acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

(primeiros anos do XX)

Comentaba que estes poemas son a cerna de Cinza. Este poema en que fago memoria de meu bisavó Manuel da Costa (creo que se chamaba así)foi enviado para ser publicado nunha libro colectivo ou antoloxía que non sei se se chgou publicar pois nunca tiven noticia del. Meu bisavó naceu en Ponte do Lima, calculo que no último decenio do XIX, e alí viviu até que decidiu viaxar cara ao norte do Miño pedindo esmola. Deste lado casou con Marcelina Alonso, "A Pisca", de Beade (Vigo), coa que tería varios fillos, entre eles, en 1914, meu avó Aurelio Dacosta Alonso. A casa da bisavoa Marcelina segue en pé en Matamá (Vigo), camiño da Móo, ao final do "Camiño do Pisco" en lembranza deste meu avó.

No libro, antes deste poema está o titulado (1966), por razóns evidentes.
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 29-01-2010 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
patela e cicel
Este poema é o primeiro da parte final de Cinza e ilustra o que é a cerna do libro, un álbum de poemas para lembrar unha estirpe enteira, os traballos das mulleres e os homes que me trouxeron aquí, que me fixeron como son, en corpo e alma.

O álbum que é memoria da miña familia, unha familia como calquera outra, mariñeira, humilde, nosa.
Comentarios (3) - Categoría: Cinsa - Publicado o 28-01-2010 15:08
# Ligazón permanente a este artigo
Sol de Inverno
Unha das evidencias de que un libro nos gusta é que, malia ter máis de 500 páxinas, dámos cabo del en poucos días. E iso foi o que me pasou con Sol de Inverno.
Lembro ben o día da entrega do premio Xerais, porque xusto a noite anterior ceara con ela, e alegreime moito, porque penso que Rosa Aneiros é unha narradora a ter en conta, por iso eu nunca deixarei de recomendar Resistencia.
Este libro agradoume pola súa ambición, por ser quen de nos manter prendidas a el despois de páxinas e páxinas e por saber contarnos a historia de noso dunha forma tan íntima e persoal. Por procurar vacinarnos contra o esquecemento.
Porque Sol de Inverno é para min unha novela épica. Si!
Para min, Alfredo, a outra personaxe principal da novela, é en realidade a nosa historia, a historia de tantos homes e mulleres que loitaron pola liberdade na súa patria e que, vencidos, procuraron esa liberdade enrolándose en todas as empresas que por ela loitaron. Porque as galegas e os galegos estivemos loitando contra o fascismo, pola liberación de Francia, nas serras cubanas e no propio maio francés. Non sei se existe unha persoa que fisicamente estivese en todas esas batallas, mais iso non é esencial. O esencial e sermos quen de lembrar todas as vitorias e todos os fracasos, sabermos de onde procedemos e que debemos legar.
A autora omnisciente insiste: “Lémbrao, Inverno,...”

Sol de Inverno é unha novela ambiciosa, moi ambiciosa, mais iso non é novidade ningunha en Rosa Aneiros, pois é a mesma ambición que nos demostrou en Resistencia ou Veu visitarme o mar. Por este motivo ten aínda máis valor.
Na súa extensión podemos establecer dúas partes ben delimitadas, aquela primeira en que Inverno é a protagonista dos feitos, o que se reflite na maior intensidade do narrado, fronte a unha segunda parte que se inicia na chegada a Cuba, en que Inverno pasa a ser unha relatora do que sucede ao seu redor. E o Ipanema, co seu navegar atlántico separa estas dúas partes na novela.

Para min vou gardar esa insistencia en lembrar, en non esquecer, e as habelencias do suxerido e non narrado ou os fíos de intriga que nos vai deixando até chegar a cada un dos pequenos desenlaces.

Curiosamente, estes días lía un poemario en que tamén se fala da perda da memoria, Palabras para un baleiro de Baldo Ramos:

Palabras que afondan na demencia
e auguran
un tempo de indefensión.

E tamén eu escribín contra a desmemoria, mais iso xa é outro tema...

(foto: Mesa redonda na Habana, Antía Otero, Teresa Moure, Rosa Aneiros e quen escribe)
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 26-01-2010 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
o caixón
Comentarios (1) - Categoría: Cinsa - Publicado o 26-01-2010 15:09
# Ligazón permanente a este artigo
a ventá do oeste
Comentarios (2) - Categoría: Cinsa - Publicado o 23-01-2010 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
En primeira persoa
Foto de Xaquín
Ás nove da mañá saímos da casa, o autobús recollíanos ás 9:30. Con tan só cinco minutos de atraso saímos cara ao noso destino: Compostela. Percorremos Galiza desde o Miñor ao Ulla, coa forza do noso amor no corpo todo.
O noso autobús ía completo e aínda houbo xente que non se puido anotar nel, algunha moza, que finalmente non puido acudir.
Viaxabamos cara ao norte, coa intuición certa de que iamos encher a praza do Obradoiro. Estaba certa, si, porque nestas dúas semanas atopei o que non atopara en tantos anos de sindicalismo, profes que ao verme entrar no centro para lles levar a propaganda da manifestación reuníanse comigo improvisando unha reunión non convocada na que falabamos, eles e elas tamén, do que significan realmente as bases do Decreto, de que significa unha agresión á nosa lingua, de que é aberrante, antipedagóxico, irrealizábel, un instrumento para crear conflitos nos centros, sustentado nun debate fraudulento, a aprendizaxe do inglés.
Lembraba que en todas as reunións convocadas estes días, que foron todas as que puiden facer, houbo a maior afluencia de profes que non houbo nunca. E cando en nome da Plataforma me dirixín a un auditorio de mozos e mozas atopeime con que alí estaban enchendo o seu salón de actos e nunca, nunca tiven unha aula máis atenta e silenciosa. Eu estaba abraiada, emocionada mesmo.
Lembraba que non parabamos de recibir chamadas nos locais da CIG preguntando polos buses a Compostela, que nunca nos soou tanto o teléfono.
Por iso, cada día que pasaba confirmaba non só o rotundo rexeitamento ao plurilingüismo da Xunta, senón tamén que a folga ía ser un éxito e que Compostela ía quedar pequena, como quedou.

Mais hai unha cruz nesta moeda dos días previos á folga, esa foi a entrevista co Conselleiro de Educación e o Secretario Xeral de Política Lingüística. Unha entrevista tensa en que o Secretario Xeral interrompía ao Secretario Nacional da CIG-Ensino na súa exposición, incapaz de escoitar, inflexíbel, como o Conselleiro, nas súas propostas, tan militante como os altos cargos do PP. Resultounos todo algo esperpéntico de máis, semellaba que tentaban ocultarnos nun lugar a parte, evitando o contacto entre as entidades que asistiamos ás entrevistas ou afastándonos das cámaras da TVG. E na sala B de xuntas respirábase a tensión, a tensión de quen está a defensiva ante a evidencia de que están sós, completamente sós, a horas dunha manifestación histórica, de dimensións inimaxinábeis aínda.
Fixeron todo o posíbel por ocultarnos, convocáronnos ás 18:30 e recibíronnos ás 18:50, deixaron para o final á organización sindical maioritaria e convocante da folga, establecendo unha orde nas entrevistas que só se explica desde o punto de vista mediático: recibiron primeiro a aqueles que entenderon podían ter posicións máis favorábeis para a Consellaría. E aínda así a folga foi un éxito. Se cadra Castelao diría hoxe: que despois de miles de enquisas amañadas, distribuídas con toda riqueza de propaganda e prohibicións ao profesorado, despois de presentar as bases case o derradeiro día do ano e de noite, despois de cartas individuais e anuncios no portal web, a folga que convocamos foi un éxito. Sodes, pois, uns plurilingüistas fracasados.

E nós... hoxe nós somos máis dos que imaxinamos ser, non só porque enchemos o Obradoiro, senón porque comprobamos, día a día, que cada vez somos máis, que medra o número dos que amamos a nosa lingua, que as mozas e os mozos móvense polo seu idioma, que estiveron alí, porque quixeron estar, unindo as súas voces, declarando os seus sentimentos, as súas ideas, comprobando que cando usan o noso idioma, cando o defenden non son raros individuos, nin extremistas, nin ensimesmados, nin acomplexados, son mozos e mozas que están no mundo, que fan o mundo.

Por todos eles, por todos os adolescentes que hoxe nos acompañaron eu, hoxe... son feliz.

Marta Dacosta, 21 de xaneiro de 2010.

Artigo enviado a www.gznacion.com
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 21-01-2010 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
O Obradoiro quedou pequeno
Fixemos historia. Enchimos o Obradoiro e aínda non nos chegou. Non estaban todos nin todas, moitos e moitas máis quixeran estar. Moitos e moitas estaban con nós de corazón.

Cada vez somos máis.
Nada nos vai parar.

Pola nosa lingua seguiremos camiñando, parando, berrando, loitando e cada vez somos máis.
Os que non aman a lingua seguirán tentando ocultar a realidade. Enviando mensaxes denigrantes, usando e abusando dos medios de comunicación (o da TVG de hoxe non ten nome).

Este decreto ímolo tumbar
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-01-2010 18:38
# Ligazón permanente a este artigo
ESTAMOS EN FOLGA
"A lingua galega ten puntos débiles pero tamén ten puntos fortes. Un destes puntos fortes é que se percibe como a lingua propia de Galicia, como un elemento de identidade colectiva. Galicia entende que é precisamente a lingua (e a cultura ou visión do mundo ou maneira de ser que ten detrás) a que xustifica a autonomía; entende que estradas, hospitais e televisións tamén se poden planificar e xestionar dende Madrid; pero que aquí hai algo moi específico que fai máis racional unha xestión autónoma en conexión con Madrid e con Bruxelas e coa ONU. Esta conciencia de que a Xunta de Galicia se sustenta neste feito diferencial ten dúas consecuencias: primeira, que a Xunta de Galicia non ostenta en Galicia por delegación un poder foráneo, senón que é un Goberno galego; e, segunda, que os galegos esperan que o seu Goberno sexa o primeiro e inequívoco defensor da lingua galega. Por iso se asombra e mobiliza cando percibe xestos que, polo menos, parecen ir en dirección contraria."

Da Análise da Real Academia Galega.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-01-2010 17:57
# Ligazón permanente a este artigo
coma calquera outro
Un día horríbel, coma calquera outro:



Indicación terapéutica: para estados de stress, especialmente para quen anda todo o día no coche.

Advertencias e precaucións: agobia.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-01-2010 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
as árbores
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 13-01-2010 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Acuática