituto do Val Miñor visitou a Oficina do Valedor do Pobo. Na súa visita foron atendidos por un dos vicevaledores. Esta persoa atendeu os menores en español. Ao finalizar a súa intervención convidou o alumnado a preguntar. Entón, un dos asistentes quixo saber por que o Vicevaledor non empregara con eles a lingua propia de Galicia, xa que, como vicevaledor do pobo, está entre as súas funcións a de procurar o respecto dos dereitos lingüísticos das galegos e dos galegos e que todas e todos os alí presentes entendían a nosa lingua. O Vicevaledor respondeu, sempre en español, apelando á súa liberdade como individuo, deixando de lado a súa responsabilidade institucional, incidindo en que estaba alí como cidadán e non como vicevaledor.

Ao chegar a casa, o rapaz díxonos que tiña que contarnos algo que pasara na visita ao Valedor, sentamos na cociña e relatounos o que acabo de recoller máis arriba (el coas súas palabras, eu coas miñas). Os pais quedamos abraiados, abraiados pola actitude dun representante público ante un grupo de escolares e abraiados da reacción do fillo que non calou e dixo exactamente o que pensaba.

Entón, decidimos que debiamos presentarlle unha queixa ao Valedor do Pobo, e iso fixen, relatando o acontecido e reclamando unha intervención ante este alumnado que repare a deficiente imaxe transmitida e que lles aclare que si, que a lingua oficial das institucións é o galego, que o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias defenden o promoven o seu uso e que eles teñen o dereito de usar a súa lingua ante as institucións e estas o deber de lles responder no noso idioma se eles e elas o reclamaren.

Xa sei que son parte afectada, mais pareceume inaudito o acontecido. Agora está presentada unha reclamación e a pregunta é:
Contestará?
E se contesta, que contestará?
Será inmediata a súa intervención como o foi na dirección contraria?

O tempo dirá, aínda que xa abondo dixo.
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 09-01-2011 11:13
# Ligazón permanente a este artigo
Lenda da rosa mosqueta
Foto de wikipediaHoxe fun comprar unha crema de mans para agasallar o día de Reis. No andel atopei unha marca que ofrecía unha crema feita de aceite de rosa mosqueta e sen mirar máis collina.

Non é a primeira vez que compro un produto feito con aceite de rosa mosqueta, mais desta volta, mentres agardaba outra cola máis, pensaba no significado simbólico da flor, que onte aprendía na novela de Toni Morrison que estou a ler estes días: Beloved.

É unha lenda moi fermosa, por iso vou copiar aquí a anotación que a tradutora fai a pé de páxina para explicar o texto: “um acampamento de índios cherokee em nome dos quais uma rosa fora baptizada.”. Maria João Freire de Andrade, autora da tradución portuguesa publicada por Dom Quixote di:

Rosa laevigata, rosa mosqueta. Segundo o folclore norte-americano, quando em 1831 se iniciou o Trilho de Lágrimas (nome dado ao movimento e relocação dos nativos norte-americanos das súas terras natais para território índio, actual Oklahoma) as mães da tribo chorarvam tanto que eram incapazes de ajudar os filhos a sobreviver à viagem. Os anciões pediram que lhes fosse dado um sinal para as encorajar. No dia seguinte, uma rosa cresceu no local em que cada uma das lágrimas das mães caía. A rosa é branca pelas suas lágrimas, o centro dourado representa o o ouro tirado de terras cherokee, e cada uma das sete folhas em cada caule representa uma das sete tribos cherokee . Ainda hoje, a rosa cherokee brava cresce ao longo de todo o percurso do Trilho de Lágrimas, partindo dos diversos Estados de onde os cherokee foram removidos e termina na Oklahoma oriental.”

Fermosa explicación para a introdución en territorio americano desta especie asiática ou eruropea (a súa orixe e nome científico varía segundo a bibliografía que se consulte, mais hoxe non nos preocupa a exactitude botánica).
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-01-2011 13:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática