acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Ginko, a primeira doutora xaponesa
Dos Reis do Nadal pasado lin estes días Ginko. A primeira doutora, unha biografía de Ginko Ogino escrita polo tamén médico Jun’Ichi Watanabe. Polo que recolle a lapela da edición de Seix Barral o autor naceu na illa de Hokkaido, onde Ginko Ogino rematou os seus días. O autor realizou a viaxe inversa á protagonista do seu libro, mentres ela abandonou Tokio, seguindo ao seu home a Hokkaido e puxo unha clínica en Setana. Watanabe, pola súa parte, abandonou o seu Hokkaido natal e a medicina para se instalar en Tokio e dedicarse á escrita.

O libro é a biografía da primeira muller que obtivo o título de medicina en Xapón e relata con detalle os padecementos e as diferentes confrontacións que tivo que superar até se titular. A protagonista xa demostra a súa singularidade desde o primeiro momento cando abandona o fogar conxugal con 19 anos (fora casada con 16), enferma de gonorrea despois de ser contaxiada polo seu home tempo atrás. Esa é a primeira decisión controvertida que toma naquel Xapón de 1870, logo divorciaríase. Debido á gravidade da súa enfermidade foi internada nun hospital de Tokio, onde tras sentirse agredida pola revisión xinecolóxica á que tivo que ser sometida, decidiu estudar medicina para que ningunha outra muller tivese que pasar o mal trago de ser atendida por homes.

A biografía nárranos as moitas dificultades que tivo que superar en cada momento: coa familia, nos estudos, para poder presentarse ao exame de licenciatura... Ela era unha muller estudosa que sobresaía polas súas capacidades e malia iso a cerrazón dunha sociedade que lle negaba a muller calquera dereito, demorou e dificultou o seu obxectivo. Co tempo demostrou a súa capacidade e foi recoñecida. No libro recóllese un fragmento dun texto publicado nunha revista da época:

“As mulleres non só estamos capacitadas para a medicina, senón que ademais nacimos para exercela. Os homes xaponeses deberían avergonzarse da prepotencia coa que examinan a saúde das súas pacientes. Están máis capacitados para o campo de batalla.”

Realmente un comentario moi adiantado para o seu tempo.

Mais, por outro lado, todo isto coincide na segunda metade do XIX xaponés, un tempo de cambios sociais e relixiosos importantes. Naquelas datas os evanxelizadores cristiáns son transmisores da cultura occidental. Ginko Ogino é unha das persoas que se converte ao cristianismo. É curioso ler como esa conversión é adoptada como unha maneira de se opor á ultratradicional sociedade xaponesa e vehiculizar cambios necesarios. Así en 1886 participa na creación da Unión Cristiá Feminina da Templanza, seguidora da creada en 1872 en EEUU á que o autor atribúe unha “importante influencia no movemento feminista xaponés”.

O certo é que me produciu algún desconcerto esta faceta de Ginko Ogino, mais procurei a obxectividade contextualizando os feitos narrados na sociedade xaponesa do XIX.

No capítulo 15, no que se narra o momento en que Ogino coñece ao seu futuro marido Shikata, lemos esta conversación entre a doutora e un estudante, cristián utópico, trece anos máis novo, unha conversa que é realmente un cortexo, mais un cortexo moi especial en que Shikata di cousas como:

“As mulleres teñen un ilustre papel que os homes xamais poderán desenvolver (a continuidade da especie). O feito de que esta sexa unha idea na que os homes se basean para ignorar os dereitos das mulleres e reservarse os postos máis elevados só para eles demostra o inmatura que é a nosa sociedade... As mulleres deben ter unha profesión se queren ser independentes e pensar por si mesmas. Hai montes de profesións que serían mellor desenvolvidas por mulleres que por homes...”
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 23-12-2010 13:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática