acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

As letras da Galiza na Feira do libro de Barcelos
foto de Tokio
Ía o reloxo para as 22 horas e o noso Vergílio (Alberto Vieira) conduciunos á carpa habilitada para os actos centrais da Feira do Libro de Barcelos. Ante un público importante, a sala case se encheu, falamos das “Letras da Galiza”. O acto foi organizado por Víctor Pinho, o bibliotecario do Concello de Barcelos, e contou coa presenza da vereadora de cultura.

Eramos Francisco Castro, Carlos Quiroga e eu mesma, e tivemos que responder a dúas cuestións:

1. Presentación individual da nosa obra e contextualización no panorama literario galego.
2. A pegada e o peso doutras literaturas na nosa obra, e da literatura portuguesa en particular, a nosa relación con ela.

Respondimos ás preguntas de Virgílio poñendo sobre a mesa a nosa pertenza a unha xeración nacida no franquismo, que viviu a súa adolescencia durante a transición e que puido estudar a súa lingua no Ensino Secundario (os de 1966, ou sexa Francisco e eu, somos da primeira promoción que tivo esa sorte). Non é calquera dato, porque ao lado dos estertores dun tempo co que cumpría rematar, vivimos o desexo da normalidade para a nosa realidade identitaria.

No meu caso, falei de como cheguei á literatura portuguesa, primeiro seguindo a rota de Pessoa e logo a través dos estudos universitarios que me permitiron coñecer a obra de Santareno, Namora, Vergílio Ferreira... logo eu me encargaría de traer de Portugal en cada viaxe distintos títulos, entre eles de Saramago, e, nos último tempos, da miña admirada Ana Luísa Amaral, coa que me identifico dalgún xeito.

Houbo preguntas, e acabamos falando do concreto e palpábel: o presente político e cultural de Galiza. O público conectou con nós, era un público avisado, sabía das teimas dos nosos gobernantes, das nosas manifestacións en defensa do noso idioma.

E rematamos lendo algún texto propio. Sobre a mesa estaba un exemplar de Obra poética de Rosalía de Castro que pertencera a Eugénio de Andrade, quen se fixera con el en 1951. Dixo Vergílio Vieira que aínda o autor estaba comezando a construír a súa obra literaria, daquela, cabe pensar que Rosalía deixara algunha pegada na súa obra poética... e será.

Só me resta reiterar o que dixen ao tomar a palabra a primeira vez: obrigada. Obrigada por ter sido convocada, xunto con outros autores, a falar fronte por fronte co público portugués, pois cómpre que prescindamos de intermediarios, que deamos de lado o centralismo das vías de comunicación que pasan por Madrid e transitemos de norte a sur, cruzando o río que nos une, tantas veces como nos preste ou sexa necesario.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-07-2010 14:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática