acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Presentación de 6 poemas 6 na Libraría Cartabón de Vigo
Presentación de < poemas i, homnaxe aos seis poemas galegos de García Lorca e ao seu editor Anxel Casal, na Libraría Cartabón de Vigo, o 26 de decembro de 2015:

Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 19-01-2016 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
Os elefantes de Riveiro Coello


A morte soluciónao todo para quen falece pero para os que fican xorden grandes interrogantes


Talvez esta afirmación da protagonista da última novela de Antón Riveiro Coello sexa, para min, a frase que mellor resume a obra. Porque Os elefantes de Sokúrov son unha viaxe ás fontes da memoria, unha especie de reconstrución dun crebacabezas en que, a medida que o lenzo final vai collendo forma, as pezas vanse singularizando e redefinindo, como se as vísemos por primeira vez.

Riveiro Coello prende a nosa atención desde o propio título, un título que non se fai completamente comprensíbel até a derradeira páxina, nun final insospeitado, poético e esperanzador.

Como insospeitada, poética e esperanzadora é esta novela, unha narración escrita desde o presente, con todas as dificultades que iso impón. Adoitamos dicir que precisamos perspectiva para analizar os feitos, que precisamos tomar distancia temporal, ás veces mesmo espacial. Non é a primeira vez que unha autora, ou autor, resultan xulgados severamente ao levar ás páxinas da novela feitos recentes, desde o meu punto de vista, sen valorar as dificultades que supón tratar sobre algo tan inmediato, aínda no asentado na memoria colectiva. Riveiro atrévese co actual contexto de crise e resólveo con solvencia e mesmo con esperanza, un sentimento que queda en nós pechar as páxinas do libro.

Con todo, non se limita a retratar a vida das vítimas do actual contexto socioeconómico: sen teito, desafiuzadas, titulados sen traballo ou vellas que precisan acompañarse entre si; senón que conecta esta xeración coa dos seus predecesores, vítimas tamén no seu momento: a xeración perdida dos 80, mozas e mozos vencidos pola droga que non sempre puideron refacer as súas vidas. E así concluímos que cada xeración ten os seus propios retos ou que os tempos de hoxe gardan triste semellanza con aqueles 80, cando menos no que á crise económica se refire ou ás retorcidas ferramentas do sistema para controlar a súa contestación.

Cómpre salientar a coidada prosa do autor, esa habelencia que nos prende á lectura máis alá da trama e do seu desenvolvemento. Ou as referencias á esa realidade que nos asfixia: “Xa non queda unha verdade nas noticias. O panorama é desolador. Todos somos culpables.” Ou a capacidade para encaixar un berro necesario, que precisamos ler mesturado na ficción, porque a literatura é ante todo mensaxe: “En moitos países xa prohibiron o circo con animais e non entendo como aquí aínda se permite. É algo triste, moi triste.”

Tamén o recurso á arte, especialmente á plástica, a través fundamentalmente do cine, mais dun cine que conecta directamente coa pintura. Talvez para crear esa metáfora visual que o autor considera necesaria na novela, ou como pegada desas teimas das que afirma Antón Riveiro que @s escritor@s somos escrav@s.

Esta é unha novela sobre a memoria. Sobre a memoria que gardamos do que sucedeu, sobre como construímos e conservamos a imaxe dos que xa non están. Unha novela sobre como nos afecta esa memoria, como nos doe o seu descoñecemento, a súa deformación ou como condiciona o noso futuro. Como nos moldea como persoas, construíndo o noso mapa de segredos, os que, como afirma Linda: “son … os que nos definen”.

En definitiva, unha novela que desde o logrado deseño dunhas personaxes moi reais, retrata o presente e o pasado inmediato, poñendo ante nós un espello que nos devolve a imaxe do que somos.

Na entrevista que Carme Vidal lle realizou para A Nosa terra ao obter o premio Álvaro Cunqueiro pola novela Homonim@ (2001), Riveiro Coello afirmaba: "(na novela) É preciso coidar a prosa, teño na metáfora a mellor maneira de criar sensación novas. Coma leitor agradezo a metáfora visual. Compre ademáis ter estructura e escritura. Para facer unha novela fai falta boa imaxinación e boa prosa. Hai estupendas histórias desaproveitadas e boas prosas que non teñen história. O segredo dunha boa novela está en contar con eses dous elementos".

E si, Os elefantes de Sokúrov teñen boa imaxinación e boa prosa.


Artigo publicado en Sermos Galiza o 10 de xaneiro de 2016.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 10-01-2016 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
o soño permanece

Comentarios (1) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 01-01-2016 13:23
# Ligazón permanente a este artigo
2016

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-12-2015 18:13
# Ligazón permanente a este artigo
2016

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-12-2015 18:08
# Ligazón permanente a este artigo
Arte poética

Este poema, que quere ser expresión dunha contradición, é a miña colaboración na revista Dorna, Nº 38, de recente aparición.

Ramón Nicolás realiza unha recensión da revista no seu Caderno da Crítica.

Comentarios (2) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 30-12-2015 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
6 poemas 6
No mes de xuño, recibín o convite de Suso Díaz e Helena Villar a participar no seu proxecto: 6 poemas 6, un libro de homenaxe aos Seis poemas galegos de García Lorca.

Inmediatamente aceptei o convite e comecei pensar en como levalo adiante. Corresponeume coordinar un grupo de poetas que quedou integrado por X.M. Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Paco Souto, Eva Veiga, Rafa Vilar e eu mesma, grupo ao que finalmente se uniu o pintor Alfonso Costa responsábel da ilustración do noso poema colectivo. Foron case cinco meses de traballo poético que, se ao inicio parecía difícil de realizar, acabou por ser plenamente satisfactorio. Foi un reto e procuramos dar cabo del da mellor maneira que soubemos.

O día 17 , no Salón do libro e da Lectura ABECEDARI@, na Coruña, foi a primeira presentación. Este sábado 26 de decembro será na Libraría Cartabón en Vigo e o 28 de decembro na Libraría Couceiro de Compostela. Será un pracer compartir os seus poemas ou falar do seu proceso.


Velaquí un adianto editorial da man de Ramón Nicolás no Caderno da crítica.

O poema co que dialogamos foi a Cántiga do neno da tenda, do que vos deixo esta fermosísima interpretación de Luar na Lubre:
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 26-12-2015 10:06
# Ligazón permanente a este artigo
Un galano marabilloso
Nunca escribira un conto de Nadal, mais este ano Ledicia Costas convidoume a facelo e, como case sempre, dixen si, acepto o reto. E velaquí o relato. Grazas a Ledicia e grazas a Criaturas.


Un galano marabilloso
. (páx. 101)

Todos os días, ao saír para o cole, ollaba un anaco para o recorte do xornal que a mamá puxera na cociña por baixo do calendario. Era unha foto de papá e outros homes en Santiago. Un sábado, coa mamá e o irmán, collemos o autobús e fomos alá, para camiñar rodeados de xente que ía berrando. Eu tamén berraba: “Por un reparto xusto! Queremos pescar e non mendigar!”.

Ollaba un anaco para o recorte do xornal porque papá non estaba na casa eses días. Estaba alí, de campamento con moitos outros papás, porque non podían saír pescar. Mamá tiña que me berrar, porque mentres miraba o recorte do xornal pasmaba e un día houben perder o autobús do cole.

Comentarios (0) - Categoría: Narracións - Publicado o 24-12-2015 18:30
# Ligazón permanente a este artigo
A rosa

De Pel de ameixa, 1996
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 21-12-2015 18:54
# Ligazón permanente a este artigo
Cruzando versos
Dóeme a terra
porque a levo dentro


Días atrás, Verónica Martínez Delgado envioume unha imaxe en que Carla e Nicolás, de cinco anos, xunto coa súa profe, pintaban un verso de meu na entrada do Mercado de Ribadeo. Un verso, unha casa e unha flor. Foi por mor da fermosa iniciativa, "Cruzando versos", que se está a desenvolver no Concello de Ribadeo e que a poeta Verónica Martínez Delgado coordina. Grazas inmensas.

É un pracer verse así, convertida en verso pintado nas rúas. Saber que eran tan pequenas as mans que o realizaron. Estar na entrada do mercado. Recibir a quen chega.

Que pensará quen atravese os versos?

O poema pertence a Pel de ameixa (1995) e di así:

Dóeme a terra
porque a levo dentro.
No oco dos osos teño terra negra
e landras de carballo.
Dóeme a terra da alma,
as vísceras, os cogomelos dos ollos
nos outonos perennes,
cando son lebre amedrentada.
A terra da carne dóeme
e as árbores que levo nas entrañas.

Foto: imaxe superior de Verónica Martínez Delgado, inferior do blog “El toupo que fuza”
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 11-12-2015 08:42
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [91]
© by Abertal
Acuática