acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Polos camiños de Cangas
Ando tan atarefada que non vou ao día. Así que aínda hoxe vou falar do venres pasado, da fantástica celebración dos 25 anos do certame María Soliño, que xuntou no IES do mesmo nome a varios membros dos xurados e os seus correspondentes premiados.

Para a ocasión as profes Sole e Chus, entendo que coa axuda doutros compañeiros e compañeiras, e coa complicidade de moitos e moitas, artellaron unha exposición en que luciamos cada un de nós debidamente fotografado ao lado do poema enviado para a ocasión. Ese mesmo poema, e os que foron premiados ao longo destes anos, constitúen o volume Polos camiños de Cangas, 25 anos do certame de poesía María Soliño.

Gustei moito do evento, de poder achegarme (case mo impide un deses “previstos” que non avisan e que sempre me rodean) e de compartir unhas horas coas profes e tamén con Xosé Manuel Millán, Carme Krugkenberg, Eduardo Estévez e Lucía Novas entre outros.

Aí estamos todos posando para a foto de La Voz de Galicia, xusto antes de nos encamiñar para o Salón de Actos en que, despois das intervencións, recitamos os nosos versos.

Mentres daban inicio ao acto viñéronme á memoria os meus anos de instituto, porque eu tamén participei nos certames do centro Santo Tomé do Freixeiro alá polos anos 1982-83 ou 1983-84, e algún premio gañei. Por iso sinalei a importancia destas actividades que nos fan dar un paso adiante e, moitas veces, axudan a continuar.

Lembraba sobre todo aquel mural que fixeramos entre Estrella, Ana e máis eu, soamente tres adolescentes que cun papel de estraza xigantesco cubrimos unha daqueles enormes paredes das escaleiras do instituto. Había un gran debuxo central, que Estrela deseñou e Ana e máis eu axudamos a colorear. E a cada lado, un longo poema que eu escribira facendo saír todo o que fervía no meu interior naquela primavera dos 16 anos. Onde iría parar ese poema?

Nun minuto, volvín ser unha adolescente solitaria e recuperei toda a insconciencia daqueles anos.

Por iso lles falei dos anos do instituto e, sobre todo, do gran labor que ven facendo todos estes anos o profesorado do centro. Non só pola iniciativa, senón porque dura tanto.

Así que, parabéns e a continuar...
Comentarios (2) - Categoría: libros - Publicado o 24-06-2010 22:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Fermosa actividade, e posiblemente máis didáctica que calquera pal#blgtk08#estra, sen desmerecer para nada o traballo diario dos/das mestres.
Comentario por Hermaco (30-06-2010 14:24)
2 Fermosa e moi esforzada, sei b#blgtk08#en que dá moitísimo traballo.
Comentario por Acuática (01-07-2010 17:22)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática