acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Tres de tres. E máis
Nos anos 90 saudáronnos como as que estabamos a renovar a poesía galega. Despois de tanto afago, todo soaba xa a chegada á meta, a convite á relaxación e abandono da rebeldía. Entre liñas a mensaxe dicía que o traballo estaba feito, que podíamos acougar.

Mentres, a crítica sisuda analizaba a obra das mulleres sen poñelas ao pé da escrita polos seus contemporáneos masculinos. Algunha atrevémonos a falar dun novo gueto: o da poesía das mulleres, que de súpeto semellabamos estar exclusivamente afanadas nun mundo literario de noso construído para a revisión dos mitos e as personaxes, sen que iso transcendese máis alá do sexo de quen escribía. Algúns homes aínda opinan que, cando escribimos, escribimos só para nós mesmas.

Daquela, houbo atrevementos contundentemente contestados, como o de propor eu mesma, a finais do século XX, que a Asociación de Escritores en Lingua Galega nomease tamén ás escritoras. Fanada aquela tentativa, debimos agardar máis de once anos para que, agora si, a AELG sexa a Asociación de Escritoras e Escritores, a proposta dunha recoñecida colega.

Sempre dixen que non nos podían enganar as aparencias e que o camiño aínda estaba por andar. Que malia as afirmacións que se podían ler e escoitar as mulleres seguiamos sen ter a visibilidade que á nosa obra lle correspondía e permanecía por baixo do teito de cristal que nos impede chegar ao lugares de decisión.

Cando estamos soas, comentamos ás veces os atrancos cos que nos encontramos, mesmo a batería de anécdotas marcadamente incorrectas que nos rodean e que prenden a nosa furia. Mais, por puro instinto de supervivencia, sabedoras de que a nosa imaxe segue sendo determinante, medimos a incisividade das nosas críticas a un sistema que nos segue negando.

Medimos a incisividade, non renunciamos á reivindicación.

Por iso, xa que o tema está en boca de todas, e tamén de todos, por certo aquí e alá (noutras academias e noutras literaturas, que a invisibilidade da muller e o seu teito de cristal non coñece cualificativos que a limiten), eu digo, tres de tres e as que han de vir.

Si. Se son tres as cadeiras a ocupar na Academia galega, sexan as tres ocupadas por mulleres. Nin de lonxe o resultado, é dicir, o número de mulleres que podería haber na Academia representaría aínda a proporción das escritoras ou investigadoras que hai no noso país. Mesmo ocupando as tres cadeiras vacantes, seguiremos en notoria desvantaxe e infrarrepresentadas.

A todas, incluso a todos, véñennos á cabeza nomes de escritoras e estudosas que deron xa sobradas mostras de reunir os requisitos para pertencer á Academia. Así que, despois de reclamar que as tres cadeiras sexan ocupadas por tres mulleres, pido que as propostas sexan xenerosas e que se teña en conta a todas as mulleres que na nosa lingua teñen un papel determinante. Que non haxa matices que neguen a presenza plural do que realmente somos. Que as mulleres que se integren na Academia, no camiño de acadar a visibilidade en espazos que aínda se nos vedan, teña a gama de cores que a nosa produtividade ten, recollendo nesa proposta as voces máis destacadas, comprometidas e contundentes que hoxe temos no noso país.

8 de marzo de 2011.


Este é artigo publicouse en A Nosa Terra.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 11-03-2011 17:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática