acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Nélida
Foto da CIGHoxe, todas nos chamamos Nélida. Todas podemos relatar que sufrimos algún día, ou moitos, a discriminación patriarcal que aínda domina esta sociedade enferma, unha discriminación da que non albiscamos o punto final. Mais hoxe Nélida represéntanos a todas, pois asumiu loitar polos seus dereitos e antepuxo as necesidades da súa cativa ao medo a perder o posto de traballo. Con seguridade, Nélida imaxinaba este traxecto, as mulleres sabemos que esixirmos os nosos dereitos pode levarnos a perder o traballo , mais sabía tamén que o que estaba a reclamar era nin máis, nin menos ca un dereito recollido na lexislación, algo que lle corresponde e que non tería nin sequera que demandar.

Unha vez máis, o papel foi papel mollado e a empresa de autobuses Hedegasa decidiu conmemorar o día da muller traballadora despedindo a esta condutora. Desde hai meses veu pretextando diferentes argumentos para impedir que Nélida exercese os seus dereito e procurar que abandonase a empresa. A pesar da lexislación vixente, houbo que recorrer aos tribunais que lle deron a razón á traballadora e lle lembraron á empresa que existían as condicións para dar cumprimento aos seus dereitos.

Deberíamos estar a falar dun situación pretérita, de algo que non acontece xa, mais non, falamos de febreiro de 2010. E así, malia ter pasado xa 43 anos, a filla de Nélida e eu mesma compartimos unha circunstancia común, a de ser empregadas como causa de despedimento das nosas nais. Mais, unha cousa é falar de que en 1966 a única empregada da limpeza dun centro de traballo de Vigo se vise obrigada a deixar o seu traballo por mor da crianza da súa filla, un traballo absolutamente precario, sen contrato, nin cotizacións á seguridade social, e outra moi diferente dicir que en 2010, e cunha lexislación que regula os dereitos ligados ao nacemento dunha filla ou fillo, unha empresa acabe por despedir a unha traballadora, facendo caso omiso da lexislación vixente e sen que a Administración para a que realiza parte dos servizos diga unha soa palabra. Porque é resaltábel sinalar que esta empresa traballa, entre outras, para a Consellaría de Educación.

Nélida terá que seguir reclamando. E sabe que terá o noso apoio. A súa travesía do deserto é fundamental para todas e todos, é unha contestación ás empresas que se negan a cumprir a lexislación porque buscan única e exclusivamente o seu lucro particular, procurando o sometemento dos seus traballadores e traballadoras. Empresas que, como Hedegasa, practican a represión na procura da máis moderna escravitude: traballadoras e traballadores mudos e castrados que temen reclamar os seus dereitos. É o seu mecanismo para vulnerar os dereitos da negociación colectiva, para impoñer o seu criterio, para seguir dominando.

Eu aplaudo a valentía de Nélida e digo que está a loitar por todas as mulleres e, tamén, polos dereitos das fillas e dos fillos a ter preto de si ás súas nais e aos seus pais. Cando reclamamos a extensión dos permisos de maternidade, de paternidade, de lactación, estamos, dalgunha maneira, a reclamar os dereitos dos que van nacer, das nenas e dos nenos de hoxe e de mañá, a nosa propia continuidade, xa que, como hoxe mellor que nunca podemos comprobar, só unhas boas condicións de protección da maternidade propician un mantemento dos índices de natalidade, que logo nos din que son necesarios.

Algo me proe aquí dentro, se cadra a memoria do leite triste da miña nai, de tantas nais que aleitaron ás súas fillas perdendo na batalla da historia. Por iso hoxe desexamos, por enriba de todo, que Nélida triúnfe.

Artigo publicado en www.galizacig.com
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 28-02-2010 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática