acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

A diglosia aos 88
Cando cheguei estaba diante do espello falando consigo mesma. Non se recoñece, pensa que fala con outra persoa, se cadra con outra muller que lle dá confianza, coa que se sente segura.

Logo vén para a cociña e senta con nós, catro mulleres á vista da Ría.

Parece que segue a nosa conversa, asinte, sorrí e mesmo me dá a razón a min, tal vez a cara máis estraña para ela, aínda que tampouco saiba que as outras dúas son as súas fillas, miña nai e miña tía.

Hai algo que nos sorprende a todas. A avoa, neste momento de escuridade mental, fala castelán. Énos incomprensíbel porque nunca imaxinaríamos á avoa Saladina empregando esa lingua. As súas fillas, ambas as dúas castelán falantes, non recoñecen este uso lingüístico da súa nai, por máis que, noutros momentos da súa vida, sendo eu pequena, usase o español para se dirixir ás súas netas. Mais cando pensamos na miña avoa, pensamos nunha muller galegofalante.

Por que entón agora que as súas neuronas morreron despois de varios pequenos accidentes vasculares, cando o seu cerebro funciona deficientemente, emprega esta lingua? A única explicación que se me ocorreu é que obedeza á interiorización dun uso diglósico na súa mocidade, a que do fondo das tebras e sen saber por que sáelle este uso do español con persoas descoñecidas, un español que non usa ante o espello, cando fala con esa muller de 88 anos que, coma ela, traballou arreo e agora non recoñece o mundo en que vive.

Eis a nosa realidade: a diglosia, tan pouco nomeada nos últimos tempos (esquecida?) e tan interiorizada nos nosos cerebros.
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 29-12-2010 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática