acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

O meu monte branco
Foto de Marta Dacosta
Sete horas de calquera tarde de verán,
os homes, formigas en continuo construír,
ruídos, o mundo total que nos rodea.


Desta xanela vexo con triste indiferencia
os pálidos tellados das casas que me enfrontan,
poemas de Cavafy medran baixo os meus ollos,
as "Juras" agachadas cando chegaba a noite.
Quixera tamén eu escribir os poemas
en que un mundo enteiro reflectido se achase.
Precisarei do Bardo en todas estas tardes
para soñar tamén desde o meu Monte Branco,
ao que o Anllóns non chega mais si chega o mar,
o mar bravo e violento das praias de Xaviña.



Foto: enseada do Trece, entre Cabo Veo e o Petón do Boi, na parroquia de Xaviña, en Camariñas, na imaxe pódese ver a duna rampante que converte o monte nunha superficie branca. Para min é un dos lugares máis fermosos do mundo, e con máis misterio... Un lugar que cada vez é menos solitario.

Texto: pertence a Crear o mar en Compostela, publicado en 1993 e hoxe imposíbel de atopar. O poema cita outro de Kavafis, e sitúase nese lugar de Xaviña, para sinalar os meus mapas literarios, contrastando "este monte branco" co Monte Branco de Ponteceso que cantara Pondal.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-08-2007 09:27
# Ligazón permanente a este artigo
HOMENAXE A CASAL E OUTROS ANXOS:
Hoxe fanse 71 anos do asasinato de Anxel Casal. Sirva este poema de homenaxe, na súa primeira versión, máis extensa cá publicada no libro Homenaxe a Anxel Casal. (Escrita Contemporánea. Asociación de Escritores en Lingua Galega, 2005 )

HOMENAXE A CASAL E OUTROS ANXOS:

Meu avó murriaba a pedra,
chiscaba os ollos co quinto e o acalmote na man,
calculaba formas e ángulos
seguindo o plano imaxinado.
Sobre a arria gris e ocre,
domeaba a tristura e a carraxe
que lle nacían da certeza
de saberse vencido,
de saber que naquelas batallas
esmorecía para sempre
un tempo de esperanza.
A coroa non chegou nunca ao pé dos últimos heroes,
ao pé dos que aínda permanecen no pozo común,
dos que nos fan bochas no corazón
porque non sabemos todos os seus nomes,
cada vez que dicimos cada un dos seus nomes.
Meu avó sobreviviu á guerra.

Hoxe son eu a que murria as palabras
buscando a pedra exacta
para este milladoiro necesario.
O milladoiro que erga aquí e para sempre
a memoria de Anxel Casal,
recuperado dese agosto triste,
cando un silencio de sangue
sementaba o medo a cada hora.

Lamento
que a miña man e o meu plano
non estean á altura da pétrea coroa de loureiro
que nos lembra unha historia cruel
de covardes e vencidos.
E precisamos
traer toda esa dor até o presente,
lembrar aos que foron detidos,
paseados, tirados nas cunetas,
enterrados en vida,
negados por lustros de castración.
Precisamos
traer a súa dor até o presente,
traer a súa angueira aos nosos días,
facer nosa a súa loita
porque os seus desexos aínda han de cumprirse,
porque todo ficou pendente
e nós,
nós queremos honrar a súa memoria,
herdar a tarefa que encetaron,
seguir o seu camiño.
Só así descansarán en paz
e a terra será o berce que os acolla.

Facer nosa a súa loita,
facer miña a súa loita,
eis a homenaxe
que lle rindo.


Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 04-08-2007 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
Agosto
Foto de Tokio
O ano pasado, por estas datas, o país comezou arder. Estaba noutro lugar, noutra nación, e alí chegaron as novas do desastre. Regresei desolada, pegada á radio, ansiosa, definitivamente triste cando percorrín o país de norte a sur, de Lugo a Ourense, fuxindo da AP9. Revivía a dor de agosto de 2005, cando o lugar en que vivo ardeu de punta a punta, cando a fustración se apoderou de nós e sentimos que perdíamos todo, mesmo a forza para chorar. O noso monte foi devastado polas lapas, ardeu tres días e tres noites, desde o 23 ao 26 de agosto de 2005, e vimos que eramos seres pequenos e incapaces de parar a destrución... unha destrución provocada a mantenta e con aleivosía.

Unha noite de inverno, nesa estrada que baixa polo San Antoniño cara ao Val Miñor, xurdiu este poema:


Habito na fraga queimada
e unha man de cinza
preme o meu peito,
apreixa o corazón,
araña a alma.

Habito na fraga devastada
e cando a noite deita o seu manto
as luces que deseñan o mar
lémbranme a vida,
unha explosión de estrelas artificiais
para tanta soidade.

