acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Andoriñas de Kabul
“... é certo que se ten escrito moito sobre este país. Porén, eu propúxenme unha historia inesperada, porque falo do amor, cando todo o mundo fala da loucura e da violencia”. Yasmina Khadra fala así do seu libro Andoriñas de Kabul, un libro en que trunfa o amor, malia a miseria e a ira que o atravesan coma un río. O libro sitúanos en Afganistán e retrata para nós, servíndose dun pincel de intenso lirismo, a decrepitude dun lugar desolado e sen esperanza “Até onde chega a vista, van xuntos o desamparo e un silencio mortal”. Os seus catro protagonistas senten ante nós como lles nace a ira desde o mesmo centro do seu ser que non comprende a fame de sacrificios que move as multitudes a asistir a unha lapidación, onde até quen despreza ese tipo de cerimonias chega participar delas, incomprensiblemente.
Foime unha lectura fascinante, a min que acredito na verdade literaria sobre todas as posibles, porque para alén da historia e das crónicas, a literatura ten as súas propias fórmulas, e moitas veces a súa fición é o xeito máis transparente de se achegar á realidade.
E quen é Yasmina Khadra? o pseudónimo de Mohamed Moulessehoul, un alxeriano que adoptou o nome da súa muller coa intención de desorientar sobre a súa verdadeira identidade e, indirectamente, homenaxear ás mulleres alxerianas. Nada máis, tampouco nada menos, algo que, cando foi desvelado, ergueu unha grande polémica, pois caeron por terra as expectativas xeradas ao redor dunha escritora alxeriana que xa non só non era muller, senón que mesmo era un oficial do exército que, en 1965, derrocou a Ben Bella.

(publicado en A Nosa Terra)
Comentarios (2) - Categoría: A muller que le - Publicado o 29-01-2009 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
A voz de Darwich
O poema Identidade na propia voz de Mahmud Darwich

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-01-2009 15:03
# Ligazón permanente a este artigo
a póla de oliveira
flor da oliveira, da wikipedia00:00 horas do 20 de xaneiro. Hoxe Obama lerá o seu discurso de toma de posesión, no mesmo lugar en que Luther King tivo un soño. Israel abandona Gaza.

E agora?

Lembremos a póla de oliveira. Non deixemos caer da súa man, tampouco da nosa, a póla de oliveira!

Paz... e XUSTIZA para Palestina.

Aquí o artigo enteiro.
Comentarios (4) - Categoría: artigos - Publicado o 20-01-2009 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
A póla de oliveira
Yasser Arafat, foto da wikipediaLeva na man a póla de oliveira,
arma de luz nacida en terras ocupadas,
en terras sementadas de corpos e de sangue,
Sabra e Shatila se presentan.
Do outro lado do muro
volve o pantasma vivo da crueldade,
o monstro do pasado que dispara
selectivamente á pola de oliveira.
Do outro lado do muro tentan
que caia da súa man
a póla de oliveira.
Mais, a pesar da crueldade,
da carraxe,
da rabia,
aínda hai mans que se erguen,
que insisten,
en termar
da póla de oliveira.
Aínda hai un cadáver que agarda
a terra que lle pertence para plantar
sobre a súa carne e o seu sangue
unha oliveira.


Este poema escribino tras a morte de Yasser Arafat e fai referencia a unha frase que pronunciou ante a ONU:
Veño cunha póla de oliveira e un fusil de ataque na man. Non deixen que caia da miña man a oliveira
Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 17-01-2009 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
Foise Manuel Riveiro Loureiro
Hoxe foise para sempre Manuel Riveiro


"A guerra española xa tiña acabado tempo atrás, e polo que ela me comentaba dos aconteceres da mesma, mencionando con seguridade feitos e lugares, cheguei a a sospeitar con non pouco fundamento que na nosa guerra civil tiña participado algún familiar seu, tal vez un fillo. Mais ela nunca mo dixo nin eu llo preguntei por elemental prudencia. Anque pola miña pouca idade non entendía certas cousas, eu percibía claramente que non era de bo gusto toca-lo tema dos combatentes soviéticos na guerra de España, os que alí chamaban "españois". En principio os ispantsi foron tratados como heroes, pero axiña caeu sobre eles un manto de silencio e desapareceron da vida pública, como caídos en desgracia. Incluso se deu o caso de que nas semblanzas biográficas do gran Malinovski, Mariscal da URSS e dúas veces Heroe da Unión Soviética, se deixaba sen menciona-la súa notable participación na guerra de España. Téñense dado diversos rumores arredor do motivo daquel amplo e fondo silenciamento: que se houbo desviacións das liñas marcadas polo Partido; que se houbo unha confraternización coa xente do POUM; que se tiñan contaminado cos ácratas españois...pero de certo nada se soubo."

(fragmento de Os cadros texto narrativo publicado polo autor na www.bvg.udc.es)
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-01-2009 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
héroe local


É unha das pezas musicais que máis prendeu na miña memoria. E lembro aínda imaxes do filme:

Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-01-2009 15:03
# Ligazón permanente a este artigo
Historia dun amor
Foto de BBC Mundo.comHai uns días recomendáronme que lese Carta a D. Historia dun amor, de André Gorz (2008, Paidós, Madrid). E comecei inmediatamente a súa lectura.

Xa no inicio o autor xustifica a escrita do libro: “abordar os problemas que desde hai pouco me atormentan. Por que estás tan pouco presente no que escribín se a nosa unión foi o máis importante da miña vida? Por que, en O traidor, presentei unha imaxe falsa de ti, que te desfigura?”

Ao longo do libro Gorz procura retratar o seu amor, e percibimos con nitidez cal era a súa natureza, un amor baseado na amizade, na unión física e intelectual que fai que dúas persoas se unan de tal maneira que non poidan prescindir unha da outra, que se axuden e complemente compartíndoo absolutamente todo.

Non sei se este libro acadou maior relevo polas circunstancias vitais que coroaron a súa publicación. Se cadra, nada saberíamos do autor se non fose polo dramatismo da súa morte, da morte dos dous, de Gérard (Gérard Horst era o seu nome real) e Denisse, tan unidos que nin entón se separaron. Realmente un acto que realzou a sublimidade do seu amor.

Para min, as pasaxes máis interesantes do libro, a parte do retrato desa unión, foron aqueles nos que relata o seu impulso creativo:

“A primeira meta do escritor é o que escribe. A súa necesidade principal é escribir. Escribir... ausentarse do mundo e de si mesmo para, eventualmente, convertelos en materia de elaboración literaria” (p.p. 42-43)

“... tiñas máis sentido político ca min... Habitueime a facerte ler os meus artigos e manuscritos antes de entregalos. Aceptaba as túas críticas de mala gana, “Por que sempre tes que levar a razón!” (p.p. 60-61)

“... o que importa é o dicir e non o dito-, o que escribira interesábame moito menos que o que podía escribir a continuación.” (p.p. 70-71)

“A miña motivación principal é manifestamente a necesidade obsesiva de elevarme por riba do que vivo, sinto e penso, para teorizalo, intelectualizalo e devir un puro espírito transparente.” (páx. 75)
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 11-01-2009 13:36
# Ligazón permanente a este artigo
follarca
foto de Marta Dacosta
(a neve acompañoume esta mañá desde o alto de Couso a Goián. Lembrei un pequeno poema, porque na súa cerna estaba esta palabra, follarca, como a que hoxe caía sobre nós)

Non chegan as palabras
a pesar dos golpes inmensos,
da follarca persistente no mencer,
de tanto e tanto que sangramos.

En atalaia alerta, 2000.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-01-2009 17:14
# Ligazón permanente a este artigo
A materia do poema
foto de Marta Dacosta
Atopeime co libro A matéria do poema de Nuno Júdice na Festa do Livro en Horta. Primeiro chamoume o título e logo o poema “Ofelia e as ninfas” convenceume de traelo canda a min

“... é Ofelia que me
recebe, acordada, renascida e pura camélia”

Pois atopaba no autor esta Ofelia resucitada que eu reivindicara nos meus versos.

Algún mes despois botei man do libro, mais o exceso de encabalgamentos e de extensión nalgúns poemas, acabou por facermo esquecer sobre a mesa de noite. Até días atrás en que veu á man de novo, e entón si, un poema foi tirando do outro e o libro acabou de ser lido e conseguiu que a miña memoria quixese recordar varios dos seus versos:

“... o verso tornou-se um intervalo
entre dois ruídos, com o seu silêncio pontuado
pelo bater da tecla no papel...”

“”... Transformo o som no mosto
que destila o puro azeite da memória,
... para amassar numa farinha
de palavras os contos brancos da origem.”

“É assim com o poema: faço-o com as
palavras velhas, as que estão cheias de
bolor, as que foram atiradas para um canto
do dicionário. Algumas, não sei o que
querem dizer; outras, disseram tantas vezes
o mesmo que já perdi o sentido do que
dizem. Mas quando as colo, no verso,
o que ouço tem sempre outro sentido.”
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 05-01-2009 13:27
# Ligazón permanente a este artigo
Publicar ou non
Lendo aquí e alá, dei, a través do Levantador de Minas, cuns interesantes artigos que reflexionaban sobre a necesidade de publicar e as lamentacións dos escritores e as escritoras, por veces máis ou menos narcisistas, máis ou menos pretendidamente malditos.

Entón, volvín reflexionar de novo sobre os paradoxos do (des)equilibrio literario, poñendo argumentos en cada lado dunha balanza que nunca consigo equilibrar. Porque, dalgunha maneira, todas queremos ver o noso texto nalgún tipo de soporte, mesmo quen di que non... Cheguei á conclusión de que precisamos ver o texto publicado, de que devecemos por ver a cara dos lectores, a ser posíbel de satisfacción. Hai en nós a impaciencia de vérmonos recoñecidos, de ser visíbeis... aínda que, ás veces, non deamos reparado nos límites do aceptábel. E é lexítimo, buscar recompensa a tanto esforzo.

A miña opinión sobre algunhas cousas foi mudando, se cadra porque cada vez me debo máis tempo, porque cada vez a paciencia é máis cara, e os días pasan sen que me encontre coas palabras, nin co ritmo necesario para seguir cultivando o que tanto amo. Por iso as reflexións sobre a profesionalidade foron mudando, porque cada vez teño máis necesidade de tempo e máis consciencia de que sen dedicación non é posíbel chegar até a antesala da nosa utopía privada. Mais aínda así considero os límites da profesionalidade, que é o debate seguinte: a conciliación da necesidade e das débedas, como construír o edificio da dignidade e manter a súa estrutura ao longo dos anos. Se é posíbel, e como debemos interpretalo.


Publicado en A Nosa Terra.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 03-01-2009 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática