acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Setembro
As tres idades da muller, Gustav Klimt
Setembro leva aínda a dor que foi o parto,
os días de salitre baixo a chuvia do outono.
Unha muller e outra e tantas que non sei
cunha dor tan profunda nas rodeiras dos labios.


Setembro, 1998.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-09-2007 18:08
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Bernardino Graña

Xa está publicado na web da Asociación de Escritores, AELG, o programa de actos da homenaxe a Bernardino Graña, por certo coincidindo co seu 75 aniversario.

Parabéns Bernardino!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-09-2007 13:52
# Ligazón permanente a este artigo
En galego
Arquivo de Marta Dacosta
Estou enriba do escenario do Salón de Actos do IES Santo Tomé do Freixeiro (Vigo), o centro en que estudaba. Representaba a personaxe da Morte de Os vellos non deben de namorarse. Era o 16 de maio de 1984. Daquela non imaxinaba que tantos anos despois subiría ao mesmo escenario, mais desta volta para dar unha conferencia e falar de algo para min esencial, o idioma, conretamente da súa regulación no novo Decreto 124/2007. Así dimos inicio ás XXXI Xornadas do Ensino organizadas pola CIG-Ensino e a AS-PG.

Hoxe mesmo facíanse públicas unhas declaracións do Consello Escolar de Galiza en que se advertía da progresiva desgaleguización da poboación escolar.

Debemos, pois, pór todas as nosas forzas na pervivencia do idioma, en procurar que os nosos fillos manteñan vivas as palabras que lles damos, que se sintan orgullosos desta lingua. Debemos facelo, e neste momento xa temos iniciativas como o Manifesto "Ensino en galego" para facelo.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-09-2007 22:31
# Ligazón permanente a este artigo
Floreceu a glicinia
da páxina http://fichas.infojardin.com/trepadoras/wisteria-sinensis-glicinia-glicina.htm
Hoxe descubrín que floreceu a glicinia. Xa sei que é un detalle menor, mais para min moi, moi importante. Souben, ao ver as primeiras flores, que esta glicinia é unha desas non habituais. Normalmente teñen as flores malvas ou azuladas, mais esta ten as flores brancas, é unha glicinia alba, coma a quen a prantou gústalle ir contracorrente.

Para min é moi importante porque é unha desas pequenas cousas que me fai feliz. Estou convencida de que a felicidade se mide en cousas pequenas, tan pequenas como esta primeira floración da wisteria da miña casa (wisteria sinensis é o nome científico).

Para máis casualidade con esta visión da felicidade, resulta que esta pranta tamén recibe en castelán o nome de "flor da pluma", unha pluma como a da canción:

"A felicidade é como uma pluma
Que o vento vai levando pelo ar ..."
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-09-2007 12:55
# Ligazón permanente a este artigo
Manuel María na lembranza
Foto de www.bvg.udc.esXa pasaron tres anos do seu pasamento.

Lembremos de novo as súas palabras sabias, mergullémonos no seu verbo e saiamos repletos do seu mesmo amor á terra.

Hoxe, con Manuel María, debemos lembrar tamén a necesidade de defender o noso idioma cada día, cada hora, como sexa...

CANCIÓN PRA CANTAR TODOS OS DÍAS

Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.

Hai que ser duros, peleóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.

Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.

Seríamos, sen fala, unhos ninguén,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.

O idioma somos nós, povo comun,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.

Manuel María, Canciós do lusco ó fusco.
Comentarios (5) - Categoría: Ao redor de Manuel María - Publicado o 08-09-2007 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
Con Bernardino
Foto de www.bvg.udc.esProximamente celebrarase unha homenaxe a Bernardino Graña, e quero a través destas palabras sumarme a ela.

Bernardino é unha importante referencia para min, por ese motivo dicidín que fose el o prologuista do meu primeiro libro, o mesmo motivo polo que esa obra comeza coa seguinte cita:

"Silencio. Un invisible
orballo engorde intenta
facer que fructifique
o corazón, a pedra."
Himno verde

Bernardino é o poeta do mar, o autor dunha poesía que nace da mesma natureza, por iso esta admiración. Aí queda este poema dun dos meus libros predilectos: Sen sombra e sen amor.

TI ES UN BARCO DE ENSOÑO
que vai deixando un ronsel
de ensoño nun mar de ensoños.
Eu arroaz no ronsel.

Eu arroaz á procura do peixe do teu lecer,
salseiro vivo, ardentía, brincos de auga a ferver.

Brincos de auga nos teus ollos escintilando en roibén.
Vas de barco cheo de música.
Eu arroaz no ronsel.

Eu de arroaz á procura do brillo interior que tes
na auga profunda, na ría
de ensoño nos ollos teus.

Comentarios (6) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-09-2007 17:11
# Ligazón permanente a este artigo
Días de mar
Foto de Marta Dacosta
Hoxe convídovos a ver estas imaxes da CEMMA. Foi unha fermosa forma de rematar o mes de agosto e o verán. A ilusión de devolver a liberdade, de vela pasar diante de ti, de vivila.

Despois de todo o que vedes aínda houbo algo máis... unha magnífica balea alibranca... gravada na retina.

Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-09-2007 23:01
# Ligazón permanente a este artigo
Na terra de Antero de Quental

E ao final estiven ao pé do monumento co que a cidade de Ponta Delgada (Ilha de São Miguel, Açores) homenaxea o seu grande poeta.

A pegada de Antero déixase ver en varios lugares da cidade.

Gostei especialmente do magnífico poema Solemnia verba (na fotografía é o da vosa esquerda)que coroa a cidade desde este monumento.

Disse ao meu coração: Olha por quantos
Caminhos vãos andámos! Considera
Agora, desta altura, fria e austera,
Os ermos que regaram nossos prantos...

Pó e cinzas, onde houve flor e encantos!
E a noite, onde foi luz a Primavera!
Olha a teus pés o mundo e desespera,
Semeador de sombras e quebrantos!

Porém o coração, feito valente
Na escola da tortura repetida,
E no uso do pensar tornado crente,

Respondeu: Desta altura vejo o Amor!
Viver não foi em vão, se isto é vida,
Nem foi demais o desengano e a dor.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-08-2007 23:50
# Ligazón permanente a este artigo
Antero de Quental
Onte botei man do libro Primaveras românticas do açoriano Antero de Quental, o autor que Pessoa consideraba o ponto de partida "da transformação literária, representada por um rompimento com as tradições literárias portuguesas"

Os poemas que conforman o libro foron escritos durante os anos de estudante en Coimbra (1856-1866), anos en que Antero de Quental foi elemento principal dunha xeración da que sairían intelectuais e políticos de renome "Chegando a chamarse a sua casa o "Cenáculo" (Nuno Júdice, do prefácio).

Antero de Quental xustifica por que decide publicar este libro de poemas de mocidade: "porque não me envergonho de ter sido moço. Ter sido moço é ter sido ignorante, mas inocente." Mais é tamén un xeito de lembrar aqueles anos en Coimbra:

"O facto mais importante da minha vida durante aqueles anos, e provavelmente o mais decisivo dela, foi a espécie de revolução intelectual e moral que em mim se deu, ao sair, pobre criança arrancada ao viver quase patriarcal de uma província remota e imersa no seu plácido sono histórico, para o meio da irrespeitosa agitação intelectual de um centro, onde mais ou menos vinham repercutir-se as encontradas correntes do espírito moderno." (das cartas de Antero de Quental)

Éste libro tráeme tamén a min lembranzas coimbrãs, pois compreino un 11 de xullo de 1988 (hai case vinte anos!) en Coimbra, exactamente na livraria Ulmeiro, naquel mes en que fixen un curso de férias. É curioso que este libro tamén sexa para min a memoria da mocidade e dun, breve, paso por Coimbra.

Fragmento do poema "A uma poetisa"

Poesia!...

Dessa, que quando dói, tanto consola,
E ás sombras do viver dá seu crepúsculo...
E da face distende cada músculo...
E é, em ermo pinhal, canto de rola...
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-08-2007 18:07
# Ligazón permanente a este artigo
O Trece
A visita á enseada do Trece tamén deu lugar a este artigo.

Esta semana, ademais, iniciei a colaboración con InfoRosal.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 10-08-2007 18:07
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática