acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Beloved
Tiven a sensación de estar a debandar unha madeixa. Unha grande madeixa pola que ía tirando aos poucos, mais da que aínda quedaba moito que desenfiar. E así, dando voltas ao redor da memoria, da dor do pasado, a súa inexplicábel presenza no presente fun sabendo, ou mellor, comprendendo como se tocan amor e morte, até que punto.

A crueldade inexplicábel da nai que quere matar os seus fillos para salvalos. Unha historia terríbel que se constrúe para darnos a dimensión da traxedia vivida na carne propia.

Libertar-se era uma coisa; reclamar a propriedade do próprio corpo era algo bem diferente.

Beloved, de Toni Morrison, é unha denuncia da escravitude e da marxinalidade á que a sociedade americana someteu os seus membros non caucásicos. Unha denuncia que nos vai impregnando mentres nos entrega, aos poucos, un pouco máis de fío para chegar á cerna do sufrimento, ao mesmo centro da barbarie hai tan só un pouco máis dun século.

Ele sabia exactamente o que ela queria dizer: chegar a um lugar onde se podia amar tudo aquilo que se escolhesse – sem presisar da autorizaçao para o desejo -, ora bem, isso era liberdade.” Dificil de entender? Non cando aprendes que unha muller negra non podía amar os seus fillos, non porque era empregada como animal reprodutor que pare futuros escravos que antes logo serán vendidos, fillos dos que tan só sabe o nome, dos que non terá nunca unha lembranza.

Unha historia intensa, na súa estrutura de nobelo que se vai desenfiando, mais que mantén o ritmo de tres partes perfectamente deseñadas que sempre comezan do mesmo xeito: “O 124 era rancoroso..., O 124 era ruidoso ..., O 124 estava silencioso...” anunciando nese primeiro atributo o resumo das páxinas que seguen. E a linguaxe poética que o envolve todo, construíndo finalmente unha fermosa narración.

É para ler. Non para vos descubrir aquí como é esa historia que nos conta, cómpre iniciar a lectura coa venda nos ollos, retirala e ir debandando a madeixa, aos poucos, comprendendo...

Non sei expresar mellor o moito que me impresionou.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 07-02-2011 20:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática