acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Anxos de ferro
Gústanme as historias, en palabras ou en imaxes, tanto que podo pasar horas lendo ou vendo, e iso fixen onte desde as catro da tarde ás dúas e media da mañá: unha cura de cine.

Primeiro foi Anxos de ferro, filme que desde hoxe penso recomendar para coloquios do 8 de marzo, actividades escolares sobre a loita das mulleres... para ver unha tarde de domingo chuvioso mentres repoñemos as forzas perdidas... Na foto vemos a catro das protagonistas.

Mais Anxos de ferro non é unha película para desconectar, ao contrario. Malia que como recolle algunha crítica non é todo o dura que debera cos homes aos que se enfrontaron aquelas mulleres, o filme conecta coa nosa amargura e coa nosa carraxe, porque entendemos perfectamente a dureza da loita, ese estar contra todo armadas da razón, a derrota que nos asedia, a obriga que nos impoñemos e ao final a luz, sempre, despois de longas xornadas de escuridade. Porque toda loita e todo compromiso conduce ao avance.

A protagonista é Alice Paul, unha sufraxista descoñecida para min até onte. No filme é retratada como unha muller decidida, intelixente, que sacrifica a súa vida persoal pola causa que asume.

Dúas escenas: unha, o momento no que abandona, despois da morte dunha compañeira, esgotada e enferma durante unha campaña, e se refuxia na casa da nai quen, ao vela sen ánimos dille que non se pode deixar o rego que se comezou arar. Outra, cando someten a votación o dereito ao voto das mulleres no Congreso dos EEUU e un congresista que se aliñaba cos antisufraxistas recibe un telegrama da súa nai e nese momento cambia o seu voto que pasa a ser determinante para a loita destas mulleres que case deixan a vida.

En definitiva, filme para ver.

Á noite, fun ver Máis alá da vida. Tiña que ver a última de Eastwood, por suposto. A sensación foi agridoce. Realmente preguntábame por que este filme non contaba co rebumbio previo que ten acompañado outros do director. Gustei das historias, saltei na butaca cos impactos violentos que conducen á morte, mais ese mirar do outro lado da vida para reflexionar que hai máis alá deixoume confusa. O certo é que lle dei voltas e máis voltas ás tres historias, porque nada queda claro, a conclusión parecía ser que, como na vida real ante o trauma da morte dun ser querido, cada un de nós pode achar no filme unha explicación diferente, as máis ilusorias, as máis científicas... Así que me pregunto por que este filme, cal é o obxectivo do seu director, de quen considero que non conta historias por contar.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-02-2011 11:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 A vida despois da morte vívese no interior de cada un aínda en vida, logo pasa ao interior dos demais.

#blgtk08# Iso é o que quixo dicir Eastwood?.

A confluencia das tres historias, en todo caso, é moi bo recurso.
Comentario por Hermaco (18-02-2011 10:24)
2 Pois se cadra era iso, unha forma de dicirnos que somos nós os que pensa#blgtk08#mos que existe algo onde só hai baldeiro, por mor do medo, coma sempre.
Comentario por Acuática (18-02-2011 17:25)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática