acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

A neve puntual
fotos de Marta DacostaHai exactamente un ano a neve tamén aparecía nos nosos camiños. Desta volta deixonunos imaxes magníficas, como a visión de Compostela ou a subida ao San Antoniño, tan preto do mar, que non dabamos creto...



A luminosidade da neve
enche a casa
en calma

Taneda Santoka, O monxe espido
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-01-2010 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
As rosas
foto de Marta Dacosta
Comentarios (5) - Categoría: Cinsa - Publicado o 07-01-2010 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
O monxe espido
Rematei de ler “O monxe espido” unha compilación de 100 haikus de Taneda Santôka.
Cando non se ten hábito de ler haikus poden resultar non sorprendentes, confusos. Por iso, tras unha aproximación inicial moi interesante, pareime un momento a ler o apaixonante folleto de Chantal Maillard “Ouriñar na neve” en que a poeta se achega á poesía xaponesa e á de Santôka en particular. Entón retomei a lectura, nun momento dado prescindín das introducións que a cada tema fai José Manuel Martín Portales e detívenme todo canto puiden en cada poema, para saborear a súa extensión.
Mais non coñecermos a lingua en que estes poemas foron escritos orixinalmente prívanos dun dos praceres maiores dos propios haikus: a súa métrica, esa composición equilibrada e brevísima que de certo ten unha sonoridade que nin podemos imaxinar.
Sinalei moitos haikus deste vagabundo fracasado e gustei especialmente dos referidos á morte e á vellez, ou sexa os que fan referencia ao paso do tempo:

Envelleceu
até o son
das gotas da chuvia

Rodeado por arbustos de té
levando unha existencia
anónima

Xa dixen que me resultou particularmente interesante o folleto de Chantal Maillard que acompaña o libro, nel fala do haiku: “Tense dito do haiku que é como unha pedra lanzada no estanque do espírito que escoita” isto produciría unha suxerencia poética que semella “as ondas que se propagan concentricamente na superficie cando a pedra cae no estanque...”. Fala do poder evocador da palabra e de como o poema pode expresar algo universal, precisamente porque atende ao singular: “Se o poema transmite algo universal é porque o poder da palabra poética consiste en que o ... lector ... poida recoñecer, recuperar e saborear unha vivencia afastada no tempo e no espazo.” Así é, sen dúbida.
Comentarios (2) - Categoría: libros - Publicado o 05-01-2010 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
Desde o outro lado
Vai para un mes entrei en contacto coa Directiva do Patronato da Cultura Galega de Montevideo e puiden comprobar en carne propia o importante traballo que as e os que se declaran galegos voluntariamente realizan para manter viva a memoria e o coñecemento da súa nación de orixe. Estes días coñecémonos e intercambiamos temores, preocupacións e as firmes determinacións que nin os deseños máis ruíns para o noso futuro conseguirán que abandonemos. Falan con orgullo dunha biblioteca de 10000 volumes e de ser unha das entidades galegas centradas exclusivamente no traballo cultural. Traen canda elas un libro do Manuel María, Versos pra cantar en feiras e romaxes, que debeu publicarse en Montevideo e que tiña por obxecto contar a verdade do país. Está ilustrado por Seoane. Cóntanme entón que hai uns días fotografaban o portal da casa en que vivira Seoane. Uns mozos preguntáronlles o porqué de retratar aquel lugar vulgar e elas explicaron o motivo. Desoladas comprobaron non só que os mozos non sabían quen era Seoane, senón que tampouco lles importou grande cousa. Pobre impresión a que a elas e nós mesmos nos produce esta anécdota ilustrativa que tanto se repite, e a conversa flúe preguntándonos sobre como pode ser posíbel que se ignore tanto do que somos, que a miles de quilómetros aqueles que xa non naceron na nación da súa estirpe saiban moito máis de nós mesmos, entendan moito mellor tantas cousas. Hai un dito que o ilustra. O certo é que cómpre querer ver e oír, amarnos a nós mesmos. E armarnos cos versos dos poetas nestes días escuros, mentres agardamos o peso da gadaña, dispostas a parar o seu gume de odio.

28 de decembro de 2009
Artigo publicado en A Nosa Terra
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 03-01-2010 11:26
# Ligazón permanente a este artigo
Estudar en galego é o noso dereito!
foto www.cig-ensino.com
Este é o artigo que escribín o derradeiro día do ano para www.gznacion.com:

Estudar en galego é o noso dereito!

Aprendéronnos que o 30 de decembro foi a data en que chegaron os restos do Apóstolo Santiago a Compostela. Certo ou falso, este mito deu pé a que a capital galega se convertese en lugar de peregrinación e durante a Idade Media pasase a ser unha das cidades máis importantes de Europa, núcleo dunha cultura en auxe que fixo do noso idioma unha lingua coñecida e recoñecida.
Precisamente esa data foi a que escolleu o presidente da Xunta, Núñez Feijoo, para darlle unha volta máis ao garrote deseñado para reducir a presenza do noso idioma. Curiosa data, especialmente elixida para minimizar as protestas dos irredutíbeis callaeci que seguimos empeñados en reclamar o que é noso, porque é xusto e de dereito.
Calcularon a data, convocaron consello, e atopáronse con que os callaeci non quedaron estupefactos, senón que se atreveron a lle convocar unha concentración na porta do pazo. E cambiaron o lugar da reunión perversa, sentáronse na mesa e nas cadeiras compradas polo presidente anterior, as cadeiras e a mesa que tanto criticaron, mais que agora estrearon sen reparo, coma quen se pecha nun búnker insonorizado do bombardeo exterior.
E os infatigábeis callaeci, non contentos con se xuntar uns miles no Obradoiro, van e saen na procura do Presidente e os seus Conselleiros, porque queren ser testemuñas, e mentres van indo son cada vez máis, máis e máis, aínda que a chuvia cae persistente, uníndose ao coro de voces que non calan, para lembrarlle do outro lado da ventá que “na Galiza, en galego, é o noso dereito”, e as mesmas palabras de Pondal, abaladas nun coro extenso e profundo: mais só os iñorantes, os férridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden non!.
Agardaron á noite para presentar a súa nova gadaña contra a lingua. O que son as cousas. Este presidente era o vicepresidente da Xunta cando Celso Currás, conselleiro de educación do derradeiro goberno de Fraga, recoñecía que o dominio lingüístico do alumnado non era o que se establecía na Lei de Normalización Lingüística e por iso se ía levar ao Parlamento un Plan Xeral de Normalización que fixaba que un mínimo do 50% das materias deberían ser impartidas en galego. Un plan que baixo a vicepresidencia de Núñez Feijoo foi aprobado por unanimidade e que o goberno presentaba como o plan para acadar a igualdade dos idiomas en Galiza. Arrepíntese Núñez Feijoo do seu labor como vicepresidente en 2004?
Os callaeci len e relén este produto da irresponsabilidade do goberno que se atreve a presentar un borrador que non só conculca os nosos dereitos lingüísticos, senón que mesmo podería dar lugar a novos conflitos para os centros educativos: preguntas por aquí, enquisas por alá, que se este en galego, que se o outro en castelá, que neste cole así, que nesoutro asá: a desigualdade na educación, a conflitividade nas comunidades educativas, iso é o que propoñen.
Os callaeci en idade escolar tamén len e relén o infame anuncio e pregúntanse se agora van ter que cursar “Historia de Galiza” in English: It’s incredible!. Ou Física e Química! Como xa era doada a materia, agora en inglés que así enténdena mellor: these governors of PP are seriously ill!

Pola nosa lingua, nin un paso atrás. A CIG-Ensino xa anunciou a súa firme determinación de non participar en ningún tipo de manobra confusionista que avale este ataque ao noso idioma. A Plataforma Queremos Galego volveu anunciar onte que o día 21 temos unha nova cita pechando as aulas de todo o país, saíndo á rúa na defensa do noso idioma. Aí estaremos de novo, outra vez sumando cada vez máis apoios, como onte sumabamos andando Compostela: porque estudar en galego é o noso dereito! Folga o 21 de xaneiro!

31 de decembro de 2009.
Comentarios (7) - Categoría: artigos - Publicado o 02-01-2010 09:59
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal
Acuática