acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Salón do libro
Foto de Marta DacostaHoxe pola tarde falei do mar na poesía galega no Salón do libro de Pontevedra. Partín dunha pregunta previa sobre se as e os presentes consideraban que a visión que as e os poetas dan do mar é unha visión bucólica. En xeral consideraban que si, mais acabamos por ver como na nosa poesía o mar é símbolo da morte e aparece reiteradamente asociado a ela. Unha morte produto da dureza da vida no mar, morte do mariñeiro e tamén morte do emigrante.

Falei de máis cousas, do pouco que se recolle a figura da muller que agarda, a viúva do vivo (fala Rosalía, por exemplo) ... ou de como da man das mulleres (da escrita feminina) chega á poesía actual o tema das "suicidas no mar" ou o mar suicida como lle chamou Ana Romaní, falando de Virginia Woolf e de Alfonsina Storni (eu engadín a suicida de Soia, o poema de Rosalía).

Falei de Paio Gómez Chariño e da súa radical modernidade, un autor que posibelmente na Idade Media non tivese moita proxección pois os seus textos non lle dan ao mar o tratamento canónico naquela altura, mais por iso tamén, son hoxe moito máis interesantes para nós, mesmo diríamos que actuais.

Tamén falei do artigo de Manuel María “A presencia do mar na poesía galega”, (Revista Internacional de los estudios vascos, ano 39, tomo XXXVI, nº 2, 1991, p.p. 313-338, Donosti)e coincidindo con el, tamén engado que aínda faltan moitos versos para construír unha épica do mar parella á épica do agro na nosa poesía.

Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-01-2008 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
Morreu unha lingua
Marie Smith JOnes, foto de El mundo.Falan os abecedarios da nova da súa morte, da do eyak, porque morreu Marie Smith Jones, a derradeira muller que falaba ese idioma.

Morreu outra lingua. Cantas forman parte xa dese cementerio inmaterial no que son esquecidas para sempre? Cando estudaba falábannos da desaparición do vegliota, tamén tras a morte do seu derradeiro falante: Tuone Udaina a quen Igor Lugrís dedicou un poema.

Marie Smith Jones tivo nove fillos, mais ningún deles aprendeu a súa lingua, porque vivían, viven, nun tempo en que só se consideraba correcto (tal vez aínda se considera?)falar inglés.

Marie Smith Jones quixo deixar constancia escrita do seu idioma para que puidese ser reivivido. Mais agora foise.

Awa'ahdah ("grazas")e adeus Marie Smith Jones.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-01-2008 14:41
# Ligazón permanente a este artigo
Poemas soltos
Flor do trevo, www.gl.wikipedia.esDías atrás chegoume a revista Serta, o número nove exactamente. Trátase dunha revista publicada pola UNED, unha revista de poesía e pensamento poético que dirixe Antonio Domínguez Rey. Reúne artigos sobre poesía e creación de diferentes autores e autoras en galego, portugués, español, catalán, basco, francés, italiano e rumano.

Na parte dedicada á poesía galega recóllense seis poemas da miña autoría que até este momento eran inéditos, ou sexa, que non pertencen a libro ningún. Un deses poemas é esta

AUTOPOÉTICA

Ménteme o trevo
porque me pinta verde,
intensa,
e eu estou tan seca,
tan rota,
tan ferida.

O lirio e o xacinto compiten por nacerlle
á codia endurecida,
unha azalea medra,
a amendoeira soña
que as raíces ataron o seu futuro á terra

mentres o vento varre
a ilusión dunha gota

porque non queda auga,
só luz e frío,
tanto frío
como pode caber
na dor máis prolongada.
Comentarios (3) - Categoría: textos editados - Publicado o 22-01-2008 08:28
# Ligazón permanente a este artigo
Vou falar sen parar... en galego
De www.bvg.udc.esO martes Pilar García Negro falounos de lingua, unha vez máis. A conferencia, "O idioma galego: evidencias e necesidades", inserida dentro do ciclo NÓS DE ONTE A HOXE, organizado pola comisión Comarcal de Cultura do BNG, foi unha evidencia da necesidade de seguir falando do noso idioma, unha e outra vez.

Pilar falou da necesidade de recuperarmos a naturalidade de falar galego, naturalidade nos momentos, nos lugares, coas persoas, e incidiu no carácter colectivo do idioma, que existe sempre que é empregado por un conxunto de persoas. Tamén dixo que ningún pobo decide libre e soberanamente que desapareza a súa lingua.

Como digo, era unha conferencia necesaria, moi necesaria.

A anécdota púxoa unha persoa que relatou como en Sudáfrica, nun barco en que traballaban galegos, mulatos e bantús, estes últimos, que facían o traballo menos cualificado, non falaban ningún idioma co que se puidesen relacionar co resto do persoal do barco, só falaban bantú. Mais do contacto cos mariñeiros galegos aprenderon o noso idioma que finalmente foilles de moita utilidade, pois lles permitía relacionarse cos comerciantes daquela parte de África, maioritariamente de fala portuguesa.