Habito na fraga negra,
na fraga derrotada,
onde o silencio do chan calcinado é un berro,
unha punzada,
un cravo furando os ósos doloridos,
deixándonos inmóbiles
ante o pánico.


Porén serei revolucionariamente optimista e crerei no futuro, na teimosía dos abrochos por nacer, na teimosía da terra por volver ser o que foi, malia as cicatrices. Radicalmente optimista para ter esperanza e agardar, saber agardar, e ao tempo empregar as miñas mans e o meu cansazo en construír, reparar, limpar a terra da maleza que rexeita, eliminar o que nunca debeu estar alí, dar de beber ás plantas que queren ser árbores... Porque creo no futuro.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-08-2007 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
Un pouco de optimismo
Iso é o que me produce ler os artigos desta mociña. Eu xa sabía que Ánxela é moi espilida, mais este artigo que publicou na revista do seu centro escolar (CPI Suárez Marquier do Rosal) non fai senón confirmalo. Precisamos rapazas e rapeces coma ela.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2007 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
Outra labazada
Esta é outra labazada e algúns non queremos pór a outra meixela.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2007 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
Leão velho
Foto de WikipediaRematei de ler onte O belo adormecido, un conxunto de seis relatos de Lídia Jorge. Deixoume un moi bo sabor de boca.

O libro foi publicado por Dom Quixote en 2004 e recolle relatos éditos e inéditos, de feito xa lera un deles, o que agora titula "Miss beijo", que en 1999 titulara "A flor do beijo" (relato cruel como a vida mesma) e que se publicou nunha antoloxía de narradoras portuguesas, catalás e españolas: Doze histórias de mulheres.

Gostei especialmente dos dous últimos relatos, "Leão velho" e "Para além das estradas". O primeiro deles fai un retrato de tres homes prototipicamente representantes dunha sociedade patriarcal e imperialista que consideran que teñen na súa man a dignidade doutros, neste caso dun animal que representa, para eles e no relato, o conxunto do reino animal. Mais o relato apréndenos moito da relación entre home e animal (nótese que non digo ser humano ou persoa), é unha lección moral sobre a dignidade e unha crítica á especie que se considera dominadora.

Lídia Jorge dános unha serie de relatos que representan escrupulosamente o xénero e non só. O relato final ("Para além das estradas") sitúanos nunha das liñas temáticas tradicionais no xénero, un tema que entronca directamente coa tradición oral, os contos de lobos, agora para falar de novo da dignidade e da bondade do ser humano.

Non deixedes de ler este libro se tedes oportunidade.

Déixovos este anaco do inicio do último relato:
"O silêncio de vez em quando pousava, aterrador, como se a natureza passasse bem sem nós, como se nos obervasse exactamente para passar sem nós, esperasse que a nossa agitação terminasse, uma espécie de lombo infinitamente paciente e expectante, aguardando pelo nosso sono."
Comentarios (1) - Categoría: libros - Publicado o 01-08-2007 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
Poesía no Festigal
Foto de Tokio

Ás 19:40, con retraso sobre a hora prevista, deu comezo o recital de poesía no Festigal. Foi un recital magnífico, especialmente polo que atinxe aos meus compañeiros de mesa que como vedes son, de esquerda a dereita: Medos Romero, Paco Souto, Lucía Novas, Xabier Paz e eu mesma.

Desde aquí o meu agradecemento por poder compartir con eles esa hora.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2007 14:06
# Ligazón permanente a este artigo
Festa da miña patria
Foto de Marta Dacosta
Este ano Compostela, a Quintana, a carballeira e o Festigal estiveron máis cheos que nunca.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2007 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
FESTIGAL


Mañá comeza o Festigal!

E o mércores en Compostela. FORZA!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-07-2007 00:04
# Ligazón permanente a este artigo
As bandeiras dos seus pais
copiada de http://www.filmaffinity.com/es/film779616.htmlPara resarcirnos dunha de terror que vimos no cine, sen avisar e a traición (La Voz calificaba a película de fantástica e falaba de que trataba da expansión dun virus en Gran Bretaña, non dicía nada de que era unha nova volta sobre os zombis) vimos Flags of our fathers, que comeza cunha moi boa frase sobre os que non saben o que é a guerra porque nunca estiveron nela (referiríase a Bush?). A pelícual é moi interesante pois fala da utilizacion de tres soldados para xustificar a política bélica do EEUU e para recadar fondos para a participación na guerra. En definitiva, un tema totalmente actual aínda que fale de medidados do XX. Agora teño que ver Cartas desde Iwo Jima...
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-07-2007 00:00
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática