|
|
|
|
Queixa ao Valedor do Pobo polo comportamento da súa oficina |
|
No final do trimestre, o alumnado dun instituto do Val Miñor visitou a Oficina do Valedor do Pobo. Na súa visita foron atendidos por un dos vicevaledores. Esta persoa atendeu os menores en español. Ao finalizar a súa intervención convidou o alumnado a preguntar. Entón, un dos asistentes quixo saber por que o Vicevaledor non empregara con eles a lingua propia de Galicia, xa que, como vicevaledor do pobo, está entre as súas funcións a de procurar o respecto dos dereitos lingüísticos das galegos e dos galegos e que todas e todos os alí presentes entendían a nosa lingua. O Vicevaledor respondeu, sempre en español, apelando á súa liberdade como individuo, deixando de lado a súa responsabilidade institucional, incidindo en que estaba alí como cidadán e non como vicevaledor.
Ao chegar a casa, o rapaz díxonos que tiña que contarnos algo que pasara na visita ao Valedor, sentamos na cociña e relatounos o que acabo de recoller máis arriba (el coas súas palabras, eu coas miñas). Os pais quedamos abraiados, abraiados pola actitude dun representante público ante un grupo de escolares e abraiados da reacción do fillo que non calou e dixo exactamente o que pensaba.
Entón, decidimos que debiamos presentarlle unha queixa ao Valedor do Pobo, e iso fixen, relatando o acontecido e reclamando unha intervención ante este alumnado que repare a deficiente imaxe transmitida e que lles aclare que si, que a lingua oficial das institucións é o galego, que o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias defenden o promoven o seu uso e que eles teñen o dereito de usar a súa lingua ante as institucións e estas o deber de lles responder no noso idioma se eles e elas o reclamaren.
Xa sei que son parte afectada, mais pareceume inaudito o acontecido. Agora está presentada unha reclamación e a pregunta é:
Contestará?
E se contesta, que contestará?
Será inmediata a súa intervención como o foi na dirección contraria?
O tempo dirá, aínda que xa abondo dixo.
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|