Un bo exemplo da utilidade do noso idioma. Si.

Para rematar, eu convencinme unha vez máis da necesidade de ser exemplo vivo da idoneidade da miña lingua. Vou falar sen parar... en galego.

(por certo, a próxima conferencia do ciclo vai ser o martes 22, a cargo de Manuel Vilar, antropólogo, que vai falar de "Antropoloxías en Galiza", ás 20 horas no Centro Cultural Caixanova de Vigo, é dicir, no García Barbón)
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-01-2008 22:47
# Ligazón permanente a este artigo
Vanakkam benvidas
de WikipediaEste é o título do libro de poetas tamiles e galegas que vén de publicar Implicadas no desenvolvemento, un libro que inclúe un CD coa gravación das voces das poetas galegas que, ademais, puxemos voz ás poetas tamiles. Xusto me chega o libro hoxe que se cumpren cen anos do nacemento de Simone de Beauvoir, ou sexa, é coma un agasallo da casualidade, porque este libro, como di na súa introdución, "resume en forma de poesía unha maneira de traballar para cambiar o mundo", e non unha maneira calquera, senón "dende un enfoque de xénero", ou sexa coa intención de "dar visibilidade ás mulleres que nos países do sur fan tremendo esforzos para cambiar a súa realidade ante as dificultades máis complexas."

Eu estou agradecidísima de que Implicadas quixera contar coa miña palabra neste proxecto, xunto con Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño, Yolanda López, María do Carme Kruckenberg, María Reimóndez , Chus Pato, e as poetas tamiles Salma, Kuti Revathi, Malathi Maithri, Sukirtharani ou Andal.

Este é o meu poema no libro:

Aquí estou ante o outono,
ao fondo un reloxo ordena este silencio.
Hai un sol de domingo
que adorna este escenario de incógnitas frecuentes

mais sei que o sol me mente.

Na distancia do día
as domésticas mans actúan sen descanso
mentres a mente está sentada no escritorio
ante un mapa imposíbel,
medindo a cada hora
o camiño até o punto que soñamos.

Neste barco da vida
hai horas de galerna e compases en branco,
ventos traizoeiros,
baixos intransitábeis
e o calendario voa sen chegar ao destino.
Este leme ignora por que non chega o tempo,
por que a man que o leva non acada ese porto
que soñou nas conversas que mentían a vida.

Tal vez navega ao pairo
porque nada se pode contra un vento que insiste
en cambiar este rumbo,

mentres
o mapa agarda
derrubado e distante.


Comentarios (4) - Categoría: textos editados - Publicado o 09-01-2008 21:44
# Ligazón permanente a este artigo
Palabras contadas
Lin estes días Palabras contadas, de Camilo Franco. Cando comecei lelo, despois de pousar durante uns meses na miña mesiña de noite, lembreime da presentación que Camilo fixo o 25 de xullo no Festigal, dicía el, moi en serio aínda que parecía broma, que o que quería era que mercáramos o libro. Pois eu non o merquei, a min mercáronmo (debe ser case o mesmo) e ademais lino.

Gustoume. Hai relatos (debería dicir microrelatos?) moi logrados: "O cristo de Kafka", "A dor"..., e algúns fermosamente poéticos, coma "Rúa Lepanto", "Fío de agulla" ou "14 de febreiro". Camilo Franco domina a distancia en que se move e préndenos aos seus textos. Porén non me gustaron tanto as personaxes femininas do libro, ou outros estereotipos, porque son preconceptos que moitas rexeitamos... É intencional? Non o sei, mais hanme dicir que leo desde a miña óptica feminista (sempre, non podo evitalo, é de nacemento, creo que lle pasa o mesmo a unha parte importante da poboación, tanto como á outra lle pasa o contrario).

Reitero, o libro gustoume. Moito. Para que vexades, comeza así:

"Historia universal

A especie está afeita á morte pero os individuos non."
Comentarios (4) - Categoría: libros - Publicado o 08-01-2008 22:04
# Ligazón permanente a este artigo
58 anos do pasamento de Castelao

Hoxe fanse 58 anos do pasamento de Castelao e non podo deixar de lembralo aquí, porque é para min unha persoa admirábel, un dos mellores galegos que ten nacido. Un home que viviu para o noso país e ao que lle debemos agradecer a situación de hoxe, porque moito do que hoxe temos non tería sido posíbel sen o seu empeño, a teima súa de que se tramitase o Estatuto, a súa defensa do goberno lexítimo...

Admiro a Castelao e o que representa, a calidade daqueles homes e mulleres. Moitas veces me pregunto que os levou a entregarse de tal xeito e admírome da súa forza, da súa clarividencia, do seu exemplo.

Castelao foi ademais un ARTISTA, en maiúsculas, un creador de beleza, da beleza máis sensíbel e comprometida.

Insisto. A miña admiración.



Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-01-2008 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática