acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Versos desde o Sáhara:

Moncho Boán propúxome levar á nosa lingua algúns versos de poetas saharauís, para incluír nun caderno do Sermos Galiza. Foi así como preparei unha pequena escolma de oito voces, un pouco a cegas, mais procurando que o resultado fose o máis polifónico posíbel. E polo que o Moncho Boán consultou despois nos propios Campos de Refuxiados do Sáhara, parece que non errei de todo na selección.

Dicía eu na introdución que preparei e que non puiden evitar que fose algo “densa” (como dicir moitas cousas en pouco espazo?): “O conflito do Sáhara está presente nas súas poéticas, mesmo cando estas son profundamente intimistas”. Talvez por iso elixín un breve poema para pechar a selección, un poema de Nanna Labat Rachid:


Saúdos Zammur

Bailamos a pesar das feridas
e o teu saúdo acariña as miñas meixelas
e os abrazos rescátanme da miña febre.

Esta autora, é xustamente unha das que se expresa na lingua propia das xentes do Sáhara: hasanía, e en árabe. Así que accedemos á súa obra a través do francés.

No ano 2008, a editorial L’Harmattan de París publica o libro A pluma prisioneira. No prefacio podemos ler estas palabras de Georges Jean: “Esta maneira de ver a realidade que emana dos novos creadores, dá lugar a unha innovación literaria que se desmarca das habituais creacións relacionadas coa vida nómada autárquica, para tratar a cuestión da liberdade política e a invención dunha creatividade propia do mundo moderno.”
Nese libro podemos ler este poema:


O día do meu aniversario
coincide coa invasión marroquí
do Sahara Occidental…
E a miña vida está consagrada ao servizo
do meu país espoliado.

Traducir poesía é para min unha forma de aprendizaxe: de poéticas distantes que non só agrandan o noso coñecemento, senón que mesmo nos permiten achegarnos á nosa literatura con maior obxectividade, e da propia lingua, por máis que non queira distanciarme do texto orixinal.

Por iso procuro, de cando en vez, realizar exercicios de tradución. A pesar dos erros que cometo. Disculpádemos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-10-2015 11:12
# Ligazón permanente a este artigo
amencer

Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 09-10-2015 08:37
# Ligazón permanente a este artigo
A man feminina
Man feminina era un dos nomes que recibía a caligrafía kana desenvolvida polas mulleres no Xapón dos séculos IX e X e coa cal se comezou grafar unha poesía que se recibía como unha afirmación identitaria


Non pretendo realizar un estudo en profundidade sobre a poesía xaponesa. Só colocar algúns espellos para capturar a súa luz afastada e poder iluminar a análise da escrita literaria das autoras, no Xapón, ou aquí. Ou deixar algúns vimbios cos que, quen quixer, poida compor unha cesta que nos acolla.
Recentemente volvín á poesía xaponesa. E foi a través da lectura das antoloxías de Carlos Rubio e Luísa Freire que me situei de novo diante do feito da creación literaria realizada polas mulleres.

O anonimato na poesía medieval xaponesa
Nas compilacións de poesía xaponesas realizadas durante a Idade Media, algunhas xa no ano 750, atopamos un número importante de textos anónimos ao lado doutros textos que si recollen o nome dos seus autores. Ese anonimato pode ser intencionado e estar a ocultar que estamos ante poemas que non foron escritos por homes nobres. Así o sinala Carlos Rubio na súa edición do Kokinshuu. Tamén Luísa Freire na Introdução á antoloxía O Japão no feminino II recolle: “Nas mais antigas antologias japonesas raramente está registada qualquer obra feminina ou, quando aparece, é omitido o nome da autora aparecendo como única identificação o do marido.”

A man feminina
Á altura do século IX a cultura xaponesa expresábase en chinés, motivos políticos, sociais e culturais explican esta circunstancia. Neste contexto, a formación académica das elites era en lingua chinesa e a ela só tiñan acceso os homes. As mulleres, apartadas da formación oficial, desenvolven unha caligrafía silábica, kana, tamén denominada onna de (man feminina), que acabaría por ser o soporte dunha estrofa poética cunha forte connotación identitaria, por se tratar dunha poesía escrita en lingua xaponesa, fronte ao canon clásico entón: o chinés.

É así como o waka, xénero poético propiamente xaponés e no que o son é fundamental, acaba triunfando no século X. Unha das estrofas que acada máis éxitos é o tanka, poemas de cinco versos e trinta e unha sílabas. Son precisamente as mulleres as que dan vida a este tipo de estrofa. Segundo recolle Luísa Freire: “As mulheres … ficaram confinadas à forma tradicional e respeitada do tanka. .. havia também uma razão social e cultural … a escrita do tanka era individual e solitária…”

Os materiais poéticos
Cando falamos de autoras e cando tentamos sistematizar se existen ou non trazos que singularicen a produción literaria das mulleres, reparamos nos materiais empregados.

Porque as autoras renovan o mundo da creación literaria achegando aos textos materiais que até entón non tiveran a condición de poéticos.
Luísa Freire sinala como trazos que caracterizan os haikus femininos: un maior lirismo ou evidencia do emotivo, o erotismo cada vez máis desinhibido até se desprender dos tabús na poesía posterior á Segunda Guerra Mundial, a expresión da atmosfera familiar e as tarefas domésticas. Estes materiais predominan na escrita das autoras do século XX, mais algúns séculos antes atopamos exemplos destes trazos, así nos seguintes haikus que podemos ler na antoloxía O Japão no feminino II:

Sopa de ano novo-
já preparo o atum seco
num milhar de aparas.

Den Sutejo, 1633-1698

Rouxinol no bosque-
minhas mãos no lava-loiça
param por instantes.

Kawai Chigetzu, 1634?-1718

Primeira roupa de Verão –
uma mulher que não tece
sente-se culpada.

Shiba Sonome, 1664-1726

Só tres exemplos de poemas escritos no século XVII, trescentos anos antes de que nós, as mulleres de hoxe, colocáramos o mundo doméstico nos nosos poemas.

Ono no Komachi
Ler estas compilacións de poesía produciume unha certa envexa, por exemplo ao descubrir algunha voz feminina que sobresaen xa no século IX. É o caso de Ono no Komachi, unha autora pertencente á nobreza, cunha intensa vida que foi recollida en varias pezas do teatro Noh. Janick Belleau sinala que a súa escrita é melancólica, mais tinxida dun erotismo sutil. Talvez como este poema, reinterpretado a través das traducións recollidas do español, francés e inglés:

Tanto me torturan
as crueldades do desexo
na noite de acibeche
que agardo coa roupa
por fóra tendida


O seu contemporáneo Ki no Tsuraiuki, compilador do Kokinshuu no ano 905 e autor do prólogo, compáraa cunha das mulleres dun emperador do século V, tamén poeta, a princesa Sotoori e fala da debilidade da súa poesía afirmando “non é a debilidade algo natural na poesía dunha muller?” Evidentemente, non se trata dunha análise sisuda. Como conclúe Luísa Freire na súa Introdução: “ainda é cedo para afirmar que uma certa atitude patriarcal e preconceituosa tenha desaparecido completamente do cenário literário”, ela engade “do Japão actual”, mais talvez esa concreción sexa innecesaria.

Como di o poema de Tsuda Kiioko (1920),

Sem saber a altura
da montanha, uma formiga
sobe ao meu joelho.


25 setembro 2015.

[1] Carlos Rubio (ed.), Kokinshuu, colección de poemas japoneses, antiguos y modernos, 2005, Hiperión, Madrid [2] Luísa Freire (ed.), O Japão no feminino II, Haiku séculos XVII a XX, 2007, Assírio e Alvim, Lisboa, páx. 7. [3]Luísa Freire, 2007, páx. 9. [4] Janick Belleau, Breves littéraires, nº 76, 2007, http://id.erudit.org/iderudit/5379ac [5] Carlos Rubio, 2005, páx. 100.

Artigo publicado en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 25-09-2015 18:27
# Ligazón permanente a este artigo
Torrente feminino, Xardín desordenado
Hai máis de vinte anos que escribín o poema que comeza "Hoxe estou en silencio...". Un poema que fun reescribindo até que chegou á súa forma definitiva e que recitei por primeira vez en xaneiro de 1995, no Macondo, en Cee, ao lado de Rafa Villar e Modesto Fraga, entre outros.

O poema integrouse no libro Setembro, premio Martín Códax en 1998, sendo logo publicado por Galaxia.

Anos depois pasou á formar parte dunha proposta didáctica elaborada polos autores dun manual publicado por A Nosa Terra: Literatura galega século XX. É unha das 40 propostas de análise que fan os autores. Das preguntas que se formulan sobre o texto despréndese que os autores consideran que o poema é unha reivindicación da identidade feminina, en que as mulleres evocadas pertencen a un estrato social determinado.

Un día, Xardín desordenado decidiu pórlle música e converteu o poema en valls que soa marabillosamente na voz de Marlene.

O poema da estirpe, dando voltas e máis voltas por ese corredor que é o tempo. Este venres volverá a oírse no antigo teatro Rosalía Castro de Vigo, hoxe chamado Auditorio de A Fundación. Dous días despois de que Andrea me comentase que este mesmo poema serve de ensaio para as oposicións de Secundaria nunha academia.

Mentres, eu sigo lembrando a miña avó.
Comentarios (0) - Categoría: Poemas musicados - Publicado o 16-09-2015 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
Recitando a Manuel María no espectáculo Lúas de Outono



Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 16-09-2015 08:23
# Ligazón permanente a este artigo
catorce poemas para des-tecer

VITAL E SILENCIOSA como a auga
que nace e sen estrépito alimenta
esa fonte imprescindíbel, era a nai


Estes versos abren o poema co que se pecha o caderno de poesía des-tecer que, ao longo de nove semanas, foi publicado nos cadernos de verán do Sermos Galiza.

Foron catorce poemas que abalaron do pasado ao presente e polos que transitaron mulleres anónimas ou con proxección histórica, como símbolos do que cómpre des-tecer.
Comentarios (0) - Categoría: des-tecer - Publicado o 27-08-2015 11:48
# Ligazón permanente a este artigo
Memoria de Bóveda



Este poema que titulei "Máis de corenta anos" forma parte do libro Cartafol poético para Alexandre Bóveda, publicado pola Xunta de Galicia en Espiral Maior por iniciativa de Luís Bará desde a Consellaría de Cultura. Foi no ano 2006.

A presentación realizárase en Pontevedra, no teatro Principal.

As colaboracións das e dos poetas ábrense cun poema de Manuel María que remata así:

Decretouse a nada, a morte criminal.
¡Mais a semenete agromou forte e varil
porque o sangue inocente é inmortal!
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 17-08-2015 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
cansa

Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 29-07-2015 12:43
# Ligazón permanente a este artigo
Pobo e nada máis
Pobo e nada máis

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo


Estes dous versos acompáñanme de cote. Por iso adoito empregalos en unidades didácticas e obradoiros. En discursos, en conversas ou neste artigo. Con estes versos inicia Manuel María o poema A Fala. Dous versos que nos dan a clave de por que o vinte e cinco de xullo saímos á rúa. Porque é a través do idioma como nos situamos no mundo, como nos recoñecemos galegas e galegos e tomamos conciencia de que pertencemos a unha nación diferenciada que lexitimamente aspira á súa soberanía.

Manuel María escribiu este poema entre os anos 1978-79, forma parte de As rúas do vento ceibe, libro destinado aos nenos e nenas. Segundo Camilo Gómez Torres (Manuel María: os traballos e os días, 2001) faino animado pola adaptación musical que Suso Vaamonde fixera do seu Os soños na gaiola, esoutro libro en que lemos:
Galicia somos nós:
a xente e máis a fala
¡Si buscas a Galicia
En ti tes que atopala!

Mais tamén para dar satisfacción “ás demandas que os nenos e nenas galegos lle achegaran nas súas cartas desde 1972”. Como di Manuel María na “Carta ós nenos que pode servir de prólogo a este libro”: “Quixen contar dun xeito elemental, sinxelo e esquemático o que é Galicia, o que foi Galicia. E alcender en vós –que sodes o porvir- a chama dunha espranza para que fagades a Galicia do futuro.”

Alcender en vós –que sodes o porvir- a chama dunha espranza para que fagades a Galicia do futuro, por isto volvo hoxe aos poemas de Manuel María para convertelos en argumentos que nos convocan á nosa celebración. Como el mesmo dixo, o 25 de xullo: “Coa nosa bandeira ó fronte / non hemos retroceder. / ¡Galicia ten que ser ceibe! / ¡Temos, irmaus, que vencer!” (“Día da patria galega”, As rúas do vento ceibe).

Convertemos a poesía en argumento porque ten o poder de falarnos a través do tempo. Nos poemas de Manuel María atopamos unha mensaxe clara para este momento político:

Galicia é o pobo e nada máis
O que non é pobo non pode
ser Galicia…
Nós, que somos pobo, seguiremos
sendo pobo eternamente.
No pobo está a verdade.
E soio o pobo ten e garda
a esencia indestrutible de Galicia.

É un fragmento dun poema de Versos para un país de minifundios, 1968, un libro en que Manuel María enuncia os principais problemas do noso país: “fala materna, // emigración, pobreza, economía,// conciencia, minifundio, compromiso” Denomínaos: “verbas arrepiantes”, porque producen arrepío entre os defensores do sistema, eses que procuran que non se fale deses temas, que nin sequera se pronuncien esas palabras.

No Congreso Manuel María. Literatura e nación, celebrado en 2005, sinalamos que foi a poesía dos 90 a que tomou como referentes literarios os autores e autoras da xeración de 57, seguindo a denominación establecida por Xosé Manuel Millán. A ela pertencen Manuel María, Bernardino Graña e Uxío Novoneyra, tres poetas que teñen en común un trazo que denominamos visión ecocéntrica, é dicir, unha visión que trata por igual humanidade, animais, natureza e planeta. O “ home –e o poeta como metonimia de toda a humanidade- deixan de ser o centro do universo literario para converterse nunha parte máis, nin sequera privilexiada, e o seu oco vai encherse coa omnipresencia da natureza, a materia e as súas forzas desatadas.” (Millán Otero, “O contexto literario”, en B. Graña, Profecía do mar, 1995). Esta relegación do antropocentrismo é evidente na poesía de Manuel María que pon en pé de igualdade natureza, animais e persoas: “¿Cándo faremos un mundo no que poidan // cantar libremente en paz, // en auténtica irmandade, // homes, ventos, planetas, ríos e paxaros?”

Esa visión do mundo e a súa capacidade para converter en palabra poética a urxencia do tempo que lle tocou vivir é o herdo que reclamamos as xeracións que vimos finalizar o século XX. Chamámoslle a esa poesía socialrealismo, utilizando esa etiqueta para acubillar baixo a mesma denominación poéticas diferentes. O propio Manuel María é quen sinala a diferenza nun artigo en que nos fala da súa admiración por Celso Emilio: “O que non foi ... é o que se entende ... por poeta nacionalista galego como, por exemplo, Ramón Cabanillas. A temática da poesía de Celso Emilio Ferreiro vale pró povo galego. Esto é evidente. Pro hai unha temática específicamente galega – normalización da lingua e da cultura, autodeterminación, situación do asoballo nacional, dependencia, etc.- que non aparece na súa poesía, se exceptuamos o fermosísimo poema adicado ao idioma propio.” (“O meu Celso Emilio Ferreiro”, Celso Emilio Ferreiro. Común temos a patria, 1989).

Temos a fortuna de podermos celebrar o vindeiro 2016 o ano de Manuel María. O certo é que, desde que soubemos a nova, comezamos celebralo. Por iso hoxe, este vinte e cinco de xullo, pensei que era acaído volver aos seus versos. Ler de novo as súas palabras acendidas. Memorizar pos seus poemas porque son o mellor argumento:

… estamos vivindo sulagados nun
caos/anacrónico/suicida
Mais
somos donos dun ideal,
temos bandeira,
contamos
que pobo que non renunciou
ó dereito de vivir
i está
disposto a tirar tódolos xugos,
rachar as infindas cadeas
que o teñen amarrado
ó subdesenrolo,
ó asoballamento
i a i-n-x-u-s-t-i-c-i-a
Compre
comenzar polo principio,
dinamitar o vello/vergoñoso
edificio colonial/imperialista
e construír, dende os cementos,
unha patria nosa/nova/ceibe:
A GALICIA POPULAR/SOCIALISTA
QUE NÓS SOÑAMOS
E QUEREMOS

(Poemas pra construír unha Patria, 1977)

25 de xullo de 2015.

Artigo publicado en Terra e tempo e Valminor.info
Comentarios (0) - Categoría: Ao redor de Manuel María - Publicado o 29-07-2015 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
des-tecer IV

A cuarta enterga de des-
tecer, un poema en homenaxe a Begoña Caamaño:
“Escribo dende un xénero excluído e dende unha lingua minorizada e asumo a responsabilidade que esa escolla conleva”
Comentarios (0) - Categoría: des-tecer - Publicado o 29-07-2015 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática