acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

illados?
O mes pasado lía Porca Terra de John Berger. Gostei especialmente dos primeiros capítulos, sobre todo “A gran brancura” e “O vento tamén ouvea”. Mais a parte máis extensa do libro son os capítulos dedicados a Lucie Cabrol, que foron os que menos me interesaron.

O certo é que mentres lía aqueles primeiros capítulos, pensei que no futuro farei algunha actividade co meu alumnado e este libro, mais que nada por sorprendelos dicíndolle que non len un relato sobre unha aldea galega, senón sobre os labregos da Alta Savoia, nos Alpes franceses, a varios miles de quilómetros de distancia, nun intento de lles trasladar que ese mundo que ás veces é identificado como residual e atrasado non o é, que é simplemente a sociedade labrega, existente en moitos outros pobos do mundo.

Lembreino hoxe porque lin unha reportaxe publicada en El País, como algunhas outras que estes días vexo nalgúns medios, imaxes e información de hai corenta anos que nos meten nesa burbulla de analfabetismo e atraso coa que ás veces nos pretenden identificar.

Di o artigo que, no 68, nos Ancares, os nenos de sete anos ían vivir ás brañas eles sós durante tres meses, mentres pastaban as vacas. Xustamente iso relátase en Porca Terra, aínda que neste caso eran as mozas as que subían aos pasteiros de verán, permitindo encontros clandestinos cos mozos da parroquia.

Nin sequera tiven que documentarme, a propia literatura dáme unha larga visión do mundo que me permite desterrar prexuízos absurdos.

A incomunicación, a falta de servizos e o descoñecemento doutras realidades xeográficas aínda é o pan de cada día en moitos lugares do mundo, ou de Galiza.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 12-10-2010 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática