acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Compromiso
Porque a miña lingua foi determinante na miña construción persoal, a mellor crónica destes días é este artigo que enviei a A Nosa Terra:

Cando comecei a pensar nesta páxina en branco, decidín que desta volta falaría do compromiso, polo significado que estes días ten a palabra para min, convertida en lema de campaña electoral

Entón sucedeu. Un acto de valentía converteuse na mellor definición desta palabra, tan esquecida hoxe en día. O mércores, día 17, Agustín Fernández Paz demostrábanos que é mestre en todas as acepcións do termo, porque efectivamente foi docente, porque é unha referencia obrigada na literatura de noso e porque soubo comportarse co compromiso que a nosa actualidade histórica require. Rexeitar o premio da Cultura Galega, instituído por un goberno que non merece chamarse galego (tal e como Taibo dixo), foi un acto de coherencia que nos dá a medida de cal é a profundidade do compromiso do escritor coa súa lingua, coa súa cultura e co seu país. Foi un acto que nos reconciliou con nós mesmos e nos lembrou por que admiramos tanto a Agustín.

Mais, como dicía, eu tiña determinado xa falar do compromiso, exactamente tamén do compromiso coa nosa lingua e co noso país, dun compromiso que se fai efectivo no traballo diario e que desta volta converteuse tamén no lema co que a CIG-Ensino se presenta ás eleccións sindicais do 2 de decembro, unhas eleccións que sobardan o ámbito educativo, para se converter nunha mensaxe directa contra unha Consellaría de Educación que se empeña en atacar constantemente o noso máis querido sinal de identidade, o noso idioma.

Foi ese compromiso con nós mesmos, coa nosa identidade, coa nosa lingua o que me levou a integrarme no sindicalismo nacionalista no seu día, van alá mais de 20 anos, e tamén por iso deixei as aulas polas asembleas e deixei de explicar Literatura para debater coa Administración, precisamente reclamando a restitución da materia de Literatura Galega do século XX (entre outras moitos temas, por suposto), que pretenderan eliminar do currículo de Bacharelato no seu día, levándose por diante á Xeración Nós, a Castelao, o Manifesto Máis Alá, a poesía socialrealista ou o propio Agustín Fernández Paz.

Como escritora, como galega e, naturalmente, tamén como docente, atopei o meu lugar neste proxecto exclusivamente galego e inserido nunha confederación intersindical que suma as reivindicacións de toda a clase traballadora e que ten vocación transformadora; un proxecto que pula pola galeguización do ensino, unha galeguización que pasa por un ensino impartido no noso idioma. Hoxe tócame representar á CIG-Ensino como candidata por Pontevedra e seguir traballando arreo para avanzarmos. E teño o firme convencemento de que os resultados que a CIG-Ensino acade o día 2 de decembro serán o termómetro que mida a reprobación dunha Consellaría que “desgoberna” de costas á nosa realidade.


Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 28-11-2010 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática