acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Cuspirei sobre as vosas tumbas
Estas noites de calor leo a Boris Vian, Cuspirei sobre as vosas tumbas. Tirei del despois de meses de agardar cuberto de po. Así sen máis. E ao pouco de o comezar ler sentíame, aínda máis, na calor da noite, a noite de Mississipi.

É crúa, segue sendo crúa, a violencia descarnada narrada en primeira persoa non nos pode deixar indiferentes. Para algúns aínda será reprobábel, tanto como o foi naquel final da década dos 40 do século pasado… No concurso de hipócritas a Boris Vian tocoulle ser a cabeza de turco que había que cortar por atreverse a dicir determinadas cousas, dese xeito tan violentamente directo. Hèlas!

A novela é áxil. Les sen te decatar, impactada e concentrada na trama, esteas onde esteas, sen poder deixar o libro até chegar ao terrible final. Eu leo a tradución para o galego de David Gippini, editada pola Factoría K.
Busquei información sobre a novela, e sobre o autor. Descubro que: “Pouco despois da súa aparición foi considerada como pornográfica e inmoral, o libro foi prohibido en 1949 e o seu autor condenado por ultraxe aos bos costumes… Existe unha versión edulcorada”. Iso non pode ser, unha versión edulcorada? Como se pode facer unha versión edulcorada dunha novela coma esta? Entón xa non ten nada que ver. Xa non será a novela que o autor escribiu, non dará conta da hipócrita, aborrecida, alcolizada e enfermiza sociedade americana que retrata. Non dará conta da vinganza en toda a súa medida.



Tamén esta canción, "O desertor", tróuxolle algún problema, pois era un convite a non facer o servizo militar, xusto cando Francia andaba ocupando Alxeria, entre outras manobras.

Vian morreu con 39 anos, na sala dun cine, mentres vía de incógnito a película “J'irai cracher sur vos tombes”, filme inspirado na súa novela ao que renunciara, despois de non se entender cos responsábeis.

Pecho Cuspirei sobre as vosas tumbas e abro Escritos pornográficos, desta volta publicado en español por Rey Lear e traducido por Sofía Tros de Ilarduya. Sigo lendo a Boris Vian.
Comentarios (1) - Categoría: libros - Publicado o 30-07-2010 17:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Magnífica descuberta. Na prosa, na poesía, nos guións, n#blgtk08#as óperas,no jazz, incluso na figuración deixou pegada.
Comentario por alberte (30-08-2010 00:14)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática