acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Atopeino!!!
De www.bvg.udc.esPor fin. Eu que odio as arañas e hoxe vai e unha atrévese a pasar por diante de min e, zas!, alí estaban os Poemas da labarada estremecida. Se xa o dixen eu, estes andeis máis ca unha biblioteca son unha selva. Así que estou feliz por este pequeno detalle de achar o libro extraviado. Tan feliz que vos deixo este poema:

O UNICO AMOR espiritual
é o da carne.
Por eso sempre nós
nos amamos co corpo,
co desexo ardendo:
tal a brasa potente,
inestinguible da cerna
dun carballo centeario.
O desexo, incendiándose,
agallopa por nós
furiosamente
como un poldro na grea.
Un corpo soitario
non ten senso:
é un pulo valeiro
pra ninguén,
un berro desesperado
sin resposta.
A nosa entrega total
foi un transpasarnos
de luz nova e crarísima,
un conFUNDIRNOS
pra facernos transparentes
e craros como o aire
deica ser tan soio
unidade co mundo,
pinga de orballo
na que espella,
fala e sorrí o universo.

Manuel María
Comentarios (1) - Categoría: libros - Publicado o 14-06-2007 21:29
# Ligazón permanente a este artigo
Día de Portugal
Ao sur do Miño converteron unha data como a da morte de Camões nun día de celebración patriótica. Acontecerá así con todos os poetas?

En calquera caso aproveito para recuperar este poema, que resoa en min coa voz de Uxía.

Verdes são os campos

Verdes são os campos,
De cor de limão:
Assim são os olhos
Do meu coração.

Campo, que te estendes
Com verdura bela;
Ovelhas, que nela
Vosso pasto tendes,
De ervas vos mantendes
Que traz o Verão,
E eu das lembranças
Do meu coração.

Gados que pasceis
Com contentamento,
Vosso mantimento
Não no entendereis;
Isso que comeis
Não são ervas, não:
São graças dos olhos
Do meu coração.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2007 20:05
# Ligazón permanente a este artigo
PARABÉNS PARA XINA
Acabo de lelo, Rexina Rodríguez Vega vén de gañar o xerais coa novela Contra o cardume. Canto me alegro, pois xa me falta o tempo de llo dicir en persoa.

Unha aperta moi grande Xina.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2007 00:15
# Ligazón permanente a este artigo
Sábado é un oasis
Foto de Marta Dacosta
O sábado é un oasis. Consigo quedar quieta, mesmo empregar a tarde en contar nubes. Hoxe corría o vento do sur e o ceo foi cambiando os seus trazos brancos sen descanso, só interrumpido polas ás escuras das gaivotas que ascendían buscando as correntes térmicas para deixarse levar, mentres o sol duraba contra o oeste.

Esta semana chegou á miña mesa un libro de Benedetti (Canciones del que no canta). Un libro para acougar, para rir, para sentirse tocada polo amor da súa dedicatoria a Luz, a compañeira. Hai moitos versos cos que quedarse, para hoxe, para o oasis, traio estes do poema "Mis autores":

son os autores que metín na miña vida
estes e moitos máis
uvas doutro viñedo / son o meu viño
e cando me desarmo e os atopo
brindo con eles en copa de letras.


Ou estes de "Lector":

non lle escribo a un lector
inmóbil coma un muro
senón a alguén
que me aproba ou refuga
un que fala a miña lingua
que coñece as feridas
e tamén un pouquiño da morte
un lector co que nunca falei
e aínda así recoñecémonos...
Comentarios (1) - Categoría: libros - Publicado o 10-06-2007 00:06
# Ligazón permanente a este artigo
Escritores latinoamericanos
De www.epdlp.comEstes días estou tentando ler Los ovnis de oro de Ernesto Cardenal e hoxe leo na prensa esta noticia. Tería sido interesante presencialo.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-06-2007 21:50
# Ligazón permanente a este artigo
Escrita feminina
De www.bvg.udc.esOnte alguén preguntou se se pode falar de Escrita feminina. Respostei que si, xa que por tal entendemos a renovación da forma e dos contidos na obra literaria da man das escritoras. A miña opinión é que isto vén sendo así desde hai tempo, e que efectivamente podemos falar de escrita feminina practicada dunha forma consciente, propositada se se quere.

Mais creo que esta segue a ser unha afirmación polémica, non si?
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2007 19:00
# Ligazón permanente a este artigo
Muller, lingua e imaxinación
Arquivo de Marta DacostaEste era o título co que nos convocaron hoxe en Mos. Xulia Vaquero, María Magdalena e quen escribe falamos da nosa adquisición da lingua. Tamén falamos da escrita feminina.

De camiño acompañeime de Caetano Veloso, mentres lembraba a luz de Guanabara:

Existe alguém em nós,
em muitos de entre nós esse alguém,
que brilha máis do que um milhao de sois
e que a escuridao cohece tambem.

(como se colocan os acentos nasais? maldita ignorancia informática, tampouco son quen de colocar a foto)

Existe alguém aqui...
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-05-2007 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
Veleiqui no que teimo
Veleiquí no que teimo, no que cismo,
en darme como son; varil, enteiro,
algo salvaxe, rexo e verdadeiro
deica lindes de morte e parosismo.

Eu non quero ver, non, o propio abismo,
o meu ser tebregoso e silandeiro,
nin camiñar somentes un vieiro
que comeza e remata sempre o mismo.

Instálome no amor, ábrome á vida
como se acende prá luz o caravel
en viva labarada estremecida.

Tomade esta fogueira, esta ferida;
unha arraigada paixón sempre fiel.
¡E esta fonda esperencia compartida!

Deixo na xanela este soneto de Poemas da labarada estremecida, un dos libros de Manuel María de referencia para min. Estes días ando á súa procura, extravieino na selva dos libros que hai na nosa casa.
Comentarios (2) - Categoría: libros - Publicado o 29-05-2007 08:50
# Ligazón permanente a este artigo
Calor en Ourense

Este fermoso debuxo que vedes aquí é nin máis nin menos que a ilustración do poema Sisargas que fixeron os alumnos e alumans de 4º de primaria do CPI José García, en Ourense. Non só o debuxaron, aprendérono de memoria e recitárono todos xuntos no acto programado para onte día 24. O debuxo, que gardarei con moito coidado, foi tamén a especial cortina que debín tirar para descubrir a placa que di que a súa aula se chama "Marta Dacosta".

Foi un día moi especial, creo que para todos, para os nenos e nenas tamén. Inauguráronse as aulas de O Carrabouxo (a de plástica, claro)e a de Fran Alonso, e tamén a aula Adán - Uxío, que vén sendo a aula de Eduación Física, onde estes dous profes desenvolveron e desenvolven entregadamente o seu traballo. Fermosa iniciativa.

O día tamén acompañou e lucíu un sol caloroso que agachou a treboada até ben entrada a tarde.

Só me queda enviar un bico moi grande para Héctor, Andrea, Andrea P., Víctor, Raquel, Andrea F., Nuno, Nerea, Eva, Ivette, Anxo, Gladys, Millán, Idubaren, Cristian, Tania e Mabel.
Comentarios (11) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-05-2007 15:47
# Ligazón permanente a este artigo
Vou a Ourense
Hoxe chamoume Mabel para explicarme como chegar ao CPI José García en Ourense. Xa teño anotadas todas as indicacións, agora a ver se son guiadiña.
Pois iso, que vou a Ourense este xoves 24 porque o Equipo de Normalización dese centro puxo en práctica unha iniciativa que consiste en darlle ás aulas nomes de escritores ou persoas relacionadas coa nosa cultura. E vai e resulta que hai unha aula que se vai chamar coma min, incríbel!
Así que vou a Ourense, eu e máis Fran Alonso e O Carrabouxo e máis adiante van ir outras autoras, que o centro tenche moitas aulas e cada unha ten o seu nome.

Estou expectante, porque agora tócanos a nós deixar nos rapaces e rapazas unha fermosa lembranza, esa semente pequerrechiña que vai medrando moi lenta e que un día fará nacer o carballo da lingua na súa boca, ou facelo aínda máis vizoso.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-05-2007 22:26
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática