|
|
|
|
Imaxes para a memoria |
|
Hai 7 anos o IEM editaba o primeiro libro de imaxes acompañadas dun pequeno texto, unha compilación de imaxes antigas do Val Miñor. O libro titulouse: Imaxes para a memoria e tivo un éxito notábel, especialmente porque atrás del viñeron outros: de Gondomar, de Couso.
Convidáronme a colaborar, o que fixen gustosamente, claro. E así foi como me correspondeu acompañar unha imaxe das festas de Fátima, que se celebran no mes de maio na parroquia de Peitieiros. Todos posan para o fotógrafo, cos pendóns da procesión, por diante do arco que levantaban para estas festas. Era como o arco de Tabagón, e igual que se facía este diante da igrexa, colocábanse outros máis pequenos nas portas das casas. No centro da imaxe as nenas que ese día facían a comuñón, cos pais que tiraban do carro dos anxos, as nenas e os nenos que farían a comuñón en anos seguintes e que asistían a esta festa cos seus traxes de anxo, con ás incluídas. A foto saíu dunha casa de Peitieiros, mais lamentabelmente non podo citar de que familia é porque o descoñezo.
Hoxe todo segue igual, asegúrovolo, soamente falta o arco de madeira e buxo, mais os nenos de comuñón e os anxos seguen saíndo no mesmo carro, coa imaxe da virxe detrás, pisando as alfombras de flores confeccionadas a noite anterior.
Velaquí o texto que se publicou no libro: Imaxes para a memoria, 2003, IEM:
Aquí está maio como porta da vida, recendendo a xesta e a fiúncho. De novo Perséfone regresa dos infernos cunha estrela na fronte, a estrela da porta de maio, fermosa na súa imperfección.
A memoria do meu corpo sabe das raizames desta porta de maio, da admiración e a sorpresa ante a nai Terra, do culto á natureza, tan noso, discípulas de Prisciliano.
Seguiremos recollendo xestas e fiúncho, alegrándonos na laboriosidade da enramada. Agora, confían ás flores e ás súas pólas a salvación da alma, deste espírito que se mantén en pé ao longo dos anos, sepultando no esquezo a razón verdadeira.
Maio chega para darnos vida, para darnos alento mentres medran os días e nós deixamos que nos abale dondamente, deixamos que nos posúa na súa tolemia de flores e cor, perdémonos nos camiños e reaparecemos no adro, coas mans escuras e espiñadas, e unha estrela nos ollos.
Bailemos amigas, que as noites xa non son frías e hai unha porta aberta á vida, unha porta aberta no mesmo corazón, unha porta esmeralda para o tempo da fertilidade.
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|