acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Poesía invisíbel
Acabo de recibir Cincocentos, a publicación conmemorativa dos 500 anos de Peneiras nestes 25 anos. Coa Peneira contactei hai xa 24 anos, porque participei no entón I certame de poesía xuvenil da Peneira, sendo a gañadora daquela primeira edición de 1986. Pedíronme un artigo para este conmemorativo e eu escribín o que titulei Poesía Invisíbel, que aseguir reproduzo:

Transcorreu case unha década do novo século e a poesía segue teimando no seu esforzo construtivo. A casa da palabra medra día a día e se fortalece con versos, sen que deamos por eles. A literatura galega segue á procura da gran novela e aínda anda a recontar as mulleres que asinan, nese intento de demostración imposíbel de que non hai diferenzas reprobábeis.

E todo segue igual, porque a poesía segue loitando contra xigantes ciclópeos. Mais hoxe nin pensamos neses grandes traballos, porque un meteorito imparábel pretende reeditar a extinción no Xurásico. Que é o que ten sentido cando a lingua e nós mesmos estamos ameazados?

Na sobremesa calorosa, unha ducia de homes e mulleres comezan falar de asuntos literarios. Quéixanse dos correctores, quéixanse con razón de que se cuestionen os dereitos de autor, de que se lles negue o recoñecemento á suor coa que escribiron os seus libros. Critican que non haxa contratos de edición, ou que sexa tan difícil saber se a edición está ou non esgotada ou mesmo de cantos exemplares consta. Son narradores, narradoras, recoñecidos autores lidos e relidos nas aulas do país. Traducidos unha e outra vez despois de deixarnos abraiados coa súa aparición fulgurante.

Dúas poetas sorben café e escoitan. En todo están de acordo, mais, a certa altura, as dúas mulleres óllanse, pertencen a dúas xeracións diferentes, aínda que comparten tantas veces espazo físico, e encóllense de ombros, a realidade da poesía está a miles de anos luz, tal vez en sistema diferente.

Quen alimenta versos nada sabe de contratos, nin dereitos, sabe si da necesidade de visibilizar a poesía, sen importar o medio nin a entrega. Quen alimenta versos anda á procura dos premios literarios que publiquen a obra gañadora como último recurso para que o texto chegue ao papel dos libros que logo nunca están nos andeis ou nos escaparates das librerías. Quen alimenta versos pode gozar dunha recoñecida traxectoria e, porén, precisar do certame que escolla o seu texto e garanta así esa publicación que sempre chega tarde, e que nunca se traduce en dereitos de autor.

A poesía segue inmersa na néboa mesta da non rendibilidade económica e o pánico á incomprensión. Haberá quen diga que naturalmente ese é o lugar da poesía, o selecto lugar dos lectores escollidos e formados, a mesa sólida da librería especializada onde soamente entran os máis avisados. E sinto que son un pouco Rapunzel agardando na torre, mentres a miña cabeleira xa non consegue medrar.

Desde a torre miro a oriente e un día dou en ler afastadísimos versos, descubro que os poemas nacen das mesmas fontes de soidade e de amor, que ollan a unha mesma lúa que non sabe de distancias. Mais descubro tamén que hai mundos que veneran a poesía e memorizan os versos, que hai lugares correntes en que o poeta ilumina con palabras frecuentes un instante da vida vulgar e apresurada de calquera persoa. E envexo eses lugares, coa mesma intensidade coa que quixera ver outro editor atento disposto a publicar, sen que por baixo do manuscrito se agoche un informe contábel. Un editor que teña tras de si unha política cultural que lle permite non pensar nos pesados dividendos. A mesma intensidade coa que desexaría que fósemos máis cegos ante o texto, lanzándonos intrépidos aos doces e salgados sabores da poesía.

O descoñecemento é unha lousa de medo que acaba por matarnos, ao poema ou á lingua e ao pobo que os creou.
Comentarios (4) - Categoría: artigos - Publicado o 20-04-2010 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 Poesía e economía #blgtk08#soan antagónicos.
Comentario por Loli (22-04-2010 07:10)
2 Ou non, mais en todo caso a poesía #blgtk08#non debe estar sometida á economía.
Comentario por Acuática (22-04-2010 15:07)
3 25 anos da Peneira !.
Eu fun #blgtk08#o segundo premiado daquel concurso.
Comentario por paideleo (26-04-2010 00:35)
4 Si?, aínda debeu haber uns cantos, premiados, no#blgtk08#n?

Pois parabéns 23 anos despois.
Comentario por Acuática (26-04-2010 15:10)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática