acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Os morcegos de Mafra
arquivo Marta DacostaInmensa. Así é a biblioteca do convento de Mafra. A mastodóntica afirmación imperial de João V nas terras do norte de Lisboa. O seu xeito de facer ostentación pétrea do seu poder, a custe do ouro do Brasil, ou o que é o mesmo, a custe do sangue brasileiro.

A biblioteca dependía dos franciscanos, que habitaban o convento, até que o Marqués do Pombal decidiu instalar alí os agostiños buscando unha saída ao elevado custe de mantemento dos franciscanos. Foron os agostiños os que edificaron a biblioteca tal e como hoxe a coñecemos. Anos máis tarde a biblioteca volveu ás mans dos franciscanos que son os responsábeis da súa organización, que aínda perdura hoxe.

Non hai nada casual. A biblioteca ocupa esa parte do edificio por ser onde se daban as mellores condicións climáticas. O fondo dos andeis non toca coa parede para impedir que a humidade chegue aos libros que, por súa vez, tampouco tocan o fondo.

A biblioteca garda incunábeis como a Opera Omnia de Homero, ou a 1º edición da Enciclopedia de Diderot e D’Alambert.

Mais o que máis me sorpredeu foi saber que hoxe os expertos na súa conservación son os morcegos. Dentro da biblioteca viven os pipistrellus e rhinolophus que se encargan expresamente de devorar todos os insectos que pretenden atacar os libros, manxares de fariña e sementes cos que un día foi feito o papel e a cola que o engoumou. Así libros e morcegos habitan aquel enorme espazo, beneficiándose mutuamente.

Poderán os morcegos, cos seus radares diminutos, adiviñar que alí, no segundo andar, xusto onde pon “Miscelânea vária”, agardan, perfectamente ordenados, os libros prohibidos outrora?
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-08-2010 12:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática