acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

2013: Argola
2013: Argola

Argola publicouse a finais do ano 2013 despois de recibir o premio de poesía O Figurante.

"... é este un poemario singular no que se artella unha revisión histórica do concepto de dominación, en boa parte dominación exercida sobre a muller, sustentándose nunha voz que é a dunha escrava en tempos do Imperio Romano..." Ramón Nicolás Rodríguez.

"Os poemas que nos guían por este mundo teñen a forza expresiva de quen molla a tinta na profundidade das entrañas, de quen profesa na autenticidade e no compromiso. Non se prodiga a autora en redaccións ampulosas e rebuscadas ..." Miguel Anxo Mouriño.

"... un poemario tan narrativo como lírico, tan de hoxe como de sempre, un poemario apropiado para ler a calquera idade en que sexamos ( plural inclusivo) capaces de soñar un futuro mellor, un futuro mellor que só lograremos desde a rebeldía..." X. M. Eyré.

"Esta forma de conxugar a épica de conquistas e rebeldías que ondea en todo o libro cun acto persoal, que atinxe á propia soberanía, por máis que cumpra unha función de vinganza colectiva, é unha das características máis destacábeis deste libro e toca algunhas das constantes da poesía da autora..." Mario Regueira.

"Versos escritos desde a historia, desde a mitoloxía e desde a tradición oral, e tamén desde o propio sentimento da poeta, ben evidente na emocionada evocación da avoa. Versos para a reflexión e o compromiso. Poemas dunha grande carga emocional, escritos coa ferida aberta, cunha forza expresiva que fai latexar as palabras." Manuel López Foxo

Na categoría "Argola" poden seguirse as referencias as recensións e presentacións.



OCULTA entre os lenzos
viña a pequena planta da ruda

a avoa insistira en que eu mesma a chantase na terra mol

ela separara coas súas propias mans
o talo aveludado
da terra salgada de noso

cando o frío asexaba na porta da casa
contra a escuridade da noite falangueira
ela quentaba auga sobre as brasas de carballo
para logo pousar, case con mimo
as follas secas de ruda que gardaba entre as súas roupas

aprendeume as tisanas e as compresas
díxome en segredo os beneficios da ruda
facéndome xurar
que nunca contaría aquelas conversas esquivas
que nacían entre as lapas
á sombra do sono dos adultos

a avoa procurábame á noite
envurullábame no mantón
levábame en silencio até a lareira
aquel lugar de maxia e de fantasmas
onde a memoria pairaba como a cinza
cubríndoo completamente todo
penetrándome a través da farinxe delicada
instalándose nos bronquios, en cada un dos alvéolos
para asegurarse de que a través do sangue
acadaba cada célula do ser
alimentando músculo e óso
tecido e linfa
como a madeixa de la que se converte en prenda
e envolve o corpo enteiro no seu tacto cálido

respirei a cinza da memoria
impregneime da cinza dos corpos insepultos
toquei, coas miñas mans pequenas, as reliquias dos avós
que morreran loitando contra o Imperio

enzoufei o meu rostro coa cinza das mulleres violadas no cume da conquista
e doeume entre as pernas o sangue morto da inxustiza consumada
mentres se desgarraba retorcéndose
un feto concibido sen amor

eu mesma puxen na terra a ruda
tal e como a avoa me aprendera
sentindo de novo no máis fondo do meu útero
a dor do corpo que se nega á fecundidade
un pranto radical de nai desamparada
o berro grave dunha muller ferida para sempre

o segredo da miña virxindade incorruptíbel
funil de seda polo que escorrega a area do meu tempo cativo

Anterior Volver á galeríaSeguinte

Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0