acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

A represión en Vilasobroso. Unha historia persoal.
A represión en Vilasobroso. Unha historia persoal.

Alfredo López Fernández, Tokio
Marta Dacosta Alonso


Nas memorias de Foucellas podemos ler que Mondariz foi un importante centro de operacións do fascismo. Precisamente en Mondariz, na parroquia de Vilasobroso, sucedeu a pequena historia que queremos deixar hoxe reproducida, coa humildade de ser a historia dunha familia, dun home perseguido, unha historia esquecida a forza de ser calada, e que é, simplemente, unha historia máis de tantas historias silenciadas e negadas durante moitos anos.
Con este artigo queremos deixar constancia das lembranzas dun neno, apoiadas cos escasos documentos que se conservaron sobre as circunstancias persoais de Alfredo López Carballo, ferreiro de Vilasobroso, fuxido e detido entre 1936 e 1939. Os textos que se reproducen corresponden aos orixinais, soamente foron traducidos ao galego e puntuados correctamente.

As lembranzas dun neno de once anos

Lembra Leiro que é a tarde do 18 de xullo de 1936, tal vez o 19 ou o 20, o reloxo marcaría aproximadamente as cinco. Leiro, así é como lle chama o pai, ten once anos. Non non lembra por que, mais esa tarde únese a un grupo de homes que coas escopetas de caza ao lombo levantan unha barricada en Vilasobroso. É unha barricada de pedras de perpiaño, as pedras que han levantar a casa de D. Ramiro Vidal, mesmo ao pé da súa propiedade. Os homes queren impedir o paso da Garda de Asalto.
A Garda chega nos ómnibus, vén pola estrada de Ourense e Leiro non lembra se vai para as Gándaras de Budiño ou para Tui. Lembra si que debían ser as cinco da tarde.
Os homes que levantaron a barricada agóchanse, foxen cando chega a Garda, un deles deixa a escopeta pousada nun muro, a escopeta cae, dispárase, delátaos, mais a Garda xa non pode velos.
Leiro non lembra por que se xuntou con eles, só ten once anos. Vai á escola e ao monte, anda cos libros e as cabras. Desde o 18 de xullo de 1936 sempre lle din que non fale de nada, que non conte nada, e a forza de calar foi esquecendo.
A Garda zafa da primeira barricada, máis adiante atopa a segunda; é unha barricada de troncos de eucaliptos, está na fábrica de Olveira, en San Lourenzo. A Garda para, coas motoserras cortan os troncos e continúan. Non puideron impedir o seu avance. Logo aparecerá un cura morto nas Gándaras de Budiño, levaba o uniforme da Garda de asalto.
Días despois, coa saída do sol, Leiro leva as cabras ao monte. Óense disparos na fábrica de Valiño, máis adiante o neno ve os cadáveres nas cunetas do camiño ao Monte de Santa Cruz. Do que despois falou con uns e outros, entende que debían ser mestres, enxeñeiros… media ducia de homes detidos en Vigo ou Redondela, fusilados, cargados como fardos nun carro e tirados nas cunetas. Leiro lembra que ía ao monte coas cabras. Lembra que desde o 18 de xullo pecharan a escola, que un dos mestres foi recluído en San Simón.
Na súa memoria difuminada e silenciada Leiro lembra que na primeira semana do Alzamento detiveron a un dos profesores da escola de Vilasobroso, un home de Gondomar, Luces chamábanlle, que viviu durante un tempo na súa casa da Veiga Draga.
Lembra tamén que aquel foi un tempo triste en que o medo gobernaba ao seu antollo e a crueldade e a violencia eran o cotián, mesmo entre os propios falanxistas. Conta Leiro que un día se lles foi a man, xogando á ruleta rusa matouse un deles, tentaron amañalo pois o feito non podía transcender. O amaño consistiu en cortar en anacos o morto e repartilo polas parroquias para logo acusar aos roxos. Outro dos presentes, por mandato do seu irmán, o Xuíz de paz nomeado polos falanxistas, suicidouse tomando estramonio.


Leccións dunha vida
Leiro naceu en 1925, en Vilasobroso, é o fillo máis vello de Alfredo López Carballo. O seu pai, ferreiro de profesión, naceu no ano 1899, en Paradela, Vilasobroso. Con doce anos emigrou a Montevideo. Ía canda seu irmán Guillermo quen meteu na maleta do neno Alfredo unha pistola, para así poder pasala no barco.
Alfredo López Carballo deixou un caderno escrito, leva por título Lecciones de una vida. O relato é de carácter biográfico, iníciase en 1912, coa viaxe a Montevideo, e vai relatando os seus acontecementos vitais. Estas memorias rematan no mesmo inicio da guerra:
“o 17 [de xullo] os insurrectos colleron o meu cuñado a culatazos e sacárono do portal do meu taller. Obrigárono a penetrar nun coche de corta aires, color gris, e levárono até o cruce dos camiños de Meirol, fronte ao letreiro Pirelli, por riba da casa da Corredoira. Alí sacárono do coche a culatazos até o alto do monte onde o martirizaron cos fusís, producíndolle cortes no corpo. Cando estaba agonizando pegáronlle sete tiros, na cabeza, no peito, nun brazo, no rostro. Despois de morto arrastrárono polos toxos ...”. O morto é Severo Paramés, tío de Leiro. Alfredo López cualifícao de: “persoa honrada e humilde e culta, non se metía con ninguén.” E engade “Pobre humanitario!, onde fuches perecer derrubado!”. Severo era alcumado o protestante, e como se o fose enterrárono na parte do cemiterio destinada a estas persoas. O alcume víñalle polas súas prácticas laicistas, non acudía a misa e non bautizara o seu fillo. Antes de morrer, Severo berraba que era un home de boa conduta, que lle pedisen informes ao profesor, non lle valeu de nada.
Por que escribiu Alfredo o Ferreiro estas páxinas? Se lemos as derradeiras palabras poderemos sospeitar a razón: “Eu tiven que fuxir, refuxiándome no tercio de estranxeiros.” Alfredo López escribe as súas memorias con fidelidade á autobiografía, e sen temor recolle a descrición do asasinato de Severo Paramés, só ao rematar falsea a realidade, di que fuxiu ao tercio de estranxeiros. Pensamos que estas páxinas deberon ser escritas durante o tempo en que Alfredo López Carballo permanece agochado, deixándoas despois ao alcance de quen realizase un rexistro no seu domicilio, coa intención de dar a entender que non está en Vilasobroso, algo que tentou por este e por outros medios.
A outra incógnita é por que sitúa o asasinato do seu cuñado Severo na data do 17, un día antes do alzamento. É certo que xa con data do 16 comezan percibirse movemento estraños, así o recolle Xoán Noia en Fuxidos, memorias de un republicano gallego perseguido por el franquismo (editado en Caracas en 1976). Sinala que o 16 pousa na Canosa (O Rosal) unha avioneta que transporta dous homes que puideron pasar a Portugal. O piloto non soubo dicir quen eran, nin cara a onde se dirixiran. Esta falta de información fixo que medrasen as sospeitas, pensando mesmo que un dos pasaxeiros puidese ser o propio xeneral Sanjurjo.
Os que coñeceron a Alfredo López Carballo non dubidan en pensar que o Ferreiro recorrese a situar o asasinato antes da súa data real para que, trunfase ou non o alzamento insurrecto, os autores fosen considerados sen dúbida ningunha asasinos, é dicir, sitúa a morte de Paramés antes da sublevación para que non sexa considerada un feito produto do enfrontamento civil, e non ofereza dúbidas para ser cualificado de homicidio con premeditación. Porén, segundo nos manifesta Leiro, Severo debeu ser asasinado en setembro e, despois de morto, levárono arrastro un quilómetro por un baldío de Mouriscados.

Fuxido
O asasinato de Severo faille temer o peor a Alfredo López, quen xa viña sendo ameazado por determinadas persoas desde o 7 de xullo. A Alfredo, dos poucos veciños que sabían conducir, pedíronlle que levara o coche de Benito Fdez Candeira de Ponteareas a Mondariz, foi o alcalde quen llo ordenou, mais logo acusaríano de roubar o vehículo e ameazaríano de morte. Deste xeito, vese obrigado a agocharse nunha casa próxima á da súa nai, Generosa Carballo.
Unha noite, Alfredo sente que súa nai lle fala, aparéceselle en soños, dille que marche, que procure outro agocho, que ela vai morrer e vai ir á súa casa moita xente, que poden descubrilo. Alfredo, ferreiro de profesión, home culto que le revistas políticas e é quen de fabricar unha radio, obedece á aparición. Lisca inmediatamente, agóchase na casa do Eido Vello. Ese mesmo día morre a súa nai.
López Carballo pasa meses agochado, mentres está así procúrase unha coartada, quere confundir aos seus perseguidores e preocúpase de construír pistas falsas. Xa falamos dunhas memorias cun final creado para a ocasión, a súa fuxida para o tercio de estranxeiros. Para maior credibilidade, e coa súa habelencia habitual, Alfredo fabrica coas baleas dun paraugas un selo coa insignia da Lexión, escribíndose a si mesmo cartas que veñen con ese cuño, simulando que proceden de Talavera de la Reina, cartas que deixa tiradas no camiño, como extraviadas. Mais López Carballo si tentou anotarse para a lexión, despois do bando do Gobernado Civil de Pontevedra en que se anunciaba que non se tomarían represalias contra os que non tivesen delitos de sangue, Alfredo López Carballo foi a Pontevedra para anotarse á lexión, mais non o fixo, quizais porque lle tocaba ir á fronte. Outros anotáronse na lexión e na División Azul como única vía para que se ignorasen os seus antecedentes e cambiar a súa reputación ante o Réxime.
Mais, que razóns políticas podía haber na persecución de Alfredo López Carballo? Alfredo simpatizaba coas ideas de esquerdas, a súa familia non sabe dicir se militaba nalgunha organización, mais si que acudía aos mitins de Azaña, quizais aos mitins en prol do Estatuto de Galiza. Na súa casa había exemplares das revistas de UGT, ou o libro da IIª Internacional Socialista. Tamén había exemplares da revista Mundo Obrero, exemplares aos que se lles arrincara a portada, coa intención de que non fosen recoñecidos.
Mais a imposición teimuda do silencio impediu que Alfredo López falase co seu neto (a terceira xeración de Alfredo López) algunha vez da realidade, e só se transmitiu o silencio, uns papeis deteriorados e un caderno, que se salvaron da destrución medoña e hoxe nos permiten reconstruír a memoria dun neno de once anos e coñecer o nome dos perseguidores.

A detención.
Leiro si lembra con nitidez como falaba con seu pai, ou como o detiveron.
Lembra que ía cada día darlle de comer á vaca ao alpendre e que falando coa vaca daba conta de canta novidade de interese se producira na parroquia, falaba de como estaba a súa nai e a súa irmá, contaba todo o que lle puidese interesar a seu pai, que el sabía agochado entre a palla, nun recanto minúsculo en que só cabía un home.
Alfredo López Carballo pasa meses agochado, en momentos de moita confianza vístese de muller e sae facer pequenos traballos. Mais un día a Garda civil irrompe na casa, onde tamén tiña un agocho, prende á familia, collen a Leiro, que regresaba coas cabras, e póñenlle a pistola na cabeza. A Garda civil berra ben alto que se entregue o agochado ou alí mesmo lle matan a familia, un dos que está presente na detención é Manuel de Santos, secretario do Concello. Alfredo López entrégase, mais Leiro, o seu fillo Alfredo López Soto, non se libra da labazada, unha labazada que aínda sente hoxe.
A. López Carballo está preso na cadea de Pontevedra. En novembro do 38 está no cárcere, pasa alí seis meses. Os que o acusaran retiran a denuncia e o cura procúralle un bo trato, polas súas boas accións en prol da parroquia, o mesmo cura que mandou matar o seu cuñado Severo e a outro home chamado o Caseiro, que apareceu morto no alto de Confurco.

As cartas de América.

A tristura daquel tempo pode verse perfectamente nas cartas da familia que chegan de Montevideo, cartas que na súa brevidade e desde a distancia, tendo que tratar temas tan delicados como as débedas da familia, deixan constancia da preocupación e do temor. Así podemos velo nunha carta de Irene, cuñada de Alfredo López, dirixida a Rudesinda López, irmá de Alfredo. A carta dá conta do mal estado de saúde de Guillermo López Carballo, aquel irmán co que Alfredo López viaxara a Uruguai. A carta data do 23 de xullo de 1939, Alfredo López xa estaba en liberdade, mais a nova non chegara alén mar:

“Despois dun par de meses de silencio volvo outra vez escribir para saber que lles pasa que non escriben nin ti, nin Rosa e Alfredo (López Carballo). Eu non sei se hai algunha novidade, quero que me digan algo de Alfredo, se aínda está detido no cárcere ou se, en nome do Todo Poderoso, déronlle liberdade.
Pois direilles, querida miña, con estes desgustos enfermaron a Guillermo [outro irmán de Alfredo e Rudesinda] e estivo como dous meses en mans de médico e día por medio unha inxección. Os desgustos de España en guerra e perder tantos de familia fixérono sufrir moito e lle atacou a diabetes, caíronlle os dentes polo sangue azucrado. Xa ven que desgracia, agora parece que segue mellor, mais quere saber de Alfredo, como de todos … Di Jesús Vázquez que quere saber do fillo, que é da súa vida, se está vivo ou morto.
Trata querida irmá de escribir pronto …”

Anterior Volver á galeríaSeguinte

Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática