acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Perturbada
Nun bar calquera dunha vila galega podíamos escoitar o venres á noite unha conversa entre amigos. A esas horas e despois dunha dura semana laboral poderíamos pensar que, entre cervexa e cervexa, os amigos estarían dicindo algunha parvada desestresante, entregados a unha conversa sen máis obxectivo que o de sacarlles unhas risadas. Pois non. Nun bar calquera dunha vila galega de doce mil habitantes, xusto cando se inicia o ansiado fin de semana, un grupo de amigos reflexiona sobre as declaracións dunha vizcaína que tivo a ocorrencia de utilizar o xentilicio “gallego” no seu sentido pexorativo. Non todos falan en galego na mesa do lado, mais concédenlle tempo ao tema e van na procura do xornal para documentar a conversa. Desde logo para eles non hai contexto que valla e eu, que non podo evitar observalos, non creo que sexan intolerantes nin acomplexados, e do que si estou segura é de que non son uns perturbados nacionalistas, pois nas vilas todas e todos nos coñecemos e eles perturbados non son e nacionalistas non se consideran.
O que non lembran os veciños de mesa e, porén, non debe ser esquecido, é que estas apreciacións da que alguén chamou atinadisimamente “parva no sentido literal do termo” son coherentes coas súas actuacións en contra dos galegos e galegas. Lembremos que foi das primeiras en sumarse á cativa mobilización que reclamaba a exclusión do noso idioma do ensino, que desde as Españas chegou para pórse á fronte da pancarta. Moitas palabras en sentido pexorativo poderíamos dedicarlle, sábeo ben, mais nós non somos así. Simplemente, recomendámoslle que lea “Castellanos de Castilla”, un poema que ela actualiza.

Marzo 2010.
Artigo publicado en A Nosa Terra
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 04-03-2010 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática