acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Entrevista en Galicia Hoxe, agosto 2009
Entrevista en Galicia Hoxe, agosto 2009

“Aprendín como filóloga que non existen os individuos bilingües”

http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/aprendin-filologa-non...
09/08/2010 12:20


POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE

Son filla da clase obreira viguesa, un peón de Citroën e unha alestidora de palangres que deixaría o seu traballo para coidar da nena que ía vir. Así nacín eu un San Miguel de 1966 en Vigo.Meus pais abandonaron o colexio con nove anos e da súa infancia lembran as penurias e a fame do tempo da posguerra. Aínda así transmitíronme o desexo do coñecemento e o amor pola arte. Da miña nai herdei o gusto por cantar e do meu pai os primeiros libros publicados por Galaxia nos anos 50: Castelao, Rosalía ... que eu lía con dez anos, recuperándoos dos ratos e da humidade. E pouco a pouco funme facendo consciente de que a miña lingua era outra. Para min é como un misterio. Aprendéronme a falar en castelán, miña nai nunca falou galego, diso encargáronse as mestras formadas na sección feminina, e meu pai fálao dun xeito completamente deturpado, irrecoñecíbel, o castrapo propio dun habitante dos arredores da cidade. Aínda así, non tiña nove anos cando escribín dúas páxinas de teatro en galego. Gárdaas meu pai, como se fose un incunábel. Como querían o mellor para min leváronme a un colexio de monxas: as Carmelitas, gracias a iso, en parte, cultivei o meu rexeitamento á relixión e á clase eclesiástica. Logo conseguín matricularme nun centro público, no Instituto Santo Tomé de Freixeiro e alí comecei participar en concursos literarios. Por esas datas seica se estaba a producir en Vigo a "Movida Viguesa", pero eu, como a maior parte das miñas compañeiras e compañeiros era allea a esa movida cultural, pouco galega.
Entrei en contacto con ela catro anos máis tarde, no Colexio Universitario, onde coñecín algúns debuxantes que se esforzaban en sacar adiante fancíns que morrían por falta de apoios. Pero xa non quedaba nada dela. Contra ela, precisamente, realizariamos o primeiro recital no ano 1987.Chegaba abril e un compañeiro que colaboraba con Radio Ecca propúxonos a posibilidade de realizar un recital. Así comezamos a elaborar un manifesto e unha tarde baixo o título de Na cidade espida recitamos ante unha sala ateigada de compañeiros e compañeiras de facultade e público diverso. Eramos catro, un deles Fran Alonso, compañeiro de estudos que seguiría dedicándose ao oficio de escribir. En 1989 rematei a licenciatura en Filoloxía, na subsección, daquela, de Galego- Portugués. Deses anos lembro especialmente a miña participación no Grupo de Teatro de Galego, onde fixen amizade con Roberto Salgueiro, Pablo Rodríguez, Artur Trillo ou Isabel Vaquero. Representamos o Don Hamlet de Cunqueiro no Teatro Principal, con ameaza de bomba incluída. Rematada a carreira comecei traballar como docente de inmediato: Compostela, Sarria, Curtis, Negreira ... Tomiño. Nestes anos entrei na UTEG, chegando a ser liberada sindical desta organización, o que me permitiu vivir de preto o proceso de unificación que le daría nacemento á CIG, onde sigo traballando activamente. Son os anos en que comezo facer públicos os meus escritos, primeiro en revistas: Congostra, Olisbos, o xornal A Peneira, onde obtería o meu primeiro premio, Lúa, da Asociación Cultural Rosalía Castro de Cornellá, con ocasión de gañar o 3º premio Rosalía Castro ... En 1994 sae á luz o primeiro libro: Crear o mar en Compostela, premio de poesía O Grelo, a partir de aquí virían outros premios e outros libros: Pel de ameixa, González Garcés 1995, Setembro, Martín Códax 1998, En atalaia alerta, accésit do Esquío 1999. Durante eses anos, 1987-1998, vivín en Compostela, onde coñecín moitos dos poetas da miña promoción: Rafa e Miro Villar, Paco Souto, cos que mantiven relación desde moi cedo e, máis tarde, Eduardo Estévez, Estevo Creus ...Con eles colaborei para levar adiante distintas empresas, a máis ambiciosa e a máis recente Letras de Cal, onde entramos a participar 18 escritores para publicar obra inédita dos máis novos.
Nestes anos composteláns participamos activamente en recitais, quixemos compartir e difundir a poesía, e o primeiro gran froito deste labor foi o contacto entre nós mesmos: Chus Pato, Lupe Gómez, Yolanda Castaño, Emma Couceiro, Verónica Martínez, Igor Lugrís, Olga Novo, Celso Fernández Sanmartín, María Lado, Isolda Santiago, Sechu Sende, Mónica Góñez, Marilar Aleixandre, a parte de todos os xa citados anteriormente. Os meus libros individuais son todos resultado dun certame literario. Por que? Porque ao principio era máis doado ampararse no anonimato dun concurso, pero ao pasar dos anos non conseguín publicar nunha editorial, seica porque xa tiñan unha lista de espera moi ampla. Supoño que isto deixará de ser así proximamente.Esta situación, pola que tamén pasaron outros poetas do meu tempo, foi o que nos fixo considerar a necesidade de crear unha colección que atendese os máis novos, especialmente aos que nunca publicaran, e penso que foi unha moi boa idea, neste momento hai xa varios títulos na rúa e a colección ten unha calidade notábel. Pero que conste, porque el non o dirá, que en parte todo isto, non me refiro soamente a Letras de Cal, débese a Rafa Villar, ao seu empuxe e ao seu ánimo, e tamén a Eduardo Estévez, que tomou a remuda do traballo que supón Letras de Cal e todo o que xira ao seu redor. E máis nada, só que procuro escribir co corazón, co firme propósito de revolverlle o estómago ao que se senta fronte aos meus poemas, e que aínda teño que escribir o poema máis importante, pero non sei cando poderei facelo, porque ese, o poema comprometido co tempo en que estou a vivir e coa miña condición humana, precisa dunha voz sólida e un pulso firme.

Marta hai en ti un sentimento nacional-galego histórico e certamente revolucionario: nacionalismointernacionalismo- marxismo, ou ás xeiras –coas miñas desculpas posíbeis un "laissez faire", de que o proletariado resistente foi asumido pola burguesía dos non ausentes... Penso, Marta na poesía como combate e definición da vida, penso que Hamlet era unha razón sen causa, sintomatolóxica. Cal é despois de todo, a nosa íntima e social razón de existir, ver, beber e aos pasos vivir?
O meu é un concepto materialista da existencia, penso por iso que a especie humana, como especie animal que é, obedece á premisa fundamental da súa pervivencia. Mais a especie humana debe ser consecuente coa súa capacidade para non se perpetuar de calquera xeito e, por tanto, debe asumir que ten a obriga de transmitirlles ás xeracións que a manteñan viva un mundo mellor, é dicir, un mundo máis xusto, e iso engloba non só a perspectiva social de mellorar as condicións de vida dos habitantes da Terra, senón tamén a perspectiva ambiental e a cultural, de manter as características que nos identifican e definen. En conclusión, temos a obriga de procurar a xustiza e de manter a cultura dos pobos, entre nós, a nosa cultura, ou sexa a nosa lingua, o noso territorio físico, o que define a Galiza. Esa é a nosa razón de existir, desde o meu punto de vista, claro.
Cal é Marta ese definitivo e definitorio poema que vas escribir... É, talvez, o tránsito da subversión ou é unha formulación da vida posíbel nun mundo que se chama capitalismo, e actúa como é?
Pensar nunha posíbel adaptación a un modo de vida capitalista, aínda unha maior adaptación, e considerar que esa é a saída non forma parte do meu pensamento, e creo que non debe ser a idea que propugne un texto poético. Dígoo porque eu defendo a literatura comprometida, é máis, considero que toda obra de creación expresa un compromiso, calquera que este sexa, entón, se considero que o meu obxectivo é chegar a escribir un poema que dea conta desde unha altura estética incuestionábel da realidade en que tentan paralizarnos, evidentemente será un poema que chame á superación desta sociedade da desigualdade e ao enxalzamento da cultura de noso.
Cal é o concepto que Marta Dacosta ten da historia ou da intrahistoria. Cales as concomitancias, as afinidades da vida e a un tempo non vivida?
Evidentemente a historia por moi obxectiva que debera ser é manipulábel e, entre nós, foi moi manipulada e escrita a maior gloria dos poderes imperantes, do imperalismo, do españolismo e do patriarcado, así que nos queda un longo labor de reescritura histórica e de didáctica desa reescritura, de concienciación de cal foi verdadeiramente o noso pasado. Tamén coa nosa historia hai que facer xustiza.
Marta, na esencia es poeta máis que ningunha outra derivación intelectiva?
Pois si, a miña forma de me expresar, que ao tempo é o produto da miña forma de vivir, condúcese a través da poesía, como mellor medio de explicar o mundo e de me explicar ante o mundo.
En que medida deixa pegada o pretérito nunha persoa, para ben e para mal?
Somos o resultado dun proceso, actuamos e pensamos con base a unha aprendizaxe previa, ou sexa, a unha experiencia acumulada que podemos chamar memoria, vida, pasado, que pode ser un destes factores en concreto ou a suma deles. Mais isto non debe conducirnos a unha visión determinista do noso presente, é dicir, debemos procurar o coñecemento do mundo por riba do noso pretérito, saber se a realidade da que procedemos é a realidade de toda a humanidade ou aínda hai distancias que temos que percorrer.
Falemos, xa que logo, de cuestións lingüísticas, da retrocesión do galego polas "normas de PP español" e os seus acólitos de comenencia. Reflexionar sobre isto é algo moi difícil para ti?
Non. É unha cuestión central para min reflexionar e chamar a atención sobre as mentiras que se constrúen contra o noso idioma, que é o camiño elixido polo pensamento único para loitar contra a pervivencia do noso pobo. Saben ben que é a lingua o noso maior sinal identitario, por tanto, conclúen que debe ser o seu obxectivo a derrubar, como medida estratéxica contra o pobo galego.
Literatura andante: Cal é o mellor dos teus libros polo cal tiveches o sentimento de "cruficicada", de silenciada...?
A ver, non teño sensación nin de crucificada nin de maltratada, non padezo de malditismo, creo. Aínda así sei ben que non son nin como autora, nin como persoa "cómoda". En todo caso si penso que como poeta estou bastante encadrada, e aínda que a miña poesía procura ser cívica e está escrita en feminino, considero que non son eses os seus únicos valores, mesmo non sei se son os seus valores maioritarios.
A nación galega é coa súa cultura e idioma algo apodicto, indiscutíbel, ou atopas outras razóns para alá de sinestésicas premisas?
A nación galega é indiscutíbel porque existe o pobo galego. A partir de aí podemos tentar explicarlles aos que non queren acreditar en que elementos é comprobábel ese carácter nacional e para iso remítome a Castelao. Evidentemente a nosa lingua é un elemento esencial porque é o produto máis claro e concluínte da existencia desa nación. Dándolle a volta ao argumento, poderiamos dicir que se este pobo galego non fose unha nación de seu non tería unha lingua propia
Ten sentido pedagóxico todo o que está facendo o PP español por ferir de morte o galego para esa entrega miserábel ao nacionalismo castelán, embarolado e confuso?
Desde o seu punto de vista si, como dicía antes é a estratexia que teñen deseñada para ferir de morte a nosa identidade e todo o que somos e significamos. De feito, sabemos, aínda que ás veces non o teñamos presente, que levan máis de seiscentos anos realizando ese traballo, porque é o imperialismo español, non o castelán, a ideoloxía que desde o século XV tenta impoñerse a todo o territorio que os Reis Católicos conquistaron polas armas e as intrigas É o seu cometido central e nel seguen e seguirán traballando.
Entendes a nación galega como unha nación cunha cultura idiomática monolingüe?
Si, claro. Nación galega, cultura monolingüe en galego, nación inglesa, cultura monolingüe en inglés, nación grega, cultura monolingüe en grego...
Sen un Estado de nós –enténdase ben-, teremos moitas posibilidades existir e sobrevivir na Europa raptada e "piñeirista"?
Son da idea de que debemos ter sempre moi presente o contexto en que nos atopamos, por iso hoxe se cadra a idea de estado tal e como se vén asumindo é unha idea obsoleta e deberiamos pensar xa nunha unión dos pobos europeos que evidentemente debería reaxustar as relacións existentes neste momento, a Europa dos pobos da que sempre falamos. Xa non é unha cuestión de estado propio, senón de contarmos cun autogoberno que nos permita establecer unhas relacións equitativas con todos os pobos de Europa.
É o bilingüismo posíbel nunha nación monolingüe e altamente colonizada, cal é para min o caso da nosa nación negada?
Aprendín desde os primeiros anos de formación como filóloga que non existen os individuos bilingües e que o bilingüismo esixe un equilibrio difícil de acadar. Evidentemente na nosa sociedade non existe a posibilidade de acadar o bilingüismo, somos unha sociedade diglósica en que o castelán goza dun prestixio, poder e presenza que se lle nega á nosa lingua e falta tempo e sobre todo medidas eficaces para que esa situación sexa superada. Evidentemente, tal e como van as cousas neste momento, aínda parece estar máis lonxe a idea desa superación da diglosia.
Cal sería o xeito de ser e estar, Marta, dese poema clave e chave e ti como persoa, como ser humano, como muller que anda, sabe e pensa...?
Penso que a obra de creación, sexa poema ou pintura, debe ter a capacidade de facer reaccionar
o receptor. Penso que unha obra non debe deixarnos indiferentes, debe conmovernos, en primeiro lugar pola súa beleza e despois pola súa capacidade para nos invitar á reflexión, a ver criticamente. Debe ser como unha picada de ortiga que poña o sangue en circulación.
Marxismo e nacionalismo... Cal é a túa interpretación nesta opera prima do pensamento?
Antes que nada son nacionalista, considero por tanto que cómpre a emancipación do pobo galego, alguén pensará que esta é unha afirmación decimonónica, mais que me diga entón como resume a defensa da existencia dunha nación galega e a reivindicación dos seus lexítimos dereitos para que pase a ser unha realidade tanxíbel. Para acadar ese obxectivo só no materialismo dialéctico atopei, até o de agora, a teoría necesaria para interpretar a realidade e as accións máis acaídas para chegar aos obxectivos que penso que nos corresponden.
De todos os teus poemas, con cal ten sentes máis identificada?
Cada libro recolle unha parte do que fun necesitando expresar, así que non podo dicir que haxa un en concreto co que me identifique máis.
O tempo, a relixión, as crenzas, o ser e non ser, cal é a túa reflexión?
Eu son materialista, estou aquí para producir, acción, pensamento ... perpetuarme como especie, e un día estercar a terra, a ser posíbel ao pé dun castiñeiro, e nun lugar axeitado como pode ser o Matalagartos (monte da serra do Galiñeiro-Aloia). Dóeme o paso do tempo, por suposto, dóeme a deterioración, especialmente a mental, mais dóeme sobre todo non ser dona do meu tempo e vivir na ansiedade permanente entre o que me dita o deber e o que me permite a miña física.
Gozamos de boa saúde literariamente falando?
Penso que si. Eu son das que pensa que a nosa literatura, malia as dificultades coas que se encontra para ser visibilizada e asumida, está ao nivel de calquera outra literatura do mundo. Neste momento contamos cunha pluralidade de voces en todos os xéneros que, se non foran as malditas leis do mercado mediatizado por unha visión centralista, está en condicións de competir, en sa competición, con calquera outra literatura.
Poderías con palabras describir unha imaxe do que foi ou é para ti o tempo?
É unha escada de caracol que, ao primeiro, me atemoriza, sinto vertixe, miro cara a arriba e son incapaz de pór os pés nos pasos polos que debo camiñar, mais á fin imponse a vontade, a miña vontade, e consigo subir un a un os chanzos, até o punto de que os demais pensen que nunca tiven medo de ascender.
O silencio, Marta, é algo que te perturba?
Non me perturba porque me é imposíbel. Quero dicir que na miña mente xamais hai silencio. Por outro lado pode ser o mellor alimento para a imaxinación.
Cantos anos poderemos agardar para nos ver liberados, da vileza e do espolio ruín do capitalismo?
Creo que son optimista, mais como boa balanza teño un problema de equilibrio que me fai caer no pesimismo devastador por veces, así que, o único que podo responder é que eu procurarei, pola parte que me toca, de pór o meu pequeno grao de area para construír un mundo novo.

Anterior Volver á galeríaSeguinte

Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática