|
|
|
|
1995: Pel de ameixa |
|

Pel de ameixa acadou o premio de poesía Miguel González Garcés no ano 1995 e foi publicado pola Deputación da Coruña en 1996.
"Un libro, en síntese, cheo de bos recursos, cheo de sinceridade, expresivo, combativo, e en máxica parella, dun grande intimismo." Eduardo Estévez, Faro de Vigo (12/04/1996).
"Naquela tertulia que tiñamos con Manuel María no Kirs os luns e os mércores de todas as semanas do ano, a media mañá, puntualmente ás once, abofé que moito falamos da xeración dos noventa, especialmente de Marta Dacosta e de Olga Novo, poetas nas que admirabamos o seu esforzo por escribir desde o seu universo real ese poema de beleza incuestionábel que leva sempre sangue quente en cada palabra. A respecto de Marta Dacosta, o noso único punto de desencontro era o título dun seu libro, do que Manuel María non gostaba nada: ?Pel de ameixa, home, por favor!?. Máis tarde comprenderiamos moi ben o porqué daquel título e o seu significado real e simbólico: Había unha ameixeira ao pé da casa / en que eu sen saber, souben da lingua, / aquela que tiñamos agachada, / aínda que sempre alí, ao pé da casa." Manuel López Foxo, "Marta Dacosta e o seu poema-mar, onde sempre hai unha muller preñada de esperanza", www.terraetempo.org
Un dos poemas do libro:
Acabouse a poesía.
Teño as mans tan baleiras
e cheas de cansazo
neste eterno ir e vir
sobre a casa e a vida ...
Non existe o segundo, nin sequera o minuto,
unha hora non é máis ca un nome de tempo,
un tempo que se queda
e se vai
e non volve,
e outro día,
e máis outro
retorna en brevidade.
As pernas non me levan, arrástranme
despacio,
e eu sigo o seu camiño esquecendo listados,
e non teño cebolas, é por iso que as bágoas
esqueceron camiños, noutrora
frecuentados.
Cando chego a gallope na procura do tempo,
a comida queimada impútame a demora
e non atopo escano en que pousar o corpo,
por iso este cansazo me derrota as palabras.
|
|
1 Comentario(s) |
|
1 |
dende hai tempo pertences á nosa órbita gravitatoria, de vez en cando deixamos que voes libre pero sen perder o estremo invisíbel do fío papaventos.
a poesía forma parte de ti e ti de nós.
obrigad@s |
|
|
Comentario por colegas das palabras (16-02-2009 15:24) |
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|