acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Saramago
A mediados dos 80 descubrín a Pessoa. Lin apaixonadamente os seus poemas, coa sana inclinación pola lingua portuguesa que arraigara en min nos anos do instituto. Tal vez por iso, cando volvía de Coimbra en xullo de 88, traía na miña maleta un exemplar de “O ano da morte de Ricardo Reis” de Saramago. Foi así como comezou a miña admiración polo escritor. Cando o venres escoitaba na radio a nova da súa morte, sentín como se nós mesmos perdéramos algo, un escritor que contribuíra ao engrandecemento desta lingua nosa que florece en Portugal. E reapareceron todas as preguntas que gardei durante anos, especialmente cando a sensación é que algúns medios de comunicación nos presentan a un escritor afastado dos seus, adornándose co prestixio do pensador incómodo, nunha manobra de apropiación non confesada que fede ao imperialismo rancio que foi sementando de fortalezas as beiras do río. E outra vez vendo para o lado da casa cos lentes mesetarios que tanto nos teñen afastado dos nosos propios curmáns, aqueles que vivían nas aldeas retratadas por Bernardo Santareno e que un día emprenderon camiño do norte na procura dunha nova sorte para as súas vidas, deixando o país sementado cos seus nomes. Esa tarde Carlos Callón lembrou unha frase de Saramago: “no mundo hai dúas superpotencias: EEUU e ti”, unha frase que resume toda a confianza que o escritor depositaba no ser humano, despois de denunciar a falsidade desta democracia en que vivimos. Eu reclamo en herdanza esa afirmación e este poema: “Só direi,/ Crispadamente recolhido e mudo,/ Que quem se cala quando me calei/ Não poderá morrer sem dizer tudo.”

Artigo publicado en A Nosa Terra o 24 de xuño de 2010
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 27-06-2010 21:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática