acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Obediencia de Antón Lopo
Gustoume Obediencia. Gocei da súa lectura e pasei ratos divertidos, ao tempo que conectei de novo coa reflexión crítica que tantas obras de ciencia fición que se asoman ao futuro teñen feito do que está por vir: o control da humanidade.

Se tivese que usar dous cualificativos para resumir o que me pareceu esta novela diría: divertida e retorcida. E se retorcida acáelle ben para definir que nada é o que parece e que as peores previsións sobre a capacidade de conspiración do sistema poden cumprirse, divertida quizais soamente faga referencia á miña recepción particular. Mais como non divertirse, ou regoderase, lendo cousas como:

“... vense os tellados ondulados do Gaiás. A construción do complexo, que hipotecara o país antes da Independencia, cambiara sucesivamente de funcións: de espazo cultural a museo e de museo a parque de atraccións, de parque de atraccións a sede do goberno da República. Nunca souberon moi ben que facer co oneroso proxecto, custosísimo de manter.”

“O castelán perdérase como lingua de uso no Estado había un século. Nos derradeiros anos da monarquía, o nacionalismo centralista tratara de frear os idioma cooficiais cunha lexislación restritiva que introducía o inglés de lingua vehicular no ensino. O efecto foi o contrario do que se buscaba: a comodidade do novo idioma e o peso engaiolante da cultura anglosaxoa gañaron terreo rapidamente e acortellaron o castelán en primitivas aldeas da montaña cántabra.”

Ante fragmentos coma este último sobre o noso idioma o que desexo é que Antón Lopo, como Verne, Huxley ou Orwell, sexa ese visionario que se adianta ao seu tempo.

Por favor!! Con esa República galega que ten como símbolos a “serea e o fouciño”.

Mais non no que se refere a outros feitos narrados, que non contarei, porque tedes que ler a novela.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 18-02-2011 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática