acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

A forza do meu amor
arquivo Marta DacostaHabía unha ameixeira ao pé da casa
en que eu sen saber, souben da lingua
aquela que tiñamos agachada
aínda que sempre alí, ao pé da casa.
(Setembro, 1998)

Cando era pequena pensaba que as ameixas e as "ciruelas" eran cousas distintas. O certo é que as ameixas soamente as había na miña casa, verdes por fóra e marelas por dentro, con aquela pel que cegaba os dentes e a carne brandiña e doce. Porén, as "ciruelas" adoitaban ser brancas, e soamente as vira na tenda. Pode parecer unha anécdota un pouco parva, mais a min resúltame triste e volvo a ela porque é o resumo da realidade do Vigo dos anos setenta: a cidade cada vez máis distante da súa identidade.

Nas rúas urbanas da cidade en que nacín, fun descubrindo aos poucos unha lingua agachada. Era a lingua das donas do supermercado que falaban entre si cando a clientela non estaba presente. Era a lingua das peixeiras da Ribeira. Era a lingua dos meus avós, a que usaban entre eles, a que nunca lle falaron ás súas fillas, e que só lle falaron á súa neta máis vella cando tomou a decisión máis importante da súa vida.

A lingua en que falaba a ameixeira da miña casa non estaba na escola. Apareceu timidamente no curso 80-81 nas aulas do instituto. Con grandes dificultades conseguimos ter unha profesora de galego aquel ano, pois o profe que nos correspondía, Freixanes, accidentárase e tivo que ser substituído, mais a substituta non daba chegado. Así que, mentres, Xosé Manuel Rodríguez deunos clase a dúas aulas xuntas, con aquel libro branco cun enorme título: LINGUA. Eramos moitas e moitos na aula e o profe facía o que podía, eu só lembro o moito que gozaba naquelas primeiras aulas de galego, primeiro con Xosé Manuel e logo con Loli. Máis tarde foron Anxos ou Mercedes.

O certo é que en Vigo, en varios centros educativos, por exemplo no mesmo instituto en que eu comezaba ver o mundo, había varias profesoras e profesores que daban as súas aulas en galego desde había tempo. Así que, moitas mozas e mozos estudaron as matemáticas en galego daquela, e ben que lles aproveitou.

Non podo explicar por que a nena que pensaba que as "ciruelas" e as ameixas eran cousas distintas, a que nunca falara en galego, sentía tal inclinación por esta lingua. Tampouco de onde me saía a forza para defender en solitario que as aulas no instituto debían, ou podían, ser en galego. E non cansaba porque, aínda que aquelas alumnas e alumnos de 3º de BUP do IES Santo Tomé de Freixeiro no curso 1982-83 non o entenderan, estabamos falando da nosa lingua. Da nosa propia lingua. Como moitos outros e outras fixeron tamén naquela mesma altura.

É a miña historia de amor. A que hoxe me fai erguer a voz, premer o teclado, saír da casa, pensar e pensar e pensar... porque non quero que un día as posíbeis netas que non sei se terei crean que no noso país non se dan as "ciruelas" ou non sexan quen de entender que significa que un lugar se chame Ameixeiras.

E non aceptarei que, despois de anos de ocultarme a lingua, tentando educarme nunha realidade que non era a miña, despois de anos de negarme o que son realmente, tentando que me sentise culpábel polas miñas ideas e os meus feitos, hoxe veña ninguén a dicirme que impoño nada ou que acabei con paz ningunha. Levo anos sendo responsábel, responsábel de manter viva a miña identidade e de lla transmitir aos meus. Porque esta lingua é miña, tan miña como de todos e todas as que con fachenda e amor saen cada día á rúa dándolle vida, poñéndoa no lugar que lle corresponde, levándoa do Caurel a Compostela ou de Ortegal ao Miño. Ou como no Correlingua de Santiago a Vigo, pasando por A Coruña, Ferrol, Ribadeo, Lugo, Monforte, Ourense, Verín, Tomiño, Pontevedra, Vilagarcía, a Estrada e Rianxo.

Para volver de novo o 17 a Compostela, ao Obradoiro, onde fagamos resoar de novo toda a forza do noso amor, o noso existir.

Escrito para www.gznacion.com
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 10-05-2010 16:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Dixéchelo tan ben e con tanto sentimento que me emo#blgtk08#cionei.
Grazas por escribires e ser como es.
Comentario por Eva G. Rei (13-05-2010 12:41)
2 Grazas, mais eu só contaba a miña versión do asunto, sabedora de que versións coma esta temos todos algunha e se cadra debiámolas contar, para que #blgtk08#lles quede claro que levamos anos sufrindo as súas imposicións, porque son eles os que impoñen, e que non estamos dispostos a que o sigan facendo.
Comentario por Acuática (13-05-2010 14:57)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática